10 libros para levar á praia

Ler na praia

E agora vaga de calor! Que facer con estas temperaturas? Que si, que pasamos a primavera enteira queixándonos e implorando por un pouco de sol, pero agora resulta imposible traballar, concentrarse en algo ou mesmo gozar dun paseo. Só se pode facer unha cousa: bañarse.

E iso é o que faremos esta fin de semana: invadiremos praias e beiras do río en busca do refrescante mergullo. E despois, para exprimir eses 10 minutos de benestar post-baño podemos ler un bo libro e sentir que o verán é unha cousa marabillosa. Iso si, non vale un libro calquera.

Debe ser lixeiro, para que non moleste na mochila. Debe ser fácil de seguir, para que non nos perdamos coas interrupcións para botar a crema, xogar ás palas, ou espiar esa conversación tan interesante das adolescentes situadas ao noso carón. Debe ser relativamente intrascendente, porque ler traxedias co sol acariñando as costas non nos permite acabar de meternos na atmosfera literaria. E debe ser entretido, porque a praia é un lugar para o relax.

En Disquecool queremos propor 10 libros que, se non cumpren todas as características, polo menos si varias delas. Así que deixade atrás os prexuízos que aí van:

1. ‘Alta fidelidade’ – Calquera libro de Nick Hornby é bo para a praia, diversión asegurada. En ‘Alta fidelidade’ o narrador comeza facendo unha lista das súas rupturas amorosas máis memorables e continúa con listas de todo tipo. Creo que a conclusión é que facer listas é de inmaduros, avisados estades.

2. ‘Wilt’ – Un clásico da novela cómica británica. Din que é unha crítica a dobre moral da sociedade inglesa, pero do que non cabe dúbida é de que o este libro de Tom Sharpe está cheo de humor absurdo e personaxes inverosímiles que farán que botes algunha gargallada mesmo en voz alta.

libro-stevenson3. ‘A saga Flora Poste’ – Neste libro atopamos dúas historias protagonizadas por Flora Poste, unha postadolescente pija da gran cidade que vai ao campo a casa duns parentes é rapidamente soluciona todos os seus problemas. Unha divertida parodia das novelas dramáticas rurais, moi de moda hai cincuenta anos.

4. ‘Historias de Oregón’ –  Esta novela de Diego Ameixeiras foi gañadora do Premio de Novelas por entregas de La voz de Galicia. Que significa? Capítulos breves (3500 carácteres), historias variadas pero relacionadas, estilo directo e preciso, mortes e sangue -que é o que engancha- e un Ourense do menos prácido.

5. ‘O libro da señorita Buncle’ – Publicada en 1934, esta pequena xoia da descoñecida D. E. Stevenson conta a historia dunha solterona que escribe (con seudónimo, iso si) un libro contando as interioridades dos veciños. É gracioso e ten mala baba, unha conxunción que nos encanta.

6. ‘O diario secreto de Adrian Mole’ – Tras ler esta lista un chega a conclusión de que só os británicos, que non sacan moito partido á praia, saben facer os libros axeitados para esta. Neste caso falamos dun libro xuvenil escrito por Sue Townsend , pero se non o liches no seu momento, aínda estás a tempo. Os grandísimos problemas de Adrian, un adolescente de 13 anos e tres cuartos, ben o merecen.

7.  ‘Os posuídos. Aventuras con libros rusos e coas persoas que os len’ – A autora Elif Batuman mestura memorias, crítica literaria e libro de viaxes para contarnos a súa relación coa literatura rusa, pero desde unha perspectiva chea de humor, na que o seu profundo coñecemento da mesma non resulta nin aburrido nin intimidante.

8. ‘Sempre o mesmo día’ – Dave Nichols preséntanos a Emma e Dexter a través do mesmo día, pero de diferentes anos. Así, se coñecen un 15 de xullo na graduación da universidade, e a través de 20 anos coñeceremos que foi deles, sempre neses 15 de xullo. Unha estrutura orixinal e que engancha. Por algo é un best seller.

9. ‘Maigret e o vagabundo’ – As novelas negras son sempre unha boa opción para a praia, e que mellor que escoller unha dun clásico: Simenon. Nesta ocasión o detective Maigret se enfronta un crime que resolve desde case o primeiro momento, pero no que a vítima non quere acusar ao culpable.

10. ‘As boas mozas non len novelas’ – Un ensaio moi irónico de Francesca Serra sobre a relación das mulleres coa literatura, onde aprenderemos, por exemplo, que durante moito tempo ler non era unha actividade decente para unha rapaza (e por iso nas pinturas as lectoras adoitan estar núas).

Que libro tes ti na bolsa da praia esta fin de semana?

Foto | Will Ockenden

Shares

    2 comentarios

    • Melina di:

      Boa seleción…aínda que o último nin me parece axeitado para a praia, nin é divertido…infumable, diría eu!
      Aposto polos títulos de Ruth Rendell, as historias de Montalbán e o seu detective ou o último de Jordi Soler: “Restos humanos”, que destila humor e personaxes ben rariños

    • jalo4 di:

      Recomendo “Microbios e outros paquidermos” e o cómic “Virus Tropical”.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *