Posiblemente – e despois de todas as críticas de series que levamos feitas – xa saberedes que as series de época gústannos máis que a un neno un doce. Por iso, esta mañá non o dubidamos (aínda que leades isto na xornada posterior, como bo recap está escrito xusto ao rematar): cando vimos que a TVG ía estrear Salgadura decidimos que alguén da redacción de Disquecool tiña que vela. A idea é prometedora: unha miniserie que segue a unha saga familiar da industria das salgaduras e conservas en Galicia. Unha coprodución galego-catalá con vestidos de época, dramas familiares e guerras (que é o século XIX en España máis que guerras e guerras?) a cachón. Ana en Vigo e eu en Santiago (cada unha cos seus recursos, eu tiven que recorrer a un mix de streaming en navegador e app para smartphone) seguimos o capítulo un. A conclusión: A TVG (amigada coa tele catalá) non é a BBC pero mellorou unha barbaridade dende a última vez que ámbalas dúas lle tiveramos dado unha oportunidade a unha serie patria.
Salgadura conta a historia da familia Roig, unha saga de orixe catalá do mundo da conserva. En teoría están inspirados na familia Massó, pero como ningún de nós foi aínda ao museo Massó en Bueu non podemos dicir canto hai de realidade e canto de mentira. Joan Roig chega a Galicia enviado por Gallup, un rico catalán que ten unha filla da que Roig está namorado. Pero Roig non só é liberal (e está perseguido polo exército, que escribiu uns cantos panfletos) senón que ademais non ten un can. Gallup dálle un ano para facer que a súa salgadura galega dea beneficios e logo (será rico, claro) poderá pedir a man da filla. Todo vai moi ben ata que a filla decide que é mellor casar cun negreiro (vale, hai unha partida de póker de por medio, pero non pensedes que ela non estaba a favor) e Roig está a piques de morrer de tristeza. Pero só uns segundos. Pronto fai unha promesa ao sogro falido que é unha das grandes frases melodramáticas da serie: “Algún día hei ser máis rico que vostede. E daquela vai saber o que perdeu a súa filla”. Roig decide crear o seu propio emporio das salgaduras, axudado por un traballador local (cunha irmá, Sagrario, que pronto caerá nos brazos do protagonista)de familia humilde e un neno pobre que servirá de gancho para a escena claramente tráxica que toda miniserie merece. Non pensedes que o camiño ata a fortuna é sinxelo. O que acabo de contar é só o comezo. Despois agardan traizóns (familiares, de negocios, etc), sexo pouco satisfactorio para unha pobre rapaciña (que disque ten 18 anos…) contra un piano e fillos de variadas condicións. E guerras, por suposto.
Debo confesar que antes de sentarme a vela, eu tiña moito medo. Temía o vestiario, temía a ambientación e temía o argumento. Sobre todo temía as dúas primeiras cousas. Odio o que xa bauticei como o ‘efecto El secreto de Puente Viejo’: esas series de época que collen catro disfraces de época de Entroido e pensan que con iso xa van a dar un toque suficientemente retro. E tampouco me gustan as que apostan polo grandioso e despois recorren sempre aos mesmos decorados ou sitúan todo en escenarios de interior. Afortunadamente iso non sucede en Salgadura. O vestiario é bastante realista. A moda masculina non cambiou moito ata mediados do século XIX (se algunha vez podedes facer unha visita guiada no museo do Traxe explicaránvolo moi ben), pero a moda feminina daquela época foi moi volátil, cos vestidos imperio/rexencia dos comezos (liberdade por primeira vez para as mulleres) e a volta (lembrade o libro de historia e o que pasou xusto despois do fin de Napoleón) aos traxes aparatosos que non deixaban moverse. Polo de agora (e vendo ademais como as van vestir no próximo capítulo) están cumprindo. E non só iso!! Os pobres van vestidos de pobres (e teñen aspecto lamentable: Sagrario vai sen maquillaxe milagre e cos labios cuarteados) e as mulleres de boa familia non levan sempre o mesmo vestido porque aos de vestiario non lles deron máis presuposto. Polo que toca aos decorados, son variados, son realistas (os pobres viven pobremente) e son os adecuados.
A historia tamén está bastante ben. Aínda que eu fixen varias predicións moi acertadas sobre o que ía acontecer (non apostamos cartos, aínda que Ana dixo que debería deixar o xornalismo e comezar a escribir miniseries para a TVG) (TVG, o meu mail está ao final deste artigo – ou nesta páxina – e teño xa unha chea de ideas, algunhas xa as din gratis), ninguén pode dicir que todo é demasiado obvio. A ver, vexamos, claro que é obvio (xa sabedes: amores frustrados, morte, ricos, pobres, rapaciñas que esperan demasiado do matrimonio…) pero é que iso é o que se espera dunha boa miniserie melodramática. Ata hai un malo malísimo (realmente malísimo, eu téñolle aprecio porque son así, pero quizais é demasiado dickensiano) decidido a ser o antagonista satánico de todos os personaxes bos desta familia. Se cadra, todo pasa un pouco rápido (as relacións están suxeridas con pinceladas e o momento no que comeza a primeira relación amorosa de Roig en Galicia tanto Ana coma min quedamos un pouco sorprendidas polo inmediato) pero , en fin, é unha miniserie.
É Salgadura perfecta? Non. Non é unha serie británica (os británicos son Deus no mundo das series de época) aínda que está claro que a TVG tamén está vendo producións de época do Reino Unido e aprendendo (o protagonista é realmente feo, punto un de britanicidade; teñen a man do máis alegre para matar personaxes, punto dous do manual da perfecta serie british). A cabeceira é posiblemente unha das peores que vin en moito tempo, nada que ver cos coidados e marabillosos títulos de crédito de, por exemplo, Downton Abbey. Pero o peor, o peor con diferenza ata o punto de facer chorar ao neno Deus do mundo das series (seguro que o hai), son as voces. A serie está dobrada.
Tivemos un debate vía chat de Gmail sobre o idioma orixinal. Falan todos en castelán? Falan algúns en catalán (despois de todo, trátase dunha coprodución galego-catalá e o director Jesús Font é catalán)? Hai un mix de idiomas? Alguén fala en galego? Como dixo Ana, o efecto final rompe os nervios de calquera. É molesto. As voces son demasiado de estudio (onde vai o son ambiental??? non deberíamos escoitar gaivotas ao carón do mar?) e eu botei demasiado tempo intentando ler beizos para saber se os actores galegos falaban en galego no mundo ‘real’ (penso que si). A recomendación de Ana para a TVG é que a emitan en VOS. Os que falan galego que o falen, os que falan catalán que o fagan. Se queren facer algo de calidade, defende, deberían aceptar que os telespectadores estamos acostumados a ver cousas de calidade. Que cada quen fale no idioma que teña que falar. E a verdade é que ten razón. Se os personaxes cataláns falan en catalán e logo falan en galego con acento cando chegan a Galicia, sería do máis normal.
Fotos | CRTVG
Eu gostei da série, do cenário, do argumento. Concordo com as vossas críticas. A dobragem é penosa, deveríamos de ouvir tudo em VO.
Só não estou de acordo numa coisa: as roupas. Os pobres levam calçado, para mim é incrível. Não há muito as pessoas não tinham um par de sapatos ou tinham só um (e para ir à missa)
non nos decatamos do dos zapatos! Graciñas polo apunte! :)
Hola! Soy una de las guionistas de Salgadura (con Miguel-Anxo Murado). Gracias por la crítica. Sólo quería responder a la pregunta del lenguaje: la serie se escribió en gallego (los personajes gallegos hablan gallego entre ellos), catalán y castellano. Estoy de acuerdo con que lo ideal sería subtitular las partes en gallego o catalán según donde se emita, lo que daría mucho más realismo a la serie y mejoraría el sonido final. Pero me temo que sobre eso se imponen los criterios de las cadenas. Un saludo y gracias de nuevo.
Algo tarde estou vendo a serie dende que se estrenou, a través da web de TV3. Pero ahí vai a miña “crítica”… Idioma: Efectivamente, tal e como di Carme, estouna escoitando en galego, castelán e catalán e así queda perfecta. A ambientación, sobre todo en exteriores, è boa, rodada en lugares como Caldebarcos, Quilmas ou Meloxo. Se cadra algúns detalles “modernos” escapáronse, como algunha boia de goma ou chalanas co foraborda posto en Quilmas, ou dornas na ría de Corcubión, pero nada grave. O que non me convenceu foi p ambiente aristocrático dos cataláns galegos, vivindo nesas casas tan opulentas (casa América) estilo colonial. Os fomentadores vivían en casas propias do país anexas ós seus almacén e, aínda que da burguesía, a vida que levaban non era tan aristocrática como se mostra. O ritmo da serie é algo rápido, pero supoño que a causa de que só foran dous capítulos. Quedei coas gañas de máis…