5 ideas con libros que alguén debería copiar

Si, amamos os libros (moito) e amamos todas esas iniciativas que cambian como nos achegamos a eles, como esa xente que anda a facer das vellas cabinas de teléfono bibliotecas. Estas son algunhas novas propostas chegadas de todo o mundo que ben alguén podía copiar aquí.

1. Traveler Food and Books.  Este ten que ser un restaurante favorito dos lectores de todo o mundo. Está en Union, Connecticut, nos Estados Unidos e agasalla a quen ven a comer con libros. Todo comezou como un xeito de desfacerse dos libros que lle sobraban do primeiro propietario. Cando o restaurante foi traspasado nos anos 90, os novos donos decidiron manter a idea e facer dela unha tradición. Cada persoa que vai comer pode levar ata tres libros dos moitos que ten o restaurante para tal fin. Levan repartidos, nada máis e nada menos, que 2 millóns de libros entre os seus comensais.

Mr B Emporium

2. Mr B’s Emporium of Reading Delights. Bath é sen dúbida unha das mellores cidades do Reino Unido (teredes que crerme cando volo digo), coas súas casas xeorxianas, o seu fermoso río cunha ponte na que hai tendas e pequenos restaurantes e o seu encanto doutra época. Vale que está chea de turistas e que é unha desas visitas obrigadas (xa sabedes, abadía, balneario, casa de Jane Austen) pero o interesante é botarse a andar e perderse nas rúas (todas son fermosas e monumentais). Así, con sorte, atoparedes cousas fascinantes, como me pasou a min con Mr B’s Emporium of Reading Delights unha libraría pequena e xenial. Para que vos fagades unha idea, na zona de viaxes non só había guías senón tamén libros que deberías ler mentres estás no lugar ao que vaias. E non só iso: tiñan unha especie de cabina na que te podías pechar a ler e por un módico prezo dábanche galletas de chocolate!!! Entre as cousas que podes mercar para agasallar teñen un tratamento de spa literario, con tempo para gastar na sala de biblioterapia, charlas cos libreiros sobre os libros que che gustan ou chocolate instantáneo de primeira calidade para que podas facer unha cunca ao chegar á casa. A libraría gañou o premio á mellor libraría independente do Reino Unido no 2011.

3. Recovering the classics. Posiblemente algunha vez colliches un clásico e pensaches que era a cousa máis fea do mundo enteiro.  Pouco importa que o que veña dentro sexa xenial. O embalaxe é espantoso. E neste mundo todo entra polos ollos. Por iso, Creative Action Network, unha rede de deseño, lanzou unha proposta: por que non facer deseños de portadas modernos e cool que fosen creative commons para os clásicos da literatura?  Traballan sobre libros que xa caeron no dominio público (dende ‘Drácula’ ata ‘A metamorfose’) e calquera pode aportar un deseño.

4. The Sketchbook Project. Ou como dar a coñecer o traballo de artistas novos de forma itinerante. Unha libraría ambulante permite coñecer libros feitos a man por artistas de todo o mundo (grazas por certo a quen nolo descubriu!)

5. Librotraficantes. O punto de partida desta historia é bastante negativo. Todo comezou cando en Arizona decidiron prohibir os programas de estudos que se centraban na historia de Estados Unidos dende o punto de vista dos escritores de orixe mexicana. Dicían que atentaba contra a identidade estadounidense (aínda que como lembran os Librotraficantes si existen programas de estudos europeos, por exemplo). Pechouse o programa e fíxose unha lista de libros prohibidos, que foron retirados das bibliotecas escolares (e na lista, que se pode descargar na web dos Librotraficantes, hai títulos tan variopintos como ‘Zorro’ de Isabel Allende, ‘A casa de Mango Street’ de Sandra Cisneros ou ‘Como auga para chocolate’ de Laura Esquivel como densos e sesudos ensaios). Así que o que fan os librotraficantes é distribuír eles mesmos de forma subterránea os libros prohibidos. Por suposto, os propios escritores apoian esta iniciativa.

Foto | Facebook Mr B’s Emporium

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *