As cabinas de teléfono volven reconvertidas en mini oficinas

telefono

Para que poden servir as cabinas nos tempos dos móbiles e agora que xa non as precisamos para falar por teléfono? Algúns dos novos usos para as cabinas que xa se están empregando son os de usalas como punto de carga para o coche eléctrico, como bibliotecas ou como mini galerías de arte. Agora tamén hai quen está pensando en facer delas un espazo de (máis ou menos) coworking.

Detrás da idea está unha strartup estadounidense especializada en coworking, BarWorks. Polo momento non están operativas (están a traballar nelas para facer das cabinas lugares de traballo) pero a compañía prevé converter 20 cabinas británicas das vermellas en oficinas compartidas de dimensións reducidas. Segundo apuntan nunha nota de prensa na súa web, as cabinas de teléfono/espazo de coworking funcionarán en Londres, Leeds e Edimburgo, aínda que esperan nun futuro ampliar a cobertura a máis cidades británicas?

Quen quere traballar nunha cabina de teléfonos? Estamos tan tolos de pronto co coworking que ata unha cabina resulta super cool (é que son das vermellas…) como para botar nela o día? O certo é que a idea detrás destes espazos é máis a de os converter en oficinas efémeras. Isto é, non esperan que a xente traballe nelas de forma regular (vamos, que non podes alugar unha cabina e usala de oficina polos séculos dos séculos) senón máis ben que as usen de forma temporal e baixo demanda (como lembran en Quartz, nestas cabinas tan monas e tan modernas non haberá cuartos de baño…). Serán unha sorte de espazo de emerxencia para traballar cando precises conexión á rede ou unha impresora para algo puntual (e se algunha viaxastes como freelance e precisastes facer algo no último momento poderedes entender o atractivo do formato…). Os creadores estiman que a xente as usará durante unha hora.

Cada cabina estará con WiFi e conexión á rede (da outra), con impresora e escáner, cun rato, cunha pantalla de 25 polgadas e cunha máquina de bebidas quentes (podes tomar un café mentres traballas). “Por que sentar no Starbucks ou noutra cafetería se cando usas un dos nosos Pods (así é como os chaman) poderás centrarte de verdade no traballo antes dunha reunión importante ou dunha presentación por menos do que che custan dúas cuncas de café á semana?”, di na nota de prensa de presentación Jonathan Black, o CEO da compañía. O das cuncas da café é, por suposto, de café do Starbucks ou mercado no mesmo centro de Londres. Para poder usar as cabinas hai que pagar 19,99 libras esterlinas ao mes (case 25 euros…) ou 10 á semana (13 euros) e que descargar unha app no móbil que permite desbloquear a porta de entrada.

Foto Mark Hillary

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *