5 biografías en versión cómic

Thoreau a vida sublime

Se hai un xénero que está a triunfar no mundo da novela gráfica é o das biografías. É difícil levar a conta das que se levan publicado só no 2013 e é que contar (e sobre todo, ler) unha vida en imaxes resulta moito menos árido que facelo so con palabras. O cómic axuda así a divulgar a importancia da vida e obra de figuras relevantes en diversos campos: arte, política, deporte, filosofía, ciencia…

Máis alá do interese da personaxe en si mesma, está a habilidade dos autores. Pódese elixir unha personaxe interesante e facer un cómic plano, e pódese elixir unha personaxe menos apaixonante a priori e construír o mellor dos relatos. O estilo dos debuxos, o ritmo, a selección dos momentos a salientar, a claridade da narración, ou a orixinalidade da proposta quedan en mans do bo facer dos creadores.

Aquí vos deixamos 5 cómics nos que ese bo facer subliña aínda máis o atractivo da figura ilustre descrita nas viñetas.

1. Thoreau. A vida sublime – A.Dan e Maximiliem Le Roy

Este cómic constrúese baixo a premisa do ‘menos é máis’ que tanto lle pega ao pensador Thoreau, quen decidiu vivir dous anos retirado nunha cabana no campo e “inventou” o concepto de desobediencia civil. Debuxos sinxelos, cálidos e naturais, cartuchos e globos limitados o imprescindible, selección somera de momentos significativos da vida do pensador e de bonus track unha entrevista cun experto en Thoreau para profundar máis no tema.

2. Virginia Woolf – Michèlle Gazier e Bernard Ciccolini

Virginia Woolf

O final da vida de Virginia Woolf sabémolo ben todos, pero este cómic axuda a comprender cal foi o camiño que a levou alí, e tamén que Virginia era algo máis que alguén depresivo. Narrada en primeira persoa, nun ton poético, con imaxes evocadoras e unha elección cromática moi axeitada, este cómic transmite aínda máis do que conta

3. Dublinés – Alfonso Zapico

Dublinés

A figura de James Joyce é moi complexa e por iso impresiona máis a sinxeleza coa que Zapico consegue abordar esta figura. A pesares da densidade da novela gráfica (en canto a cantidade de liñas escritas) o que domina é o humor , a inxenuidade e un achegamento cariñoso e próximo, case case como se estivese contando quen é James Joyce a un grupo de nenos  (e non o digo como un defecto, mais todo o contrario). Todo iso, sen abandonar nunca o rigor e a sinxeleza.

4. Chagall en Rusia – Joann Sfar

Chagall en Rusia

Neste caso hai que tomar o de biografía con certas precaucións, xa que Sfar parte da vida de Chagall antes de marchar a Francia para ficcionalizada ao seu antollo e mostrar unha serie de dilemas que poden ser os de Chagall  ou (probablemente) non. Para describir ao xenial pintor, Sfar acude ao onírico, ao humor, ao surrealista, permitindo que Chagall dialogue, por exemplo, con personaxes da súa obra. Un achegamento orixinal e fascinante a vida menos coñecida de Chagall.

6. Kiki de Montparnasse – José Louis Bocquet e Catel Muller

Kiki de Montparnasse

Exhaustiva e amena biografía cronolóxica de Alice Prim (máis coñecida como Kiki de Montparnasse), que se centra especialmente nos loucos anos 20. Polo cómic pasan sen descanso todos os artistas cos que se relacionou (o foi musa) Kiki: Ray Man, Picasso, Breton, Duchamp, o que é un dos principais atractivos da biografía. Os debuxos, coidados e detallados, en branco e negro, transmiten á perfección o ambiente vangardista da época.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *