Recompoñendo a Sofía Casanova

Margarita Fernández, dando vida a Sofía nun fotograma do documental

O seis de xuño de 1886 unha moza galega, loura, sen fortuna aínda que ben conectada coa alta sociedade madrileña (tanto que recitaba poemas ante o triste rei Afonso XII), coñeceu a un intelectual polaco, nada guapo pero moi interesante. A rapaza chamábase Sofía Casanova e acabou casando co intelectual polaco e marchando con el a Polonia, para vivir unha historia de desamor digna dunha novela. El casara coa estranxeira Sofía porque estaba convencido que el era o chamado a ser pai do salvador de Polonia, unha sorte de mesías que salvaría a nación da división entre tres estados e que tiña que ter unha nai non polaca. Sofía e o seu intelectual só tiveron catro fillas, unha morta de xeito tráxico, e iso acabou por separalos. Sen embargo, ela nunca volveu vivir en España e quedou en Polonia, onde viviu as últimas décadas do Imperio tsarista, a I Guerra Mundial, a Revolución Rusa (no mesmo San Petersburgo) e ata a II Guerra Mundial.

Esta muller sorprendente e hoxe moi esquecida escribía para o ABC, dando testemuña dos momentos históricos que estaba vivindo. Sofía foi unha das primeiras corresponsais españolas e a primeira en traballar realmente como correspondente de guerra. Durante a Revolución Rusa chegou ata a entrevistar ao nada accesible (lóxico, tendo en conta o momento) Trosky.

A figura de Sofía está sendo agora recuperada nun documental diferente, ‘A maleta de Sofía’, que mestura realidade e ficción para descubrir quen foi a reporteira de guerra, socialite e poetisa galega. “Coñecín a Sofía Casanova no ano 2001 grazas a unha proposta para facer un documental”, explica a través do correo electrónico Marcos Gallego, o director da película.”A partir deste feito e sobre todo das conversacións mantidas posteriormente con Rosario Martínez, autora de ‘Sofía Casanova. Mito y Literatura’, encontro un desencadeante metafórico, a maleta, e tamén unha biografía tan cinematográfica como tamén controvertida”, engade. A idea do falso documental leváballe dando voltas na cabeza un tempo e esta pareceulle unha historia moi efectiva para desenvolvela, explica.

“Sofía Casanova non só ten unha vida moi intensa e interesante, senón que ademais está moi ‘repartida’ xeograficamente”, apunta. SagaTV, a súa produtora, empezou a traballar na idea en 2005. Ata agora. Percorreron Galicia e Polonia seguindo os pasos de Sofía e construíndo a historia, que xa se presentou na Coruña e en Santiago de Compostela e en Drozdowo, onde vivía Casanova co seu marido e a súa familia. Polo momento, están a traballar para conseguir distribuír a película. TVE xa mostrou interese (non tanto, comenta Gallego, a TVG) e en breve tamén terá unha nova exhibición na Coruña, que mostrará no CGAI a vida descoñecida desta galega.

Ata agora poucos recuperaron a súa memoria, posiblemente porque Sofía Casanova non encaixa ao 100% con ningún ideario e non é unha heroína digna de santificar de ningunha ideoloxía. “Na miña opinión Sofía Casanova non e politicamente correcta e polo tanto non “interesa” a ningún dos bandos”, sinala Gallego. Que Sofía Casanova apoiase durante a Guerra Civil española ao bando franquista (algo que como explica unha das voces do documental fixeron bastantes intelectuais despois recuperados) engadiu unha mancha ao seu expediente que acabou sendo clave para o seu esquecemento.

Recuperarase algunha vez a historia de Sofía, complexa, novelesca, adiantada ao seu tempo nalgunhas cousas e demodée noutras? Se o falso documental de SagaTV chega á pantalla grande – ou á pequena – posiblemente despertará moitas dúbidas en quen o vexan. Os seus títulos de crédito finais son bastante indicativos para saber que había de mentira no que nos acaban de contar e a verdade queda, por tanto, moito máis espida.

*Sobre Sofía Casanova xa falamos no top ten dos escritores que merecen un biopic

*Para saber máis sobre ela, pódese aproveitar o pase o próximo luns no CGAI ás oito da tarde de ‘A maleta de Sofía’ para conmemorar o 150 aniversario do seu nacemento. Se non, sempre se pode botar man da biografía de Rosario Martínez, ‘Sofía Casanova. Mito y literatura’, editada pola Xunta no 99 e xa non moi sinxela de atopar en librerías. Eu conseguina en Amazon Francia, así que o libro chega, como a súa personaxe, dun xeito exótico.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *