Se pensas nos anos 20, posiblemente penses no mundo d’O gran Gatsby, ese que as adaptacións ao cine deron un look claramente identificable. Posiblemente, penses tamén en disfraces de charlestón do Entroido e algunhas cousas similares. É o máis habitual, ao final, como o atallo que a nosa mente toma para visualizar unha época que non vivimos. A cultura popular encheu os ocos.
Posiblemente tamén, se pensas nos anos 20 en Galicia ou mesmo en España acabes desbotando esas imaxes glamurosas dos filmes e quedando cunha restra de descricións máis ben negativas. Para min, esa década era unicamente a que capturou Ruth Matilda Anderson. E si, nos anos 20 había pobreza e miseria e moito máis que ese universo glamuroso dos filmes, pero tamén unha certa modernidade da que non sempre somos conscientes. Anderson, de feito, non veu para captar Galicia con neutralidade de documentalista, senón para buscar aquelas imaxes que mostrasen un mundo que estaba desaparecendo.
Recoñezo a miña ignorancia: eu tropecei con esa modernidade dos «outros» anos 20, os que non eran tal e como me imaxinaba, hai uns anos. En realidade, eu estaba buscando datos para unha reportaxe sobre a historia da moda en Galicia que nunca cheguei a escribir, porque mentres buscaba saias pantalón, saias curtas e pelos ao garçon cheguei a unha historia completamente diferente.
É a historia que capturo no meu libro Noticias da modernidade (de aí esa invocación en gif dun momento icónico da televisión en España no século XX), no que falo da muller moderna na Galicia da década. A «muller moderna» era unha etiqueta que se empregaba na década para falar das mulleres contemporáneas, que estaban cortando o pelo, traballando fóra e cambiando a visión do que podían facer ou o que non.
Por iso, e porque ningún regalo de Nadal é mellor que un libro, deixo unhas cantas recomendacións –máis alá do meu libro, claro– para ler e descubrir esa outra cara dos outros anos 20 e os primeiros anos 30.
Pioneiras do deporte en Galicia, de Cristina López Villar. Editado pola Deputación da Coruña hai uns anos, este libro é fascinante e conta unha historia moi esquecida, a das mulleres dos anos 20 e 30 que practicaban deporte. As mulleres que se dedicaban a algúns deportes eran auténticas estrelas, como as xogadoras de hóckey herba. «A prensa chega a dicir que parece que se deixa de lado o fútbol e que interesa máis o hóckey», escribe López Villar.
Cómo vive la mujer en España, de Magda Donato. Podedes ler este ou podedes ler o seu outro libro, Reportajes. Donato era unha estrela do xornalismo na España dos anos 20 e sobre todo 30, cando facía investigacións infiltrada e escribía os que chamaba «reportajes vividos». Este libro recompila unha serie de artigos que escribiu nos derradeiros anos 20 sobre as mulleres españolas. Viaxou por toda España recollendo historias e pasou tamén por Galicia.
Història d´una noia i vint braçalets, de Rosa Maria Arquimbau. Esta novela é dos anos 30, pero é flipante (e oxalá alguén a traduza a un idioma que realmente fale para poder gozar de todos os seus matices…). Cristina é unha rapaza do rural catalán á que mandan a Barcelona a aprender as últimas modas para traballar no salón de peiteados do pai, pero cando chega á cidade decide vivir a súa vida. Agora chámase Cri-Cri e acumula as pulseiras que pide aos seus amantes que lle regalen. Sen ningún tipo de remordemento.
A modelo de Paco Asorey, de Xoán Xesús González. González é unha desas figuras moi da época, formándose pola súa conta (cando estudaba Dereito ía estudar á Alameda de Santiago para aproveitar a luz dos farois) e cunha clara implicación política. Por ter chegou a ter unha libraría, na que lin nunha fonte que se podía pagar á vontade (pero non atopei unha confirmación en máis lugares dese dato). A novela apareceu nos anos 30, pero xa falan dela os medios antes e encaixa coa tendencia ás novelas con certa carga erótica da época (hoxe ídelo ver como moi, moi light). Unha historia de amor complicada entre unha moderna e un self-made man.
Mujeres en primera plana, de Sergi Doria. A modo de antoloxía funciona para ver unha mostra de como retrataban os medios a esas mulleres modernas da época. Doria recolle varias novas que apareceron ao longo dos anos 30 (antes da Guerra Civil, claro) nas grandes cabeceiras da España de entón.
1 comentario