Escape: pasa a tarde soñando coa túa próxima viaxe

É martes, aínda arrastras os efectos do cambio de hora (isto non pasaba cando eramos máis novos, non?), e non tes moita gana de facer nada útil. Seguramente estás a imaxinarte camiñando por unha praia na outra punta do mundo ou nesa escapada de Semana Santa que sabes que saberá a pouco. Entendémoste. Poderías pasar a tarde facendo scroll en redes sociais e enfadándote en Twitter ou poderías dar un paso e empezar a organizar esa viaxe que fará que sexas a envexa dos teus seguidores de Instagram. Temos a ferramenta para isto último.

Trátase de Escape, unha web na que con poñer desde onde queres voar e cando, tes os destinos máis baratos por país e por continente. Creada por tres programadores do MIT Senseable City Laboratory en Singapur, como explican nun fío en Reddit, permite visualizar o prezo dun voo de ida e volta (ou só ida) desde a túa cidade ata todas as cidades do mundo (si) na data que escollas. 

Podes ademais filtros como o teu presuposto, a popularidade do destino (se só queres ir a sitios pouco visitados, por exemplo, ou só a lugares moi turísticos), se só buscas voos directos ou se queres só ir a lugares para os que non necesites visado e tamén, moi importante, segundo o tempo atmosférico que se prevé.

Unha vez que atopas un destino que che gusta, non tes máis que facer click e verás todas as opcións de horarios e prezos (colle datos de SkyScanner e Kiwi), escoller unha e mercar os billetes na web do agregador.

Poñamos que quero voar o mércores da semana que vén a calquera lugar, cun voo só de ida. Teño Barcelona por 43 euros ou Gotemburgo (Suecia) por 64 (desde Vigo!). En África o destino máis barato é Agadir (Marrocos), por 133 euros; en Asia, Tel Aviv (Israel) por 138 ou podo voar a Nova York por 270 euros. Se quero ir a un lugar nada popular, que a temperatura estea entre os 15 e os 33 graos e que non vaia nin chover nin nevar, a mellor opción é Laayoune, en Marrocos, por 167 euros. En Europa, Valverde, na illa de El Hierro, por 306. Pero xa postos, por que non voar ata Termez, en Uzbekistán, por só 25 euros máis?

Todo isto para diciros que a web é adictiva e un plan perfecto para unha tarde de martes. De nada.

 

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará