Dash & Lily: unha rom-com adolescente de Nadal para refuxiarse da escura realidade

Dash Lily

Unha vez lin que Travis, o grupo escocés, son tan riquiños que dicir algo malo deles é case unha forma de bullying. O mesmo penso mentres me alimento dos 25 minutos que dura cada un dos episodios de Dash & Lily, a nova serie coa que Netflix iniciou a temporada de Nadal. É todo tan doce e tan tenro e o mundo exterior é tan o contrario este ano, que unha só quere quedar no sofá baixo unha manta bebendo algo quentiño e enlazando episodio tras episodio.

Dash & Lily, baseado no libro xuvenil O caderno de desafíos de Dash & Lily, ten todos os ingredientes para resultar horriblemente empalagosa: dous adolescentes coñécense e comunícanse a través das mensaxes que se deixan nun caderno vermello, todo en Nova York nos días previos ao Nadal. Son ademais os típicos adolescentes raros máis listos que a xente da súa idade. El, Dash (Austin Abrams, da escola de Chalamet), odia o Nadal e despreza a xente. Ela, Lily (Midori Francis), ama o Nadal e ama a xente (aínda que non ten amigos da súa idade porque todos pensan que é rara). Por suposto, os dous son grandes lectores, e é nunha librería onde conectan por primeira vez: Dash atopa o caderno que a optimista e entusiasta Lily deixou cunha mensaxe para quen fose que o atopase. E aí empeza todo.

Pouco a pouco, a través das mensaxes e os retos que se van poñendo o un á outra no caderno, Dash e Lily van creando unha estraña relación: non se ven, pero pisan os mesmos lugares, e ademais os seus amigos si coñecen antes á outra persoa. O mellor amigo de Dash coñece a Lily cando ela vai deixar o caderno na súa pizzería. A tía avoa de Lily coñece a Dash cando este aparece na súa casa pensando que aí atopará a Lily. Todos os secundarios están volcados na relación incipiente, esa que quizais faga de Dash alguén menos cínico e de Lily alguén menos medorenta a saír ao mundo. Todo antes de que os protagonistas se atopen en persoa.

Por que funciona? Quizais porque nada é branco ou negro. Dash querería ser máis cínico do que é e  xa se lle escapan sorrisos e momentos nos que baixa a garda desde o piloto. E Lily, pese a toda esa aura de rapaza-rara-que-le-ama-o-Nadal-e-se-fabrica-a-súa-roupa, consegue non ser unha manic pixie girl, o cal é todo un logro. É unha visión da adolescencia bastante nostálxica e agarimosa. Hai luces (e non só as de Nadal) e hai sombras e están eses medos e dúbidas e inseguridades que van pouco a pouco enchendo as páxinas do caderno de confesións.

Polo que lin por aí, ademais, a visión de Nova York en Nadal é bastante real, o que fai que a nostalxia suba varios puntos este ano no que as rúas non estarán tan cheas de xente. 

Non a vexades se odiades todo o relacionado co Nadal, pero se tedes unha cita anual con Love Actually ou The Holiday e non vos importa o xiro adolescente (que en realidade podes vela pensando que xa teñen os 20 cumpridos, que é a realidade dos actores), recoméndoa moitísimo. É como darse un baño quentiño, como merendar chocolate con churros, como poñer un xerséi máis e botar unha manta por riba. Algo que sempre fará que te sintas mellor. E iso é algo que non se pode deixar escapar en 2020.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *