Telecinco faino moi ben. A foto é unha das promocionais do seu gran derradeiro exitazo, a miniserie ‘La duquesa’, que conta a vida e obra de Cayetana de Alba. A galega faino moi mal. Algunha vez víchedes un biopic sobre algún galego interesante? Non será por falta deles… Hainos ás mans cheas. E en tódolos mercados. Na nosa carreira a convertirnos en inspiradores de biopics imos empezar por regalarlle á TVG a lista dos dez escritores galegos que poderían rachar cos topes de share no prime time.
10. Rosalía&Murguía. Certo, xa están máis vistos que o tebeo e a algúns xa lle aburren. Pero, qué mellor que empezar a casa pola parelliña máis coñecida e comentada da historia da literatura galega? E máis alá de santa Rosalía e do Murguía aburrido hai unha historia boa para unha miniserie. Só hai que escaravellar.
9. Castelao. Outro básico da literatura galega que tampouco tivo nin miniserie nin biografía populachera. O centenario da súa voda con Virxinia Pereira podería ser unha boa excusa (casaron no 1912). E que nos gusta máis que os homes de estado, divididos entre o amor pola súa dona e o amor pola patria?
8. Exeria. É a primeira muller escritoria de Galicia da que temos noticia. Se cadra era íntima de Prisciliano. Foi peregrina e deixou un libro de viaxe sobre a súa visita a Terra Santa.
7. Eduardo Pondal. Vale, vivíu de rendas no seu pazo, escribindo os seus longos poemas. E pouco máis. Pero, non tería tirón unha película sobre o pai do noso himno, un misóxino tremendo? Un home bastante chungo que nos daría para unhas cantas polémicas. E cos fermosos vestidos do século XIX!
6. Aurelio Aguirre. Contemporáneo de Eduardo Pondal. Era un poeta estupendo – ou iso din – pero suicidouse nunha praia coruñesa. Forzando un pouco as cousas poderíamos dicir que é o noso Lord Byron. Ah! E podese insinuar incluso que Rosalía estaba namorada del. Hai ou non hai material para un peliculón?
5. Curros Enríquez. Os clásicos están subestimados. Curros foi corresponsal de guerra, poeta, emigrante e polémico, moi polémico. E nós sen sabelo…
4. Juana Teresa Juega. Á pobre Juana Teresa xa non a coñece ninguén, pero foi unha poetisa de sorte desgraciada. O seu mozo disparou sobre ela e despois, tras crer que a matara, suicidouse. A razón de semellante violencia: ía publicar un libro de poemas. Co prefacio asinado por un home. Era 1908.
3. A Marquesa de Ayerbe. Era a ‘marquesa roja’ e desvaneceuse de Soutomaior (do seu castillo era marquesa) tralo seu segundo matrimonio. Morreu en París na miseria, segundo recolle un xornal arxentino, durante a ocupación nazi. Foi feminista e un dos grandes nomes da sociedade galega de principios de século. Quen quere á duquesa de Alba tendo a María Vinyals?
2. Emilia Pardo Bazán. Que dicir da obra de Emilia Pardo Bazán que non se saiba xa? O mellor é que fixo coa súa vida o que quixo, separouse do seu marido e disque tivo un número interesante de amantes. Ben por ela.
1.Sofía Casanova. Biopic para Sofía Casanova xa!! Foi unha das primeiras corresponsais de guerra de toda España, cubriu a Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa e casou cun home inestable que creía que iba ter con ela a un mesías. O seu marido, acomodado polaco, estaba convencido de que sería o pai do home que liberaría a Polonia do xugo opresor das tantas potencias que a dividiran coma un pastel. Nunca naceu ese neno, aínda que si catro fillas. E o marido polaco perdeu interés pola intelectual e culta Sofía.
Se cadra un pouco tarde, pero acabamos de descubrir que a Galega filmou un biopic sobre a Pardo Bazán, pero non sabemos cando o emitirán!
http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/a-galega-ultima-a-condesa-rebelde-unha-longametraxe-para-television-sobre-a-vida-de-emilia-pardo-bazan