Se ides a Lisboa ou a Porto, seguramente algunha vez entrariades nalgunha desas tendas encantadoras nas que se pode mercar conservas. Teñen un certo aire retro coas latas en estantes que chegan do chan ao teito e con paquetes fermosos que dan ganas de facerse con todo o que teñen á venta. Posiblemente nalgunha desas tendas vos fixestes unha pregunta: como é que en Galicia, o paraíso histórico das conservas, non hai tendas como estas? Se tivestes esa dúbida existencia, estades de noraboa. Santiago de Compostela ten xa unha tenda de conservas tan cool como as portuguesas. Chámase Catrineta e está ao lado da Praza de Abastos.
“A idea xurdiu porque pensamos que en Galicia hai moi bo produto e pagaba a pena darlle unha volta máis“, explícanos un dos responsables da tenda. As conservas son feitas en Galicia e algúns produtos en concreto directamente galegos. Os mexillóns ou os bivalvos saen das rías galegas. Catrineta recibe xa enlatado estes alimentos e eles poñen o packaging. “Probamos moitas conservas e tomamos a nosa decisión”, apuntan sobre como escolleron a materia prima. En total hai unhas 30 a 40 referencias, algunhas son os mesmos peixes pero con salsas diferentes. Os prezos non son caros, porque as conservas non son un produto realmente caro, aínda que para algunhas cousas teñen que botar man das marcas gourmet. “Queremos ter produto que non é fácil de atopar en outras partes”, dinnos. Teñen tamén algunhas iniciativas solidarias e especiais, como unhas anchoas que ten detrás a unha cooperativa de Santiago ou outra artesanal chegada de Burela.
O packaging dos produtos é tamén especial, posiblemente un dos elementos que che levará directamente a facerte con elas. “Fixemos unha etiqueta retro, aínda que non era a nosa intención”, confesan. Cores que semellan sacados doutra época, papel de empaquetado en vez de caixas ou un logo de aires moi vintage fai o xogo do produto-obxecto.
O espazo no que está Catrineta tamén ten unha historia que axuda a namorarse da marca e do produto. Ata finais dos 90, o local de Catrineta era un dos clásicos (e en extinción) ultramarinos de Compostela, establecido en 1950. O mobiliario recolle algunhas cousas do ultramarinos orixinal. Os de Catrineta pintaron e restauraron o que estaba roto e engadiron algunhas cousas de locais retro que encaixan perfectamente coa atmósfera do local.
Catrineta está na Ruela Altamira, 2 en Santiago. E non pensedes que algo tan exótico é para turistas: composteláns, debedes ir en masa
Fotos | Andrés Fraga
Adoro a Catrineta, gosto muito do estilo do comércio, das latas gaelgas em galego e da conserva portuguesa.
Só uma coisinha, no título está escrito “Cantrineta” e a empresa é “Catrineta”, pelo poema “A nau Catrineta”
Certo e cambiado! :) Graciñas polo aviso!