Mrs America, a última serie feminista de HBO

Dende que o feminismo se volveu máis popular, as series que se presentan como feministas ou que abordan temas vinculados coa historia das mulleres e a historia do feminismo foron en aumento. Os dous puntos parécennos marabillosos, a pesar de que –como moitas desas series veñen de EEUU– son moi estadounidense céntricas. O último engadido ao listado é Mrs. America, unha serie da plataforma Hulu que xa se pode ver completa en España en HBO. E, como dixen nun grupo de WhatsApp, agora que xa vin todos os capítulos non podo máis que dicir que tedes que vela.

Antes de entrar en materia, debo falar dunha normativa estadounidense (e facer un pouco de spoiler… aínda que podemos falar de spoilers cando falamos de historia?). A ERA, Equal Rights Amendment, é unha proposta de enmenda para a constitución estadounidense. A primeira vez que se propuxo esta enmenda foi nos anos 20, por dúas feministas dos comezos do século. A enmenda buscaba garantir por lei, meténdoo na constitución, que todas as persoas serían consideradas iguais sen ter en conta o seu xénero.

Nos anos 20, non tivo ningún éxito, pero cando foi recuperada a idea nos anos 60 tomou forza, ganou apoio maioritario e pasou a votación nas dúas cámaras estadounidenses. Tras esa aprobación, precisaba que 35 dos 38 estados dos EEUU ratificaran a norma. E todo parecía que fluía sen problemas. A idea da igualdade era unha cuestión de lóxica e as feministas tiñan, nos anos 70 nos que esta segunda parte do proceso se ía poñer en marcha, un crecente poder político. A ERA víase como un fait accompli.

Levaban acumuladas xa moitas ratificacións cando Phyllis Schlafly, unha activista conservadora (que se presentaba como unha simple ama de casa, pero que era unha muller política), lanzou unha campaña de presión contra a norma, acusándoa de romper coa idea tradicional, de impedir ás mulleres ser amas de casa e esposas (falso) e de abrir a man a que as mulleres tivesen que ir á fronte de batalla en caso de guerra (igualmente falso, pero moi popular). Schlafly foi facendo cada vez máis ruído, gañando ascendente político e a ERA quedou paralizada. Aínda hoxe en día a constitución estadounidense non recolle a igualdade de xénero.

E esa última parte do proceso, a batalla entre as emerxentes activistas conservadoras e as feministas –de toda a escala política– defensoras da ERA é a que recupera Mrs America. Non vos deixedes enganar polo primeiro capítulo, dedicado a Phyllis Schlafly e que pode parecer a primeira vista un intento de facer máis simpática a súa figura (non o é), e continuade vendo, porque Mrs America é unha serie que, a pesar de falar sobre algo que aconteceu nun país concreto e nun momento da historia exacto, reflexa moi ben moitos dos mecanismos que aínda hoxe en día marcan a axenda ou, case mellor dito, é un espello moi interesante para comprender como eses mecanismos se puxeron en marcha.

Schlafly e as súas colaboradoras usaban argumentos completa e absolutamente falsos, que repetían ata que sonaban como verdadeiros, por exemplo, e apoiáronse nas bases do cristianismo máis extremista estadounidense, que logo usará o Partido Republicano para chegar ao poder (impoñéndose primeiro dentro do partido e logo fóra do mesmo). Do outro lado, a serie mostra aos grandes nomes do feminismo da época, como Betty Friedman ou Gloria Steinem (que non é nada fan da serie), pero non como heroínas perfectas, senón como mulleres reais coas súas contradicións e os seus erros e que loitan por moitas das cousas polas que aínda temos que loitar agora.

Foto | HBO España

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *