Midnight Trains, a compañía que quere que percorras Europa en tren nocturno

Os trens pasaron de ser un medio en decadencia –e habería moito que analizar sobre por que chegaron a esa situación– a se converter no medio de transporte de moda. Os viaxeiros que buscan alternativas máis ecolóxicas están dando máis peso ao tren, pero tamén o fan quen están fartos de ter que esperar tempo no aeroporto e de ter que desprazarse ata alí. Os trens son agora unha experiencia, como demostra que mesmo estean volvendo os trens privados.

Este revival de viaxar en tren está tendo unha consecuencia sorprendente: os trens nocturnos, que as compañías ferroviarias levan anos cancelando sen contemplacións, están volvendo a circular. As empresas de centro Europa foron as pioneiras en recuperar esas liñas de sempre, pero o certo é que cada vez están aparecendo máis ideas e máis propostas para asentar o seu retorno. Unha das últimas é a dunha startup que quere que percorramos Europa viaxando de noite como se foramos nun hotel.

A empresa é francesa e chámase Midnight Trains. Por agora están analizando o mercado e vendo como e onde lograrán os permisos de circulación. O seu obxectivo é o de abrir a primeira liña en 2024 e acabar chegando cando menos a 10 grandes cidades europeas. O epicentro da súa rede de trens nocturnos será París e, dende alí, sairán para todas as esquinas de Europa. Irán desde Edimburgo a Copenhague ou Roma. O destino máis próximo a nós será Porto. A compañía terá unha liña –ou iso é o que apunta o seu mapa– que se desdobrara ao cruzar os Pirineos para ir por un lado a Madrid e polo outro a Porto.

“Pensamos que a viaxe conta tanto como o destino”, prometen na súa web. A diferencia do modelo tradicional do tren nocturno, con compartimentos con liteiras que se comparten ou con zonas de asentos comúns, o modelo do seu tren aposta pola privacidade. Igual que nun hotel podes reservar un cuarto para ti ou un no que esteas cos teus acompañantes, a idea dos creadores dos Midnight Trains é xustamente replicar esa experiencia.

Poderás reservar a túa habitación e viaxar durmindo nela de forma privada e cómoda (falan tamén de ter colchóns cómodos). As duchas tamén serán privadas. “A xente quere intimidade”, dille a The Guardian un dos creadores da idea. “Non queren estar nun espazo para durmir cun estraño”, engade. “Queren privacidade, seguridade e unha cama de boa calidade”.

A experiencia completarase con vagóns de restaurante e cafetería. É, insisten na web, unha proposta de “hotel sobre raís”.

Polo momento, non se sabe canto costarán as viaxes, pero a empresa asegura que non aspiran a cobrar polo estilo dos trens turísticos de luxo. Queren competir cos trens das compañías que hoxe operan e tamén cos avións. Explican que se sumas todos os costes ocultos de viaxar en avión (o taxi ao aeroporto, os extras da maleta, etc) o billete do tren nocturno compensará.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *