«This Is Going To Hurt»: unha defensa da sanidade pública que, si, doe

Unha das cousas que pensaba todo o tempo mentres vía This Is Going To Hurt, a serie da BBC que Movistar+ estrea hoxe como Esto te va a doler, era que debería vir precedida de múltiples advertencias ou trigger warnings. Non a vexas se non tes estómago para sangue ou imaxes bastante explícitas de operacións como cesáreas, non a vexas se estás embarazada, non a vexas se tiveches algunha experiencia médica traumática relativa a un embarazo, non a vexas se es alguén da rama sanitaria e vives explotada, non dormes, traballas demasiado e tes imaxes de casos que saíron mal que aparecen cando pechas os ollos. Ou podes vela, porque en realidade paga moito a pena (quen diría despois dese parágrafo introdutor, eh?), pero dirixe as queixas á BBC por non avisar e non a min por recomendala.

This Is Going To Hurt está baseada no best-seller autobiográfico de Adam McKay, xinecólogo que abandonou a Medicina para meterse a escribir. Na serie seguimos día a día de Adam, interpretado por Ben Whishaw (The Hour), un xinecólogo obstetra residente nun hospital do NHS, o sistema de saúde público británico. Como é o seu día a día? Estresante, abafante, demoledor. O doutor Adam traballa sen parar cos poucos medios e recursos da sanidade pública, case non durme e, como non, todo isto ten consecuencias: en como trata ás súas pacientes e aos seus colegas —especialmente aos dun rango inferior, os superiores xa o tratan mal a el—, en decisións médicas que toma baixo presión, na súa vida persoal. Adam vive co seu mozo, ao que case non ve ou ten que deixar tirado porque o chaman do hospital, e a quen non lle conta nada do que o atormenta deses días e noites longas correndo de parto en parto. A serie está ambientada en 2006, ademais, cando moitas cousas eran distintas: os compañeiros de traballo, por exemplo, non saben que Adam é gai.

A serie non é fácil de ver: ten moito humor negro e é divertida en moitos momentos, si, pero tamén xera moito sentimento contraditorio. Por unha banda, odiar a Adam cando é o peor é moi fácil; por outra, empatizar con el tamén. Porque, como non, sabemos que é boa persoa, alguén superado por un sistema que parece deseñado para poñer a proba vocacións e saúdes mentais. Temos moitos momentos nos que vemos claramente a súa humanidade e o moito que se preocupa polas pacientes, pero tamén outros nos que lles falta o respecto de forma directa ou indirecta. Entendemos por que, ás veces ata estamos de acordo, pero como a nosa perspectiva da vida real é a de pacientes tamén queres que o despidan, que lle abran expediente, que se entere de que non pode ser así. (Sábeo, e saberá aínda máis cando remate a serie).

Se somos quen de empatizar co doutor Adam é, claro, grazas a que quen interpreta é Ben Whishaw. Aquí igual debo meter un aviso, unha nota de transparencia: eu estou algo —moi— namorada de Ben Whishaw, penso que todo o fai ben e que é o mellor actor británico da actualidade. Aquí tamén é un acerto: vemos todo o abano de emocións. Temos o seu esgotamento, o seu enfado e frustración, as súas respostas sarcásticas e faltonas. Pero entón fai iso coa súa cara, sabemos que está a piques de botarse a chorar,  sorrí un pouco, vemos os seus ollos iluminarse cando algo que lle preocupaba sae ben, e por suposto que queremos que todo se resolva no seu favor.

É o protagonista absoluto e a serie é un festival para fans, pero hai outro personaxe que deixa pegada: Shruti, a súa inferior directa, moito máis sobrepasada aínda, que non é de familia rica como todo o resto dos médicos (Adam en particular é tamén bastante clasista), que ten a uns pais aos que sempre lles di que todo vai ben aínda que non sexa así. 

No Reino Unido, onde se estreou a serie hai xa un mes, a recepción foi variada. A crítica polo xeral foi moi positiva porque é un serión (e, segundo parece, médicamente impecable), pero houbo tamén quen tachou a produción de sexista. É unha serie da BBC de 2022 misóxina? Eu penso que non, pero entendo de onde sae a crítica. A serie conta sobre todo a perspectiva dun doutor en particular nun momento específico e en moitos casos as pacientes son o branco de xiros de humor, o que en ocasións resulta algo incómodo. As cousas que Adam di nese hospital de 2006 terían maiores consecuencias nun de 2022. Ao ser a súa perspectiva, pode dar a sensación de que non se trata aos pacientes como persoas; e os pacientes, neste caso, son mulleres, son as pacientes.

Pero ese dano colateral é parte do que penso que busca denunciar a serie: é, aínda que non o pareza, unha defensa dos sistemas públicos de saúde (hai un episodio específico no que queda moi patente) e unha denuncia do que fai ao seu persoal traballar con tan poucos recursos. Cando o doutor Adam (e todos, en realidade) é desagradable con alguén, entendemos perfectamente por que. Nos comentarios dunha crítica en The Guardian na que dicían «e isto en 2006, antes da crise», traballadores do NHS dicían tanto que si, que non estaba esaxerado, como que pese aos recortes hai cousas que están mellor: hai protocolos distintos, os médicos non poden traballar tantas horas, hai máis concienciación respecto aos dereitos das pacientes.

Só por Ben Whishaw xa pagaría a pena ver a serie, pero por se non compartides o meu fanatismo, podo darvos máis razóns: é complexa, divertida, estremecedora e devastadora. Pero remata cunha pincelada de esperanza. Non todo é terrible na sanidade pública: afortunadamente e pese a todo, está chea de profesionais os que aínda que non sempre nolo pareza si lles importamos, que se preocupan pola nosa saúde e que, de forma máis ou menos directa, salvan vidas. Outro punto ao seu favor? A banda sonora é de Jarvis Cocker.

Shares