3 retos de lectura para 2022

Ano novo, momento para os novos propósitos para o ano que entra. Para moita xente, un dos propósitos é o de ler máis ou o de ler dun xeito máis variado. Ler un pouco máis parece ás veces máis doado que saír da zona de confort das nosas lecturas favoritas, xa sexa por xénero ou por temática. En ámbalas dúas cuestións axuda apuntarse a un club de lectura –porque decidir que imos ler queda moitas veces fóra do noso control– ou seguir un reto de lectura. Nun reto de lectura alguén escolleu que tipos de libros debemos ler –en ocasións ata en que momento os debemos ler– e sumoulle gamificación. O reto non é como a lista de lecturas que tiñas que ler hai anos para algunhas materias. É divertido!, porque funciona como un xogo.

E se pensas en sumarte a un reto de lectura, aquí van unhas cantas ideas de retos que están xa en marcha.

Retópata 2022

O reto de lectura de Librópatas, a nosa web irmá. O retópata deste ano supón xa o octavo ano consecutivo no que se está poñendo en marcha. A idea detrás do reto é a de «ir máis alá das lecturas habituais» e darlle oportunidades a «novos temas, novos xéneros, novos autores». E por suposto divertirse mentres o fas. Entre os puntos a cumprir este ano están ler unha novela dunha autora nacida no ano 22 doutro século, un libro no que a chuvia teña protagonismo ou un ensaio sobre a vida cotiá. Son 24 lecturas para o ano. 

Reto de lectura en galego 2022

Pode que hai uns anos o dos retos de lectura fose máis raro, pero agora son moi populares e as propias librarías tamén crean os seus. As librarías Espazo Lector Nobel crearon un co obxectivo de «ler máis en galego». A proposta vai a libro por mes e deben ser en todo caso libros en galego. Xaneiro comeza doado, lendo a unha persoa favorita, pero o paso do ano o vai facendo máis variado con propostas de lectura dun libro dun xénero que nunca leras, un do ano do teu nacemento ou un libro do escritor das Letras Galegas deste ano, Florencio Delgado Gurriarán. Son 12 lecturas para o ano. 

https://twitter.com/NobelLibrerias/status/1479418075690721281

Reto Libroscontos 2022

Creado por Libroscontos e coa participación doutras bookstagramers galegas (cada bookstagramer escolleu a lectura que irá en cada un dos meses, a razón dun libro por mes), tamén funciona cun libro por mes. Así, por exemplo, en xaneiro hai que ler un libro sobre saúde mental, en febreiro unha novela histórica ou en marzo unha autobiografía feminina. As propostas de lectura tocan moitos xéneros, o que sempre é garantía de que imos ler máis alá da nosa zona de confort. Son 12 lecturas para o ano. 

 

Foto de Ylanite Koppens en Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *