Cando foi a última vez que entraches nunha cabina telefónica? E a última vez que entraches nunha e o teléfono funcionaba? Si, todo forma xa parte das nosas lembranzas de hai moitos anos, de adolescencias pasadas en cabinas xogando a facer chamadas que non querías facer desde a casa. Pero entón chegaron os teléfonos móbiles e as cabinas de teléfono foron esquecidas. Primeiro deixaron de funcionar ou mesmo foron vítimas do vandalismo. Despois, pouco a pouco, foron desaparecendo. Intenta agora atopar unha. Non é fácil. E unha que funcione? Misión case imposible.
Pero a pesar de teren desaparecido en moitos casos, aínda hai polas nosas cidades e vilas cabinas que se manteñen dignas en pé, aínda que xa ninguén lles faga caso. Ás veces, algunha ten sorte e alguén decide darlle un novo uso. Nós cremos que as cabinas telefónicas deberían ser recuperadas e, como exemplo do que se podería facer con elas, aquí vai unha selección dos usos que xa se lles están a dar noutros países.
5. Punto de carga para móbiles (ou para coches!)
Será moi duro para as cabinas pasar a servir ao seu inimigo máis íntimo? Iso é o que xa se está a dar nalgunhas cidades, a transformación das cabinas telefónicas en puntos de recarga para dispositivos electrónicos. Ai, si, o malvado smartphone que aínda non deu cunha solución para que a súa batería dure varios días. Outra das ideas, con moita máis visión de futuro, é a de converter as cabinas en puntos de recarga para vehículos eléctrico: en Austria empezou a facerse hai xa un par de anos, con Telekom Austria á cabeza intentando dar uso ás 13.500 cabinas que hai espalladas por todo o país.
4. Hotspot Wifi
Esta idea está a levarse a cabo en Nova York: pensando en que as cabinas teñen xa o cableado telefónico feito, están a convertelas en puntos de wifi gratuíto. Un router en cada cabina ofrece conexión a Internet inalámbrica a quen se achegue o suficiente. O concello ten un mapa coas cabinas que xa ofrecen wifi, un plan que queren que se estenda ás 12.000 que hai por toda a cidade. Ademais, a idea é que o teléfono tamén siga a funcionar.
3. Galería de arte
Hai un par de meses abría nunha vila do condado de Durham, no Reino Unido, “a galería de arte máis pequena do mundo”. Efectivamente, nunha cabina telefónica, unha intervención do artista local John Hay. Unha vez máis, non é o único: tamén en Yellow Springs (Ohio) teñen a súa galería. Despois hai outras ideas similares, que neste caso non buscan tanto darlle novos usos ás cabinas, senón facelas máis fermosas na paisaxe urbana. En Sao Paulo, por exemplo, a operadora Vivo patrocinou o proxecto Call Parade. A idea? 100 cabinas para 100 artistas. Os resultados son moi curiosos.
2. Acuario
Unha das ideas máis orixinais e fermosas. Está a acontecer en Xapón da man do colectivo artístico Kingyobu, que está a converter cabinas telefónicas abandonadas en pequenos acuarios para peces de cores. Pero non son os primeiros: xa o ano pasado os artistas Benoit Deseille e Benedetto Bufalino transformaron unha cabina nun acuario (con plantas e todo) en Lyon (Francia). Hai algo estrañamente fermoso na imaxe do teléfono inundado e cos peixiños nadando.
1. Biblioteca
Esta idea queremos directamente importala. Hai moitas iniciativas xa por todo o mundo: en Nova York, un artista que o fai en plan guerrilla, os domingos moi cedo pon unha librería que enche de libros nunha cabina e despois ve que pasa. En Reino Unido, en Suíza, noutras cidades de Estados Unidos coma Portland… A idea é que o espazo sirva como lugar de intercambio de libros. Podes ir e escoller algún, levar os que teñas na casa e xa non queiras gardar… Facémolo?
Cuantos recuerdos las cabinas de telefono, yo con mi marido de novio me llamaba de Santiago, cuantas noches lloviendo, para que los amigos no le escucharan jajaja. Ya las tenía situadas y alguna que me encontré tambien que podías llamar gratis…. la verdad muchas historias para algo que es una pena que se pierdan y si te quedas sin batería, o sin saldo. también tenemos los despistados derecho a llamar por telefonos convencionales. Pero las ideas son innovadoras y utiles.
http://quecheparece.blogs-r.com/weblog/ver-post/temos_un_so%C3%B1o_axudar_a