6 tendas na zona vella de Santiago para atopar o perfecto agasallo

Pode que a zona vella de Santiago xa non sexa exactamente como era 20 ou 30 anos atrás e que xa non sexa o lugar ao que unha ía mercar coa súa nai o mandilón da escola (#truestory). Certo que cada vez hai máis turistas e que cada vez semella que hai máis recunchos gourmet e máis espazos para comprar souvenirs (nos que cada vez hai máis variedade tamén, por outra banda), pero a zona vella de Santiago continúa sendo un lugar para ir de compras, aínda que sexas nativa.

E, por iso, fixemos, seguindo na liña que xa comezamos coa nosa selección de Vigo, un listado con recomendacións de tendas nas que se poden atopar perfectos agasallos (para os demais ou para unha mesma). En vez de abordar Santiago como un todo, desta volta optamos por quedar só cunha das zonas da cidade, esa zona vella.

Por suposto, isto é só unha selección de tendas. Faltan as librarías, aínda que os libros son o agasallo perfecto (ou iso pensamos), pero elas merecen o seu propio listado. Tamén falta polo menos unha tenda clásica para mercar agasallos, Quenlla SCQ. A última vez que pasamos por diante do seu posto na Praza de Abastos estaba en obras (comprobade nas súas redes sociais se xa volveron á praza cando necesitedes mercar regalos). E, claro está, invitamos a que deixedes nos comentarios máis suxerencias de tendas de agasallos na zona vella.

Maravalla

Rúa das Orfas, 24

Unha desas tendas nas que resulta moi complicado non mercar todo canto teñen á venta. Xabóns, candeas de olor, produtos de cosmética… É un paraíso das cousas que arrecenden ben. Podes atopar moitas cousas para facer o agasallo perfecto, pero – para que mentir? – eu penso que o mellor é ir cunha mesma en mente. Autorregalos sempre!

Boles, Artesanía Útil

Ruela de Altamira, 3

Moi preto de Catrineta, a tenda de conservas que dubidei se incluír (porque si é perfecto para facer agasallos gourmet, pero entón teríamos que ampliar o listado a cousas de comer e iso merece outra lista a parte. Tede en conta a Vide Vide tamén se o do comer e beber é o voso agasallo estrela). Non sei se abriron esta tenda pensando nos turistas (que si, son dos que tolean por este tipo de cousas) pero o certo é que tamén é unha opción para atopar cousas para regalar. Venden artesanía galega e moi especializada, como o seu nome indica.

Malvasia

Rúa de Xelmírez, 22

Levan xa uns dous anos abertos, como me explicaron cando preguntei pensando que era unha novidade nunha rúa que pode que sexa a que che solucione todo o listado de agasallos por facer (o que me fixo autoprometerme rollo Escarlata O’Hara que ía pasear máis atenta pola zona vella). É unha tenda de cousas cool. Hai libros, roupa, deseño, ilustración, incenso perfumado, xoias…

Merlín e Familia

Rúa de Xelmírez, 14

Seguir a Merlín e Familia en Instagram é un pouco tortura, porque sempre están subindo fotos de cousas que unha vai acabar querendo. Esta tenda é un pouco, para a redacción de Disquecool, o que Vaidhé é en Vigo: a tenda perfecta para facer compras para agasallos. Teñen unha selección moi coidada de artesanía, deseño e cousas moi bonitas (e algún que outro libro) que fan que sexa doado atopar algo para todos.

De Cotío

Rúa de Xelmírez, 26

Un clásico nas tendas de Santiago, pero non por iso menos relevante neste listado. O principal é neste caso a roupa, pero tamén teñen complementos, música ou xoias.

Ela Diz

Rúa Nova, 24

Tamén en Ela Diz o principal é a roupa. Xa falamos desta tenda cando estaba na súa primeira ubicación na zona vella, antes de que mudar para a rúa Nova. Sen embargo, conta tamén cunha selección de artesanía galega e complementos que poden servir perfectamente para atopar o agasallo perfecto.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *