Unhas cantas series optimistas e con capítulos curtos para ver con bo humor

Ver series optimistas e positivas, con certo humor e que che fan sentir ben, era unha das cousas favoritas para facer no comezo da pandemia. Agora, vinte millóns de anos máis tarde, as cousas tampouco cambiaron tanto e seguimos precisando unha certa evasión optimista. Esas son as bases da nosa selección de recomendacións en series, sumando ademais que os capítulos sexan curtos e por tanto velas resulte algo lixeiro.

Schitt’s Creek

É unha desas series que empezas a ver e dis “pois non é para tanto”, pero logo chegas ás temporadas finais e pensas que é unha obra mestra cos ollos cheos de bágoas pola emoción. Por culpa dun malvado xestor que lles desfalcou os millóns, os Rose perden toda a fortuna.

O único que lles queda é un pobo no rural de Canadá que mercaron un pouco pola broma. Así que alá marchan os Rose, os pais e os dous fillos de certa idade, a vivir a un motel cutre e nun lugar perdido da man de deus. Por suposto, sabes que van atopar unha certa felicidade e, sobre todo, a eles mesmos.

Unha serie que é, ademais, unha fábrica de memes e de gifs para todo tipo de situacións. En Movistar (tamén na versión Lite).

Ted Lasso

Persoalmente, eu odio Ted Lasso. Só vin os primeiros capítulos, pero serviron para que lle desexase o peor ao seu protagonista. E… precisamos unha serie ñoña sobre un home que está facendo un traballo para o que non está preparado? Pero dado que decidín que esta non podía ser unha lista simplemente de series que a min me gustan, téñoa que incluír.

Posiblemente sexa un dos escasos éxitos de Apple TV+. Aparece en múltiples listas de series feel good e artigos sobre a serie entrañable que me salvou a pandemia. Ted Lasso é fichado para adestrar un equipo de fútbol inglés, el que é en realidade do fútbol americano. É a clásica persoa Pollyanna que ve sempre o lado positivo das cousas. En Apple TV+.

Superstore

A España só chegaron as catro primeiras temporadas e eu estou esperando pacientemente a que cheguen as dúas últimas (que a derradeira é no mundo da pandemia!!). A min foi a serie nova que me mantivo feliz durante a pandemia (e non, en fin, Ted Lasso). Superstore é unha cadea de hipermercados (vamos, Walmart) na que traballan os protagonistas. A serie case nunca abandona a tenda e os seus espazos, pero pouco importa. É unha desas comedias laborais.

Entre broma e broma, e especialmente cara as últimas temporadas, falan de sindicalización, traballos lixo, os trucos das grandes corporacións, traballadores migrantes ou sanidade pública. En Prime Video.

The Office

A min, The Office non me funciona, pero coñezo unha persoa para a que é a gran serie de confort. Un xefe altamente inepto lidera as oficinas dunha compañía de material de oficina. Todas as relacións clásicas de traballo sumadas ás trapalladas de team building (lideradas polo xefe máis inútil da televisión) forman a base da serie.  En Prime Video

Brooklyn 99

Unha desas series que vai mellorando segundo avanzan as temporadas e que logra os seus mellores capítulos nas últimas tempadas. O capitán Raymond Holt consegue por fin que o destinen a unha comisaría despois de anos condenado a facer traballo de relacións públicas para a policía de Nova York.  Cando chega á súa comisaría, descubre que esta rodeado dunha panda de persoas pouco serias.

Nunca perden o humor, que é non poucas veces un tanto absurdo, pero iso non impediu que, como en Superstore, abordasen moitísimos temas complexos. En Netflix.

New Girl

Mirade, só por coñecer a Winston Bishop e ao seu gato Furguson paga a pena ver todas as tempadas de New Girl.

A serie empezou como unha especie de exaltación a maior gloria de Zooey Deschanel, que representa o papel dunha muller (cun fondo de armario espectacular, engadimos) que ten que deixar o seu piso tras deixalo co mozo e marcha vivir a un loft no que viven tres amigos. Logo, os amigos foron collendo protagonismo, a serie fíxose máis coral e converteuse nunha exploración millennial do principio da vida adulta. En Disney+.

Community

É un clásico na redacción de Disquecool. Non todos os capítulos soportan igual o paso dos anos e as tempadas son bastante irregulares (seino porque foi unha das series ás que volvín alá polo comezo da pandemia, no que parece que foi no ano 1004 aC), pero seguen tendo momentos brillantes.

Un avogado trapalleiro e perdonavidas é descuberto polo colexio de avogados como posuidor dun título falso e é condenado a recuperar todos os créditos que nunca aprobou nun community college (unha universidade cutre, o sistema dos EUA é moi chungo), no que acaba facendo un grupo de amigos inesperado. En Netflix.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *