Daniel ten 20 anos e estivo de vacacións durante a primeira quincena de xullo. Pasounas en Viana do Bolo a onde chegou de Madrid, convivindo con mozas e mozos de Galicia, España e do estranxeiro. Fíxoo nun campo de temática teatral no marco da Campaña de Verán da Xunta de Galicia e os seus campos de voluntariado.
«Intento aproveitar as miñas vacacións para vir, sempre que podo, a Galicia porque os meus avós eran de aquí», explica. «Informeime sobre os campos de voluntariado que hai en Galicia a través da páxina de xuventude da Comunidade de Madrid, comprobei que había un montón de posibilidades e anoteime para o de Viana do Bolo», suma. En Viana do Bolo, os participantes no campo fixeron varias representacións de lendas e mitos da zona na praza da vila, na que se encargaron de todos os seus compoñentes, dende o attrezzo ao guión. Pero, por suposto, non todo foi traballar: tamén fixeron excursións ou rutas.
Pasar o verán dun xeito diferente é unha das cuestións que cada vez motiva máis á mocidade. Os campos de voluntariado son unha desas opcións que permiten unir gozar dos días de desconexión con lograr facer algo máis, como lle pasou a Daniel. Os resultados son moi positivos, altamente memorables. «A verdade é que ía sen expectativas, pero ao final sorprendeume moi gratamente», asegura Daniel, que está máis que disposto a repetir e a volver, de novo, a Galicia. «As actividades dos campos que se ofertan aquí creo que se axustan moi ben ao que queremos os mozos e ademais supoñen unha oportunidade moi boa para coñecer xente, novos lugares e desfrutar da natureza e dos espazos naturais que ten Galicia», apunta.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro e baixo o lema O verán que sempre vas lembrar ofértanse máis de 11.200 prazas en campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, entre outras actividades. En total, para todo o verán, hai 46 propostas de campos. Esta cifra supón, apuntan dende a Consellería de Política Social e Xuventude, «a maior oferta da historia da programación estival do Goberno galego e consolida a Galicia como a comunidade que máis prazas ofrece de todo o Estado».
Pero que se pode facer neses campos? As ofertas son amplas en temáticas e xeografías e abarcan áreas de patrimonio, medioambiente, turismo ou cultura. Sobre o primeiro punto, o abano de accións abrande dende a conservación do medio ambiente, a posta en valor do patrimonio histórico, a cultura, a etnografía, o audiovisual, a arqueoloxía, a dinamización turística ou o ámbito social. Mentres participan, a rapazada colabora desinteresadamente en diferentes traballos e actividades que redundan na mellora da contorna.
A deste ano é a maior oferta da historia da programación estival de voluntariado en Galicia
E esa contorna está repartida por toda a xeografía galega. Así, por exemplo, pódese pasar un tempo nas illas Cíes —o campamento máis antigo das propostas— pero tamén en Santa Comba (A Coruña), Pantón (Lugo), Viana do Bolo (Ourense) ou entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz. Mesmo, existe un campo de voluntariado para a mocidade galega que residen no exterior en Castro de Rei (Lugo). As catro provincias galegas acollen cadansúas propostas.
Para participar, só hai que ter entre 18 e 30 anos e apuntarse na web da iniciativa. E mesmo se pode parecer que levamos xa moito tempo de verán, queda aínda moito tempo para participar nestas accións. Os campos de voluntariado xa celebrados este mes de xullo rexistraron unha elevada participación e practicamente todos eles cubriron as prazas ofertadas, pero quedan aínda os de agosto e setembro. A convocatoria para cada un dos campos está aberta ata tres días antes do inicio de cada un deles, así que só queda botar unha ollada a que ofrece o calendario e escoller o que máis interesa.
mwb8z8
vc0zhj
g8d4tu
y8hwrq
njesvr
l3pl9c
4vzgr3