Libros que lemos en Disquecool: A arañeira, de Joseph Roth

De que libro imos falar? A arañeira, de Joseph Roth

De que vai? Theodor Lohse é un dos moitos soldados alemáns que volveron da fronte trala I Guerra Mundial, sen futuro e sen moitas expectativas. Empeza sendo estudante de dereito e instrutor privado para os fillos de familias ricas, pero acabase deixando enlear polas forzas chungas que se movían pola República de Weimar (e se falamos de forzas chungas e República de Weimar, de quen estamos falando?).

Por que che falamos del?  É unhas das novidades deste ano de Irmás Cartoné, cunha tradución de David A. Álvarez Martínez (e, por suposto, cunha desas edicións que fan de Irmás Cartoné unha das líderes na nosa lista de amores a editoriais).

Joseph Roth é un dos escritores que xa garanten que acabemos falando dun libro que sae ao mercado, porque é un dos nomes clave da literatura alemá de principios do século XX. Durante os anos 20 traballou como xornalista e empezou a publicar ficción. A arañeira foi publicada, de feito, por entregas. Roth escribe en tempo real sobre o ascenso dos nazis, nutrindo a súa obra do que estaba vendo e vivindo.

Que debes saber? Ler sobre os ascensos dos fascismos é moitas veces bastante duro, porque ben sabes todo o que vai vir despois (pero segue sendo unha lectura moi necesaria!). Esta novela é ademais case visionaria: Roth escribiuna antes do intento de golpe de estado de Hitler en 1923, abordando que facía que a mocidade se sentise atraída polos fascismos (iso si, nunca vas sentir empatía polo protagonista).

A novela non ten final: a publicación de A arañeira parouse xusto cando o protagonista está escalando posicións. Aínda así, non importa para a lectura.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *