Hai algo máxico nalgúns deses albumes ilustrados que se venden como libros para nenos. Poden ser os debuxos, tenros e divertidos, que nos volven inesperadamente felices. Poden ser as historias, disparatadas, fantasiosas, que nos recordan aquilo do poder da imaxinación. Pode (e adoita) ser a mestura de ambas cousas. En Patas de Peixes só publican eses albumes ilustrados que teñen ese algo máxico, ese algo especial.
Por iso o seu catálogo non é moi amplo. Só 14 títulos escollidos con mimo pola editorial, cun criterio de selección moi persoal. Algo que che guste, que sexa bonito, como explica Laura Sáez, fundadora da mesma: “Os libros aparecen nas nosas vidas; podes ir ás feiras en busca e volver pensando que se está a acabar o mundo da literatura, porque non che gustou nada, e despois de súpeto ves un libro no aeroporto e sabes que ese é”.
Que é o que leva a alguén a fundar unha editorial, mentres todos os agoireiros prognostican a morte dos libros? Por suposto, o amor pola literatura. Laura comezou a súa carreira profesional traballando no mundo editorial a través da tradución literaria. Comezou, pois, a coñecer o seu funcionamento e o seu xeito de traballar, pero non entendía por que non podía funcionar. Fixo unha tesiña sobre como debería organizarse unha editorial independente “e xa que o tiña feito, por que non levalo a cabo”. Ese foi o xerme de Patas de Peixe, que publicou o seu primeiro libro en 2008 (con ‘O incrible neno devorador de libros’). Agora a editorial fórmana tres persoas, a propia Laura Sáez, na parte máis loxística, e Marcelino Villarino e Diego Nuñez. O obxectivo é publicar algunhas das obras fundamentais da literatura infantil que aínda non estaban traducidas ao galego.
Laura valora moi positivamente a súa experiencia e é optimista sobre as posibilidades de éxito dunha editorial galega (ao fin e ao cabo nunca se leu tanto como no presente), pero si cree que hai certos vicios estruturais que non fan rendible o sistema editorial no país. O principal é o tema das subvencións. De feito, Patas e peixe non recibe ningún tipo de subvención: “iso aporta maior liberdade, e cando sacas un libro, é máis real, podes ver se funciona ou se non. Iso fai que cada libro sexa moi pensando, porque estamos a xogarnos o soldo con el. Cando o libro funciona é xenial, e cando non, comeza a formar parte do mobiliario das nosas casas, pero tamén aprendemos diso”.
De feito, considera que as subvencións poden acabar creando unha “burbulla” onde os intereses do lector non son xa a razón principal para publicar libros: “eu entendería subvencións á distribución, ou á lectura, pero as subvencións ás editoriais acaban creando certo estatismo, cando non falta de esixencia”. Outro problema que atopa no mundo editorial é o prezo dos libros, que a diferencia doutros países europeos, rara vez baixan dos 15 euros.
Outra factor que consideran importante na editorial é o diálogo e o contacto directo con outros editores, con lectores e sobre todo cos libreiros, que son quen, finalmente, venden os títulos de Patas de peixe e saben como reacciona a xente ante eles. Por iso comezaron distribuíndo os seus libros directamente, librería a librería. Agora que o volume crece, probablemente teñan que cambiar, pero consideran que foi algo clave no éxito da editora. Hoxe os seus libros están presentes na maioría de librerías galegas, pero podes comprobar en cales na súa páxina web. Tamén podemos comprar a través da web, pero a maioría da xente decántanse polo método tradicional: “o libro infantil é algo que a xente lle gusta velo, tocalo, para saber se o queren o no”.
En principio limítanse á literatura infantil, aínda que Laura aclara que tampouco é unha decisión consciente: “o álbum ilustrado é un obxecto fascinante, que non é necesariamente para nenos, é para todas as idades, porque cada un o le segundo o seu nivel”. O libro estrela de Patas de peixe é ‘A vaca que puxo un ovo‘ que vai xa pola terceira edición, aínda que os libros do fantástico ilustrador Oliver Jeffers séguenlle de preto. O que caracteriza á editorial, ademais da selección dos títulos, é o coidado co que se tratan todos os detalles de edición (como pode ser o tipo de papel empregado ou o formato elixido ).
Que sexan libros de calidade, ou que non sexan.