Insta Novels: clásicos literarios por entregas en Instagram

Como conseguir que a xente lea e como achegar á poboación os clásicos da literatura? Esa foi a pregunta que se fixo a biblioteca pública de Nova York e a resposta que atopou é un exemplo perfecto de como empregar as redes sociais e de como facelo cun perfecto exercicio de deseño. A finais do pasado verán lanzaron as Insta Novels, unha colección de clásicos publicada directamente en Instagram e en formato stories e que xa leron centos de miles de persoas.

A New York Public Library aproveitou o tirón das stories para publicar por entregas clásicos da literatura. A selección inclúe novelas e historias de todo tipo, dende Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, a O papel pintado amarelo, de Charlotte Perkins Gilman, pasando por Conto de Nadal, de Charles Dickens. As historias foron publicadas como se facía tempo atrás cos folletíns, en fragmentos que os lectores tiñan que ir seguindo xornada a xornada (a biblioteca garda, iso sí, cada novela nunha colección de stories no seu perfil, así que as novelas non desapareceron para sempre cando o fixeron as stories dos feeds dos seus seguidores).

Publicar clásicos en Instagram xa resulta curioso de por si, pero ademais a biblioteca fixo un traballo excepcional de deseño. Cada unha das historias foi adaptada ao soporte, seleccionando moi ben como se publicaba o texto. Non só tiñan en conta que o tiñan que fragmentar, senón tamén que tiñan que facer un traballo de presentación excepcional. Cada unha das novelas que publicaron quedou en mans dun artista gráfico, que lle dou un acabado ‘instagramizado’. Así, ao texto completo de cada una das novelas, sumáronse ilustracións e efectos audiovisuais. De feito, por coidar ata coidaron a música, que se inspira nos sons dos libros.

As tipografías e a disposición de cada unha das páxinas tamén estaban pensadas para que a lectura resultase positiva e doada nun espazo que non estaba pensado realmente para iso.

O resultado final é unha acción literaria nas redes sociais fascinante, que nos encantaría que toda biblioteca decidise copiar.

Imaxes | Insta Novels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *