Todo o que unha tarde morreu coas bicicletas

“Volver pola forza é unha putada. 

– Estarás ben? – pregunta. 

– Joder, mamá, é evidente que non. Fágoo porque non teño máis remedio”. 

_SAN7571 copia santi cogolludoTen 35 anos, era xornalista e quedou sen traballo, sen ingresos e sen medios para pagar ata o piso no que vive. Fixo as maletas e volveu á casa dos pais. Podería ser unha historia máis sobre a crise económica e o seu impacto nos mozos, pero é o perfil da protagonista de Tot allò que una tarda morí amb les bicicletes, a novela de Llucia Ramis que traducida pola propia autora acaba de publicar Libros del Asteroide en castelán. “É moi difícil escribir sobre a crise dende a mesma crise, porque corres o risco de que a novela avellente mal; penso que é preferible observala con perspectiva, ou dende un punto de vista ao lonxe, como pode ser a ciencia ficción”, dinos Ramis cando lle preguntamos se aínda falta moita literatura sobre a crise económica. No caso da protagonista de Todo lo que una tarde murió con las bicicletas (o título da versión en castelán da obra), a crise económica empúrraa de volta á casa paterna e á historia da súa familia, que é o tema fundamental da novela.

O libro percorre dun xeito desordenado que vai encaixando a medida que se le a obra (non vos preocupedes, non é unha desas obras fragmentarias e incomprensibles nas que cando rematas tes que poñerte a pensar no que liches e en como encaixa para poder entendelo todo) a historia dos devanceiros da protagonista, especialmente da rama materna da familia, antigos propietarios belgas dunha mina en Asturias. A historia é, en parte, a da propia familia de Ramis que, aínda que deixa claro dende o momento un que “esta non é unha autobiografía”, emprega a súa historia familiar como materia prima literaria. “É a historia dunha familia que se parece moito á miña”, dinos, “na que uns se ven reflectidos nos outros, comparten un código, unha linguaxe propia e así constrúen a súa propia identidade”. Pero non é exactamente a súa familia: “modifiquei o nome d0s personaxes e da empresa mineira para que non se convertese nun libro de lercheo”.

Todo lo que una tarde murió con las bicicletasA novela é unha interesante lectura (pero non a levedes á praia, merece que vos quededes na casa co libro, así que aproveitade cando vén algún deses días malos de verán) e é tamén unha maneira de achegarse á literatura catalá. José Carlos Llop cita, na introdución á edición de Libros del Asteroide, unha crítica dun “dos mellores críticos da literatura catalá” que sinalaba cando apareceu a primeira novela de Ramis que “nacera unha estrela”. Llucia Ramis é unha das escritoras da última fornada das letras catalás. “Publicamos a tres autores cataláns: Antoni Marí, Josep Pla y Llucia Ramis”, dinos Luis Solano, de Libros del Asteroide, cando lle preguntamos que criterios seguen na editorial para seleccionar aos autores cataláns do seu catálogo. “O único aspecto común que vexo nos tres libros é que os tres me parecen tres libros incribles, dos mellores publicados en catalán en tres épocas moi distintas: finais dos anos vinte, anos noventa e segunda década do XXI”.

A envidiable literatura catalá

E escribindo sobre unha autora catalá traducida ao castelán cando habitualmente se escribe sobre literatura galega xurde a pregunta obrigada: é certo que a literatura catalá está nunha situación tan saudable como a vemos dende fóra? De feito, cando chegan as notas de prensa dos lanzamentos dos grandes best-sellers dos grandes grupos editoriais aparece a cotío a data de publicación do texto en catalán. Pasou coa mega biografía de Steve Jobs e pasa cos libros de Sarah Lark.  E se algunha vez podes percorrer Barcelona durante un Sant Jordi a idea aínda se reafirma.

Preguntamos a Llucia Ramis se a literatura catalá é tan sa e tan potente como a vemos dende fóra. “A verdade é que si”, confirma. “Non só iso, senón que diría que o lector catalán prefire mercar a versión publicada na súa lingua que en castelán. O prestixio do que goza a literatura catalá vén dado sobre todo polo alto nivel de moitas das súas obras e a súa riqueza léxica, pero tamén por un esforzo de normalización e promoción que deu os seus froitos. Non creo que ninguén pense que por escribir en catalán está a se dirixir a un público minoritario”.

Foto | Santi Cogolludo

Shares

3 comentarios

  • Dimas di:

    Girls, please, pasádelles o corrector ortográficos ós textos. #mesangranlosojos

  • Alfonso di:

    Así é. Namáis precisa un pasar por diante dunha libraría para decatarse da boa saúde do libro en catalán, as novidades en catalán ocupan os mellores postos nos escaparates e no interior, as traduccións dos best-sellers preséntanse xuntos nos expositores nas dúas versións. Nas bibliotecas aprox. o 50% dos títulos están en catalán.
    Libros e autores teñen espazos na prensa e nas televisions catalás (mesmo nas privadas da TDT)
    En Sant Jordi, que vos recomendo a tod@s, os escritores en lingua catalana non son tratados, nin moitísimo menos, coma segundones.
    Non é máis que outra mostra dunha sociedade que respeta, defende e prestixia a cultura propia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *