Óbidos, a cidade portuguesa dedicada ao libro

livraria santiago

Hai uns anos fun por primeira vez a Óbidos, unha das localidades portuguesas nas que todas as guías de viaxe din que tes que parar. Óbidos era entón unha encantadora cidade medieval na que che ofrecían unha e outra vez chocolate e sobre todo ginjinha. A última vez que fun a Óbidos a localidade seguía sendo unha encantadora cidade medieval, seguían habendo chocolate e ginjinha pero, ademais, había moitos, moitos libros. Porque entre a primeira e a segunda visita Óbidos foi convertida nunha vila literaria.

livraria santiago 2A UNESCO escolle ás cidades literarias que teñen dereito a ser chamadas tales (partindo de varios criterios, como o volume de librerías ou o peso que os libros teñen na historia e na vida do lugar), pero á marxe desta lista oficial hai outra lista de cidades de libros repartidas por todo o mundo. É bastante probable que a primeira de todas as cidades dos libros fora Bécherel, na Bretaña (cando a metade de Disquecool estaba de Erasmus en Francia e foi visitala, a guía vendía a localidade como algo único).

Nos anos 80 unha asociación converteu ao pobo, unha desas localidades “pintorescas” nun lugar dedicado por completo aos libros e cheo de librerías e de actividades literarias. Dende entón ata hoxe, o número de cidades destas características multiplicouse e encheu medio mundo. E unha desas localidades é a portuguesa Óbidos.

Cando naceron querían converter á cidade nunha especie de depósito de todo o catálogo vivo publicado en Portugal. E tamén cando naceu, todo o mundo no primeiro momento que o proxecto era moi interesante, pero que ía ser un desastre por completo (iso era o que lle dicían ao seu creador), aínda que cando ían a Óbidos a ver o que estaban facendo as cousas cambiaban e todos se emocionaban e querían participar. Dende entón (2013) ata agora, as cousas podería dicirse (dende fóra) que as cousas deron a razón á segunda visión. Os creadores da idea organizan unha morea de actividades literarias (que levan bastante xente á vila, como podía ver calquera que visitara a cidade no último Folio, que fixeron hai uns meses) e a vila apareceu en medios de todo o mundo. Os turistas, que xa visitaban Óbidos polo encanto da cidade medieval, agora visitan tamén a localidade polo encanto dos libros e das librerías sempre abertas.

O punto de partida, a primeira librería, foi a Livraria de Santiago. Detrás desta librería está Ler Devagar (unha librería – dinamizador cultural lisboeta), que son os que iniciaron a conversión. A Livraria de Santiago ocupa unha antiga igrexa desacralizada da localidade, que estaba pechada e sen actividade e da que gañaron o dereito a uso nun concurso público. Os libros ocupan os lugares que ocupaban antes os fregueses e enchen todos os recunchos.

livraria da adega

Esta é a librería máis xeralista de toda a vila. O resto de librerías son máis pequenas e máis especializadas, ocupando espazos, iso si, tamén singulares. Hai librerías nun mercado, nunha adega… A lista das librerías máis interesantes (ou máis curiosas, para que imos negalo) inclúe espazos sorprendentes e así un pode ver ao mesmo tempo unha exposición de arte e mercar un libro ou cruzarse con froitas de tempada e ecolóxicas ao tempo que mira libros de viaxes.

livraria do mercado

A iniciativa recibiu o apoio do municipio e tamén está vendo como florecen outras cousas literarias á marxe das librerías, como por exemplo  The Literary Man, un hotel literario que ocupa un antigo convento e que é considerado o máis grande deste tipo (e o que ten a maior colección de libros).

Fotos Lucía Neira

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *