Quérote. Eu tampouco e a novela millennial

Hai uns anos, tiven a sensación de que unha parte moi importante das novelas das que recibía dossiers de prensa (e algún que outro libro), que vía nas mesas de novidades das librerías e nos listados dos medios encaixaban nun certo paradigma literario. Bauticeina nas miñas notas e observacións persoais como a “novela millennial” (termo que se ninguén empregou ata agora –algo que dubido– estou disposta a ceder para o ben común, que sempre quixen ser bautizadora de tendencias).

A novela millennial estaba protagonizada por mozas (e algún mozo tamén), millennials claro, que estaban afrontando a entrada na idade adulta e todos os seus problemas. Algunhas das que lin goceinas (pasoume con Todo lo que una tarde murió con las bicicletas, de Llucia Ramis, en Libros del Asteroide, que tiña o engadido de moza afectada pola crise económica) e outras parecéronme que tiñan demasiado hype (como Canciones de amor a quemarropa, de Nickolas Butler, e na mesma editorial). É o que pasa cando les de forma intensa un xénero ou unha tendencia en novelas. Certas editoriais eran as que parecían estar publicando máis este tipo de novelas, que ademais tiñan cubertas que axudaban a identificar rapidamente que eran unha novela millennial (véxase o exemplo de Animales, de Emma Jane Unsworth, en Malpaso).

Non creo que a novela millennial deixara de estar de moda – en absoluto – pero eu si tiven un momento de saturación e o meu cerebro empezou a non ver xa esas novidades e, por tanto, a non ler eses libros. E si, seguramente perdín moitos bos títulos por iso.

E non pensara moito na novela millennial tampouco ata que caeu nas miñas mans Quérote. Eu tampouco, a primeira novela publicada de Cecilia F. Santomé, que Xerais sacou este verán na súa colección que na linguaxe interna de Disquecool coñecemos como a-das-portadas-bonitas.

Antes de comezar a ler, pensaba que Quérote. Eu tampouco era (a pesar do título que non vai nesa dirección en absoluto) unha novela romántica, porque esa era a sensación que tiña que estaba transmitindo a cobertura mediática do libro. Por suposto, como entusiasta e evanxelista da novela romántica que espera a aparición da primeira novela romántica en galego con entusiasmo, isto fixo que a novela tivese máis interese para min. Quérote. Eu tampouco non é unha novela romántica*, pero si é unha novela millennial. Ten unha protagonista moza, que está un tanto perdida con cal é o seu papel no mundo e co que espera del e que fai un proceso de crecemento persoal durante a novela. E, aínda que non era por tanto o que eu esperaba que ía ser, si me pareceu unha aportación fresca ás novidades do verán en lingua galega.

Falei con Santomé a mediados do verán, xusto antes de marchar de vacacións, da súa novela. A miña primeira pregunta foi, inevitablemente, por esa clasificación de xéneros. A autora non cre que a súa novela poda ser encaixada como novela romántica, por moito que a historia inclúa “amor e desamor”. “Supoño que é para simplificar e metelo nalgunha parte”, sinala.  De feito, a historia transmite certo desencanto co amor romántico, apunta a escritora (e coincido coa visión como lectora).

Quérote. Eu tampouco foi para min unha lectura diferente ao que habitualmente vexo nas mesas de novidades en literatura galega producido directamente en galego e non chegado vía tradución. Nese contexto si, é unha novela rara, aínda que fora del, como apuntaba ao principio, encaixa perfectamente nesa liña de novelas millennial.

Grace, a protagonista, vive en Londres, ten un traballo un tanto precario e mantén unha relación con Frank, que traballa nun museo, non ten tampouco o mellor dos salarios e que ten unha complicada bagaxe emocional. A historia é narrada dende múltiples puntos de vista, que abordan a relación e a evolución da parella a partir de distintos momentos e cun coñecemento diferente de quen son e de onde veñen. “Gústanme as historias que se centran nas cousas pequenas da vida”, dime ao outro lado do teléfono a escritora, sinalando que niso é no que se centrou na creación da novela. “Esta novela fala de dúas persoas intentando reconstruír como son e das consecuencias das súas accións no futuro”, engade.

Grace e Frank viven en Londres e son ingleses. E ademais non teñen ningunha relación con Galicia, por moito que a súa historia estea sendo contada en galego e por unha escritora galega. Santomé aproveitou a súa experiencia vivindo en Reino Unido como punto de inspiración para a novela e para a construción dos personaxes, que en certo modo – por como son e por como actúan – teñen un sentido no contexto da súa historia. Poden ser moi ingleses e encaixa na historia. “Ten moito da idiosincrasia británica”, dime Santomé, “esa vida nunha especie de illotes”.

E, ademais, non debemos esquecer que as escritoras teñen a liberdade de poñer as súas historias onde queiran, sen que importe en que lingua escriban. “Non lle vexo sentido a localizalo en Santiago para que sexa máis próximo a nós”, recoñecíame a escritora, engadindo que confía “na capacidade de abstracción dos lectores”.

 


*Igual que acontece con outros xéneros nos que existen unhas normas moi claras (a novela de detectives, por exemplo, implica un misterio, un proceso de investigación e desvelar a solución), a novela romántica supón a construción dunha historia de amor que remata cun final feliz (é dicir, cunha resolución emocionalmente satisfactoria). Igual que hai un proceso de construción dunha relación amorosa, tamén hai un proceso de crecemento dos seus protagonistas.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *