As series que chegan do Norte

Está claro, todo no norte é mellor. Teñen horarios normais, salarios normais, unha baixa de maternidade de dous anos. Tamén na decoración gañaron, o estilo escandinavo esténdese polas nosas casas (e os nosos corazóns) e non recordamos que nos gustaba antes de que o branco e a madeira o invadisen todo. Despois púxose de moda a literatura nórdica, coa triloxía de Stieg Larsson como estandarte. E agora é a quenda das series, que comezan a desprazar ás americanas e británicas que estabamos a ver ata este momento.

Pero non vos creades que o fan todo ben. Saben facer comedias? Saben facer dramas históricos? Saben facer telenovelas? Non. Os nórdicos só serven para o thriller (e iso quizais signifique algo). Pero iso o están a facer moi ben, e aquí deixamos 5 probas.

1. Forbrydelsen 

É unha serie danesa que segue a investigación dun crime por parte do departamento de policía de Copenhague e está protagonizada pola detective Sarah Lund (famosa polos seus xerseis invernais). O máis característico é que cada episodio se corresponde cun día da investigación. En Estados Unidos fixeron a súa propia versión: ‘The killing’.

2. Den som dræber (coñecida popularmen como Those who kill)

Tamén danesa, e tamén sobre o departamento de policía de Copenhague, neste caso, centrada nunha unidade especializada nos asasinos en serie. Consta só dunha tempada porque no seu país  non tivo moito éxito de audiencia, pero aínda así están a preparar un remake en Estados Unidos.

3. Wallander

Esta serie sueca está baseada no personaxe de ficción Kurt Wallander (un inspector de policía na cidade de Ystad), creado por Henning Mankell, aínda que só un dos episodios está sacado literalmente das novelas, e o resto segue tramas orixinais propostas polo propio Mankell. A BCC fixo un remake e puxo de protagonista a Kenneth Branagh.

4. Borgen

Outra serie danesa, pero esta vez fora do ámbito policial. Entramos en política! A serie presenta a primeira ministra Birgitte Nyborg, chegada inesperadamente ao poder, e narra todas as intrigas e escándalos que van xurdindo ao seu redor. Tamén se está a preparar un remake americano.

5. Broes/Bron (The Bridge)

É unha co-producción sueco-danesa que segue unha investigación policial tras o descubrimento dun corpo na ponte que une Copenhague e Malmo, o que obriga as unidades de ambos países a traballar xuntas. En Estados Unidos fíxose outra versión colocando o corpo na fronteira con México.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *