Escritores nacidos en Galicia que levaron o Nobel ou que estiveron nomeados

Hoxe, a Academia Sueca anunciará quen son os gañadores do premio Nobel de Literatura. Sabemos que este ano serán dous porque a Fundación Nobel ten acumulado o premio de 2018.

O ano pasado, no medio dun escándalo que danou a credibilidade da Academia (o marido dunha Académica filtrou –supostamente– os gañadores varios anos, que foi o que fixo que a Academia pausara os premios e usou a súa posición de poder para acosar sexualmente –non supostamente: foi xa condenado– a varias mulleres, que foi o que indignou á xente), os premios en Literatura quedaron en suspenso. A Fundación Nobel entregou os demais galardóns con normalidade, pero non deu o de Literatura, que pasou ao ano seguinte.

Quen gañará? As quinielas din que será unha escritora –polo menos un dos dous premios– e que o premio será mellor en diversidade que en edicións anteriores (señores e de cultura europea). As favoritas son Maryse Condé e Anne Carson. E non, nas quinielas non aparece ningún escritor galego (nin da literatura galega nin nacido en Galicia).

O único Nobel galego, como persoa nacida en Galicia, é o que logrou Camilo José Cela en 1989. É o único Nobel de Literatura e o único en calquera categoría.

Recoñecemos que no noso fuero interno Cela é un escritor que nos dá moitísima preguiza pola súa condición de señoro (podemos usar un termo do século XXI para alguén que morreu antes de que fose mainstream? Podemos), aínda que a memoria de lectura de La colmena nos anos escolares na redacción é positiva. Se cadra deberíamos ir o seu museo en Padrón para que nos dean unhas cantas recomendacións de lectura e se cadra tamén deberíamos evitar os nosos prexuízos lectores. Pero recoñecemos que é o que hai. Podedes poñer aquí o emoji que encarta os ombreiros.

O xurado deulle o galardón por “unha prosa rica e intensa, que cunha compaixón contida forma una visión desafiante da vulnerabilidade do home” (e home é o termo que usou o xurado, non persoa).

A lista de galegos vinculados co Premio Nobel de Literatura é sen embargo máis ampla. Non se pode acceder a todo o histórico de nomeados dos premios, porque a Fundación Nobel só abre os seus arquivos ao público décadas despois do momento en cuestión (si, os segredos é o que lles mola). Por tanto só podemos analizar a lista dos nomeados entre 1901 e 1966, aplicando o filtro España como criterio.

A lista de escritores españoles nomeados ao Nobel de Literatura é moi variada, con presenzas e ausencias cuestionables.  Emilia Pardo Bazán non está, o que nos parece incrible (cando en termos de aplicar cuestións históricas si están homes con menos impacto literario naquel mesmo momento), pero tampouco nomes que logo serían pezas clave da literatura española (véxase o caso de Federico García Lorca, quen seguramente morreu demasiado pronto para o Nobel). Das literaturas que non son a española só hai un nome, o do escritor da Renaixença, Ángel Guimerá, que estivo nomeado varios anos.

De entre os nomeados podemos dous nomes de nacidos en Galicia, aínda que só unha desas persoas é realmente galega.

Unha das tres escritoras españolas nomeadas durante ese período ao Nobel de Literatura foi Sofía Casanova, que o foi en 1926, aínda no seu momento de máis fama antes de caer no montón das escritoras esquecidas. Casanova fora correspondente durante a I Guerra Mundial e a Revolución Rusa para o xornal ABC (dato interesante: foi a primeira xornalista non rusa en entrevistar a Trotski trala Revolución de Outubro). Posiblemente a candidatura viña pola súa obra de ficción, aínda que o papel de Sofía Casanova está na historia do xornalismo.

O listado complétase con xente-que-non-sabías-que-nacera-en-Galicia: é o caso de Ramón Ménendez Pidal. Naceu na Coruña en 1869, pero simplemente polo traballo do pai, que era maxistrado. Aos trece meses xa estaba vivindo en Oviedo e el mesmo consideraba que era asturiano. A familia de José Ortega y Gasset (nomeado en 1933 e 1951) era de Pontecesures, pero penso que considerar a Ortega y Gasset galego é fiar fino, moi do tipo artista de Hollywood que ten unha remota avoa vinculada a Galicia.

Galego era tamén Salvador de Madariaga, diplomático, ministro e escritor, pero non foi nomeado ao premio Nobel de Literatura, senón que o foi ao da Paz, en 1953 e en 1965.

Entre 1901 e 1966 ningún galego foi nomeado ao premio Nobel de Física ou ao de Química… porque non hai ningún nomeado de España. En Medicina houbo uns cantos candidatos entre 1901 e 1937 (aí remata a presenza de españois, aínda que a lista continuaría en teoría ata 1966) pero ningún era de Galicia.

Foto | Alexander Mahmoud, © Nobel Media AB 2018

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *