«Feliz Black Friday!», di a xente en redes sociais, din as marcas en carteis e publicidade, din os medios de comunicación. O que hai uns anos era marxinal e descoñecido (e hai uns anos máis, inexistente) é agora unha das maniobras de marketing máis populares. Todo o mundo sabe que neste venres negro (incluso durante toda a semana!) baixan os prezos e que é o día perfecto para mercar os agasallos de Nadal.
Pero nestes anos perdemos un pouco a inxenuidade e somos conscientes da parte de verdade negra deste día: desde que as rebaixas non o son tanto ata que igual esta tolemia que nos entra a todos por mercar, mercar, mercar cousas que non necesitamos e que moitas veces chegan de moi lonxe non é o mellor para o planeta. (En realidade isto sempre o soubemos, pero cada ano é máis difícil non velo).
Como sempre que pasa algo así, existe unha alternativa. Neste caso trátase do Green Friday, é dicir, o venres verde, que propón unha forma distinta de aproximación ao consumo: facelo se é necesario, si, pero de forma consciente e responsable. Ou o que é o mesmo: buscar produtos fabricados na proximidade e de forma sostible, apoiar o comercio pequeno e reflexionar sobre se de verdade necesitamos mercar iso no que estamos a piques de gastar os cartos.
Hai algunahs iniciativas para cambiar o negro polo verde (atopamos só en Vigo, se sabedes de máis deixade un comentario!):
- A Fundación Sales, en Samil, terá un posto con infusións ecolóxicas, postos de kokedamas, rosas e poinsettias, un punto de recollida de teléfonos móbiles vellos, visita guiada para adultos e un obradoiro para nenos.
- No centro de coworking Espacio Nido haberá unha festa de moda sostible cunha tenda efímera de marcas éticas de Vigo, cervexa da firma de Barro Cervezas Silvestres, música e moitas cousas máis. A partir das 18h.
- A tenda de cosméticos orgánicos Lilium Nature ten descontos de ata o 40%.
- No restaurante orgánico Amodo inauguran unha exposición —inspirada en árbores, paxaros, insectos e a natureza que nos rodea— da pintora suíza afincada en Gondomar Donatienne Theytaz.
Ademais, por se non estades en Vigo ou só ides vir mañá para o acontecemento estrela, hai moito máis que podedes facer:
- Non merques nada
- Aproveita e leva algo que teñas roto ou escangallado a reparar
- Infórmate sobre que tendas pequenas con produtos locais ou sostibles hai por onde vives (e visítaas)
- Vai de paseo ao monte (xa, o tempo non acompaña moito, pero xa sabes que non hai mal tempo senón roupa inapropiada)
- Cociña algo
- Doa cousas ou roupa que xa non uses
- Merca algo que permita ser máis ecolóxico: unha botella reutilizable de auga; se es de café para levar, unha taza reutilizable; bolsas para o súper, etc.
- Fíxate no que botas no lixo: canto é imprescindible? poderías reducir os teus residuos?
- Aprende a reciclar ben. Esas cousas que sempre dubidas en que contedor van? Fai a investigación esta tarde
- Merca unha planta ou árbore (autóctonas)
Feliz venres verde!