Miss Marx: feminismo e socialismo no século XIX

Antes de sentarme na sala do cine, eu sabía máis ben pouco sobre Eleanor Marx. Tiña unha vaga idea de que as irmás Marx tiveran unha vida un tanto tráxica e que acabaran non alá moi ben, pero todo era un tanto nebuloso e pouco concreto. Persoalmente, creo que este foi o mellor punto de partida para empezar a ver Miss Marx, unha das últimas películas en chegar ás carteleiras (e só de cines). En Santiago está estes días na sala Numax (e diría que é o único cine de Galicia no que a poñen).

Eu fun ver Miss Marx sen moitas expectativas. Estaba en Santiago, decidín ir ao cine e vin que en algún lugar vendían a película como “a historia feminista e socialista que precisabamos”. Saír saín do cine con ese frenesí de teño que me poñer xa mesmo a ler a Wikipedia e mercar vinte biografías de Eleanor Marx para saber moito máis. As críticas que lin dende entón do filme non son especialmente boas, pero eu saín encantada e xusto o que critican parécenme algúns dos seus puntos fortes como historia.

Miss Marx é a última obra dunha directora italiana, que ao parecer ten unha película anterior que chamou a atención da crítica, pero que eu descoñezo completamente, Susanna Nicchiarelli. Aínda que a película é unha coproducción belgo-italiana, a película está feita en inglés. A protagonista é, de feito, Romola Garai, unha actriz clásica de películas de época. Nicchiarelli non fai un biopic clásico, pero realmente non sempre son necesarios os biopics clásicos.

A banda sonora é música punk actual (pero tampouco é algo que te expulse da historia en si) e a narración non segue eses patróns recorrentes das películas biográficas tradicionais. Aquí non vamos do berce á morte con todos os detalles. Miss Marx comeza in media res, no memorial trala morte de Karl Marx e co discurso que Eleanor dá a pé de tumba. Como ela mesma lle dirá despois a outra personaxe, trala morte do pai foi o primeiro momento na vida de Eleanor Marx no que non ten a responsabilidade de coidar doutra persoa.

A película vai contando os seguintes quince anos da vida de Marx saltando por momentos clave (pero non por iso é difícil seguir a narración). Así vemos a súa vida privada —que é a que merece un debate en profundidade, pero da que non quero facer spoilers— e a súa vida pública como muller política. Porque Eleanor Marx é unha peza fundamental do socialismo do século XIX, e a película transmíteo sen usar eses recursos obvios das cintas sobre persoas políticas, e unhas das pioneiras da loita polos dereitos da muller. Non cho conta —pero tampouco é preciso!—, pero a película deixa ver como de interesante é o seu papel como persoa pública.

Sen dúbida, creo que o mellor desta Miss Marx está en que tería sido moi fácil crear unha narrativa dramática e tráxica, converter a Eleanor Marx nunha personaxe de folletín e sacrificar con iso todo o demais. Sen embargo, esta película mostra a Marx como unha muller complexa, pero sen facerlle renunciar ao seu poder sobre a propia vida.

Shares