Cheugy: a nova palabra de moda que confirma que os millennials xa non somos rapazada

Un día es unha millennial, moderna e guay, membro do grupo xeracional da rapazada e o que todas as marcas investigan para entender que vos interesa e como sodes. Outro día es xa unha señora de mediana idade, que non lle interesa xa moito ás marcas a menos que estea tendo fillos (as embarazadas e nais recentes son un target premium, que o saibades) e que non sabe usar TikTok e a xente nova é a disque chamada Xeración Z. E eses mozos están xa vendo como algo un tanto pasado o que facía a túa xeración.

Nese contexto é no que aparece a palabra cheugy, a última obsesión dos medios estadounidenses e que pronto chegará tamén a Europa (o The Guardian xa falou desta historia). Todo o cheugy é aquelo que se puxo moi de moda durante os anos millennials e que está agora un tanto desfasado, aínda que non é exactamente o que se puxo de moda e era cool senón máis ben o que pronto entrou tamén no listado das cousas meh.

Cheugy son os gifs dos Minions (pido perdón por usalos algunha vez… pero están tan ben posicionados nos resultados de busca!), todo o movemento #girlboss, as cuncas con frases medio irónicas, dicir a que casa de Hogwarths pertences ou a xente obsesionada coas zapatillas de deporte. No The New York Times, o medio serio que lle dedicou unha reportaxe longa e logrou con iso que os demais medios serios entrasen no tema, di que é tanto a xente que está pasada de moda como aquela que intenta demasiado ser cool.

En xeral, todo o cheugy tende a ser cousas moi millennial e, sobre todo, moi da cultura millennial feminina.  É case, explican, unha evolución do termo “basic”, que nunca chegou a ser adoptado a este lado do Atlántico pero que tivo moita fortuna naquela beira. O basic é todo aquelo que está por todas partes e esa xente que só fai cousas cando están moi de moda.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by cheug life (@cheuglife)

Para botar máis sal na ferida do que supón en termos de choque de xeracións, a fama do cheugy está moi vinculada a TikTok. O termo foi inventado hai uns anos por unha adolescente estadounidense, que o popularizou entre o seu entorno inmediato. “Era unha categoría que non existía”, dille a inventora, Gaby Rasson, ao Times. De aí saltou á fama mundial –falante de inglés– grazas a TikTok, onde é empregado en vídeos que abordan o fenómeno. O termo non é, por agora polo menos, tan tóxico como basic (hai uns anos, Starbucks tivo problemas de reputación en EEUU porque foi considerado xa demasiado basic polos consumidores e deixou de ser un elemento de desexo e aspiracional). A propia inventora asegura que todos temos algo que é cheugy na nosa vida e somos cheugy nalgún nivel.

Se es millennial, podes dar por sentado que tes algo cheugy dentro de ti. Como apunta unha columnista de Vice, ao final, todo o do “cheuginess” é a última maneira de falar do que parece “vello” e de “facer que os millennials parezan pouco dignos online”. Ao final, é simplemente un aviso máis de que nós, os millennials, estamos envellecendo. Benvidos á mediana idade!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *