6 series para a apocalipse e a fin do mundo

Pasou xa o momento viral do gran apagón ese? (que xa deixaron claro que non vai pasar!). Non pensedes que estamos facendo esta selección por darlle bóla ou porque creamos que vai pasar, nada tan lonxe. O certo é que durante estes case dous anos pandémicos estiven vendo series e máis series nas que os protagonistas tiñan que enfrontarse a toda clase de apocalipses. Dáme paz mental ver a fin do mundo falsa mentres todo parece andar patas arriba? Será iso (así empezou a miña pauta de consumo destes contidos, confeso). Todo pode ser peor no mundo: só lle tes que meter zombis.

Tras velas chegarás á conclusión de que o papel hixiénico que obsesionaba á xente no primeiro tempo do covid non importa nada: o que tes é que mercar comida en lata.

Braindead

Esta é a primeira serie que os King –Michelle e Robert, os creadores de The Good Fight, unha serie que deberías ver xa mesmo– dedicaron aos zombis. Uns bichos do espazo exterior comen o cerebro dos incautos humanos e os converten nas súas criaturas, exacerbando as súas paixóns políticas. A serie é de xusto antes da vitoria de Trump e véndoa anos despois funciona aínda mellor, porque podes xogar todo o tempo a ver profecías políticas.

The Walking Dead

Persoalmente, esta foi a serie a que me enganchei no verán de 2020, no meu momento de máis baixa moral pandémica. Pode parecer case contraintuitivo, pero a min funcionoume.

Rick, un shériff estadounidense, esperta dun coma e atópase nun hospital baleiro. Non entende nada, claro, porque o que el non sabe é que mentres durmía arrincara unha apocalipse zombi. A serie comeza coa clásica historia de heroe americano, pero vai gañando moitísimo co paso das tempadas facéndose por momentos máis escura e, sobre todo, moito máis diversa (o que gañan as personaxes femininas co paso das temporadas e os cambios na dirección da serie!). Está en todas as plataformas importantes de VoD.

Ten dous spin-offs, un moi malo (The Walking Dead World Beyond) e outro un tanto irregular (Fear the Walking Dead, a temporada previa a que estamos vendo agora foi a miña favorita).

O colapso

A serie francesa –e intelectual– sobre que acontece cando colapsa o mundo. Non da moitas explicacións sobre que pasou realmente para chegar á situación e os capítulos son breves e saltan dunhas historias a outras, mostrando o que lle pasa a diferentes grupos de xente. O sistema colapsou e de súpeto non van as tarxetas de crédito, non hai combustible e a xente entra en pánico intentando deixar as cidades pero sen saber moi ben cara onde. Agora mesmo está en Filmin.

The Bite

Volvemos aos King: é unha serie de duración limitada (e moi poucos capítulos), que foi o seu proxecto pandémico. Nun Nova York en medio da primeira vaga do coronavirus empezan a pasar cousas raras: a xente está sendo mordida por outra xente!! (A CDC non quere que entren en pánico, así que empeza a falar do virus SUN-9, sol-9). Unha doutora de familia e a súa veciña, unha dominatrix, son quen están investigando para descubrir a verdade. Non hai tanta sátira política como en Braindead, pero ten o mérito de ter sido gravada durante os períodos de distanciamento social, mantendo aos actores separados, e que non esteas pensando todo o tempo niso. En Movistar+.

Into the night

A ver, esta serie é mala, moi mala. Tamén vos digo que eu vin as dúas tempadas practicamente do tirón. É a clásica historia que ves porque te engancha, sen saber moi ben por que levas tanto tempo aí sentada (como unha peli de tarde, vaia). Xa cando rematas de vela e o pensas, é cando comezas a ver todos os buracos da trama, pero e o ben que o pasaches durante o visionado?. Mais adiante, que non digan que non vedes series belgas. A luz solar convértese en daniña (si, si, que te mata aínda que te metas baixo unha manta ou te escondas nun garaxe) e os nosos protagonistas teñen que voar ao redor do mundo indo sempre en dirección á noite. En Netflix.

Years and years

A serie apocalíptica que se converteu en viral hai uns anos porque parecía que estaba prognosticando o futuro. Unha familia británica, os Lyons, percorre quince anos do futuro próximo en Reino Unido, de forma paralela a un contexto británico e europeo ben complicado. Non é Cuéntame futurista, senón unha visión arrepiante de como poderían ser as cousas. Está en HBO Max e Movistar, pero tamén gratis en RTVE Play.

E un extra: Buscando un amigo para a fin do mundo

Non é unha serie, senón unha película. E se eu a gocei a pesar do moito que me fatiga Steve Carrell, todos podedes vela. Un asteroide vai impactar contra a terra e as autoridades tiraron a toalla. Vamos, que non é unha película desas superheroica de xente que vai estoupar o asteroide e salvar a humanidade.

Aquí xa nos din que non se pode facer nada, así que todo o mundo se lanza a unha carreira por ser felices no tempo que lles queda. Incluídos os dous protagonistas, un tipo pesimista e deprimente e unha moza optimista. A pesar dese terrible punto de partida, é unha película feel-good. En Starz.

Shares