Por que tes que ler Persuasión xa mesmo

Se hai un tema que está dominando o meu feed de Twitter nestas últimas semanas, é o de Persuasión, a novela de Jane Austen. Pode que o mundo estea en crise – pero levamos en crises dende polo menos 2008 e penso que ao algoritmo xa lle parecen noticias vellas – e pode que pasen non sei cantas cousas en política mundial. Ao meu feed, o que verdadeiramente o indigna é o que Netflix fixo cunha novela de hai 200 anos.

A adaptación a película –sae hoxe e eu aínda non a vin– fai unha aposta pola rom-com (xa analizamos frame a frame o tráiler) e converte a Anne Elliot, a protagonista, nunha Bridget Jones do 1800 (non o digo eu, senón algunhas críticas). Eu xa pechei cunhas amigas quedar para vela e odiala xuntas, pero creo que todo este rebumbio ben debe servir como escusa para ler o libro. Velaquí unhas cantas razóns.

Persuasión ten unha edición galega

A primeira, e a máis simple, ler Persuasión non costa moito: o libro ten unha edición en galego. Irmás Cartoné publicou en 2017 unha tradución. Só tedes que ir a librarías ou bibliotecas para atopala.

A propia historia é un reclamo

Persuasión é a novela de madurez de Jane Austen, pero tamén o é en termos de trama. A súa protagonista non é unha rapaciña nova casadeira, como nas demais novelas da autora británica, senón unha solteirona. A novela fala das segundas oportunidades e, sobre todo, da importancia de tomar decisións por unha mesma. Anne Elliot, a protagonista, estivo a piques de casar cando era nova cun mariño, pero a presión da súa snob familia levou a dicirlle que non ao pretendente. Anos despois, o mariño triunfou socialmente e Anne volve a atoparse con el nos seus círculos sociais.

Jane Austen a radical!

Cada quen acaba arrimando a ascua á súa sardiña. Se queres ler a Jane Austen en clave – na túa clave – podes, claro que si. Eu leoa en clave revolucionaria e feminista (e vaia, non son a única). Persuasión é, na súa esencia, unha novela subversiva, porque a gran lección de fondo é, lembremos, que a Anne Elliot lle tería ido moito mellor na vida se tomara decisións propias e non as que a súa familia quería para ela. Nun momento no que as mulleres non eran suxeitos de dereito, Austen estaba dicindo, ao final, algo non tan lonxe do que sinalaba Mary Wollstonecraft. E se pensamos o que viría despois –Jane Austen non é unha autora victoriana, pero a época victoriana é a que segue ao seu período histórico– coa muller como anxo do fogar (no que hai que sacrificar todo pola familia), Persuasión lese aínda dun xeito máis radical.

E, tamén, a novela pode ser lida como unha análise de clases e cambios na dinámica social. O pai de Anne Elliot é un sir clasista que desdeña ao pretendente mariño, que é un exemplo de cara onde irán as cousas nas décadas seguintes en termos de cambios sociais.

É unha historia entretida

Máis alá de todas estas interpretacións, Persuasión é unha historia entretida. Se cadra, é a máis reflexiva das súas novelas, pero segue sendo Jane Austen, coa súa prosa mordaz e as súas refinadas apreciacións sobre as relacións interpersoais. Vale que eu penso que é máis novela de sofá e mantiña –pero é que eu son máis de sofá e mantiña que de toalla de praia– pero é un clásico que se presta para ler en vacacións.

Evita o FoMO

E, ao final, como nos vamos ler Persuasión agora? Hai que evitar o FoMO e todo o mundo vai estar falando da novela, da película e de se Netflix debe arder na fogueira das malas adaptacións literarias.

Shares