Unhas recomendacións para descubrir por que Braga é o novo destino cool en Portugal

Se cadra porque está moi preto e semella por tanto demasiado próxima, Braga non é un nome habitual nos listados de todo o cool que se pode atopar en Portugal. Antes de que os turistas tomasen Porto, a cidade era o destino de peregrinación da modernez no norte de Portugal. Se xa un se sente máis ambicioso no seu desprazamento, o destino a visitar ten que ser Lisboa, que é unha das cidades máis cool de Europa (e insistamos en que nós xa diciamos todo isto antes de que fora mainstream). Pero a tan próxima Braga non debería ser unicamente o lugar ao que a xente do sur de Galicia empeza a ir a Ikea.

Se cadra, debería ser o novo destino cool de Portugal… polo menos antes de que o descubran a Lonely Planet e todos os medios online. Hai que descubrir Braga antes de que a turistifación chegue a ela (aínda que algo nos fai pensar, tras mirar a nosa bola de cristal, que será a próxima vítima).

Braga ten un forte pasado relixioso. Era a capital relixiosa de Portugal, o que acaba tendo un impacto en como a vemos no presente. Pero… Santiago tamén era unha capital relixiosa e logramos esquecelo para descubrir que mola! (e non o digo eu porque sexa santiaguesa). Braga está chea de edificios barrocos, o que deberíamos empezar a reivindicar dunha vez por todas, e non ten por tanto ese aire Belle Époque – principios do século XX – o que podería ter sido Vigo antes de que o destruíran de Porto.

O seu centro histórico é moi abarcable e pódese ir a case todas as partes interesantes andando (aínda que Braga é lixeiramente máis grande que Santiago). Ademais, e como dato curioso que esperta o interese, Braga e contorna é un punto destacado como fabricantes de instrumentos de corda. Son a segunda rexión de Europa en fabricación destes instrumentos!

A cidade é perfecta por tanto para pasear, para tomar café e para ver edificios barrocos, pero tamén empeza a despuntar como lugar reinventado cheo de atractivos máis contemporáneos. Por suposto, a cidade xa empeza a ter todas esas paradas modernas que parecen inevitables. Hai restaurantes dignos de listados de “as cousas máis cool” e espazos multidisciplinares. É o caso de GNRation (o da foto), un deses lugares que se presentan como “espazo de creación” e que teñen librería/cafetería/actividades e moitas startups, ou de BConcept, que está moi preto da catedral e que é un deses espazos con tendas, cafeterías e cousas hipster.

Restos romanos

Braga é agora sobre todo unha cidade barroca, pero iso non debería facer perder de vista o seu pasado, cando foi a capital da Gallaecia romana (e do reino dos suevos!). Por tanto, a cidade está chea de restos romanos, que che sorprenden onde menos o esperas. Algúns están musealizados de forma exenta, como as temas ou a Fonte do Ídolo, pero outros están integrados con outros espazos. Na estación de tren, por exemplo, pódense atopar restos no camiño que leva ao parking e no chan das Frigideiras do Cantinho (unha cafetería mítica da cidade) tamén os hai. O mellor é pedir na oficina de turismo o mapa especializado que localiza todos os restos visibles/visitables.

Repartidos por toda a cidade

Centésima Página

As librerías son paradas habituais nos nosos percorridos polas cidades. Si, incluso naquelas cidades nas que non falamos o idioma e non o podemos ler. Entramos igual. Non podemos mercar libros (o que nos doe) pero si mirar e mirar como quen está nun museo. No caso que nos ocupa, si puidemos mercar libros, o que é moi perigoso (nin sequera tiñamos as limitacións de maletas das low cost para frear os impulsos compradores…)

Unha selección de libros moi interesante é o principal atractivo da librería (ou sabemos que iso é o que deberiamos pensar) pero non é o único. Centésima Página ocupa o baixo dun pazo barroco, dende a entrada ata o xardín! A librería ten tamén cafetería-restaurante (e se vai bo tempo podes estar no xardín).

Avenida Central, 118-120

Café Vianna

Un deses cafés históricos fascinantes. Non está moi lonxe da librería, así que podedes aproveitar para parar despois de mercar libros e ler cun café. É do 1858 e un deses cafés cheos de historia. Tanto Camilo Castelo Branco como Eça de Queirós (e moitos políticos) tomaron café aquí. O interior segue tendo aire retro (aínda que lle meteron algunhas cousas contemporáneas). O Café Vianna non é o único café histórico en Braga.

Tamén está A Brasileira, , que formaba parte cando abriu (1907) dunha cadea de cafeterías portuguesas coas que unha marca de cafés intentaba dar a coñecer o seu produto. Segue tendo certo aire retro, pero está cheo de xente (nivel é posible que o camareiro pase de ti se non tes moi claro que queres, como pasou na nosa visita).

Praça da República

Museu dos Biscainhos

Na última visita que fixemos á cidade, non nos deu tempo a achegarnos ao Museu dos Biscainhos, así que os comentarios son dunha experiencia anterior: daquela visitamos o museo, o que se fai con guía. O guía é só un vixiante e non fai unha visita guiada (o que é unha mágoa, porque o museo gañaría moito coas explicacións).

O museo é un pazo barroco, que foi entregado á cidade a mediados do século XX para pagar impostos e tras pertencer á mesma familia durante xeracións. O interior permite descubrir como se vivía nunha casa acomodada durante os últimos séculos. O mellor: as cociñas tamén están abertas á visita. O xardín tamén forma parte da visita.

Rua dos Biscainhos

Bom Jesus do Monte

Nunha visita guiada polas rúas de Braga, a guía non facía máis que recomendarnos que fixeramos a ruta dos santuarios que rodean a cidade. Nós non metemos isto por iso. Se o Bom Jesus do Monte está neste listado non é porque de súpeto a Igrexa Católica nos dea cartos para product placement (que non o fan), senón máis ben por unha ‘frikada’ tecnolóxica (que nos pega moito). Ademais das vistas impresionantes dende o alto, o Bom Jesus do Monte é a oportunidade de montar no seu funicular. Foi o primeiro construído na Península Ibérica (é de 1882) e o máis antigo en funcionamento que para o movemento emprega auga.

Estrada do Bom Jesus

Museu da Imagen

Está xusto ao lado do Arco da Porta Nova e ten entrada gratuíta. O edificio en si xa é fascinante, porque integra unha das vellas torres da cidade, pero os seus contidos tamén resultan moi interesantes. Acolle mostras de fotografía dos fondos históricos da cidade. As fotos van cambiando.

Campo das Hortas 35-37

Casa de Camilo Castelo Branco

Non está en Braga e en transporte público require facer un combinado de tren de cercanías e autobús interurbano. É unha peregrinación, pero unha peregrinación que merece moito a pena (se ides en coche é moitísimo máis doado e un pequeno paseo). A vida de Camilo Castelo Branco, escritor clave do XIX portugués, daría para unha novela ou para un serial de Netflix.

Estivo na cadea por ter un affaire cunha muller casada (ela, Ana Plácido, tamén, por certo), casou varias veces (e raptou a unha das noivas), escribiu moito e acabou suicidándose cando descubriu que non había remedio para a perda da visión que estaba sufrindo (posiblemente por sífilis). A súa casa (en realidade, a casa do suposto fillo do defunto marido da muller casada da que falabamos antes e que foi a súa parella máis estable) está preto de Braga e é hoxe unha casa museo con visita guiada (e de balde). A visita guiada é tan fascinante como a propia vida do escritor, facendo que a excursión (mesmo se se fai unha peregrinación en transporte público) sexa unha gran idea.

R. São Miguel 758, 4770-631 São Miguel Seide

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *