Na longa lista de cousas que descubrimos sobre o amor nos tempos modernos gracias á minería datos (e á nota de prensa nas que as marcas en cuestión dan a coñecer esa información aos medios), temos que sumar agora unha cousa máis. Se o que buscas este verán é unha historia de amor e converterte no protagonista dunha película romántica ou dun telefilme dos da tarde nos que alguén marcha de vacacións e ten unha historia sentimental, terás que escoller ben a xeografía. Non todas as praias serven para esta fin e para lograr o mix praia e éxito sentimental hai que quedar con certas praias concretas. A información non é unha cuestión que saiban as avoas e transmitan aos seus descendentes, como o de poñer unha vela a Santo Antonio, senón unha conclusión que se pode extraer lendo a última nota de prensa de Happn, unha app para ligar (“para coñecer xente”, explican na información), sobre as mellores praias para ligar.
No top ten das dez mellores, non hai nin unha sola praia galega. As conclusións do informe baséanse nos datos de uso da app durante o período de verán do ano pasado (maio a agosto de 2015). Partindo da información de xeolocalización dos usuarios e do volume da súa actividade, a app determina cales son as mellores praias de España (onde hai máis actividade, máis oportunidades para ligar). O top ten está encabezado por Ibiza, coa praia de Santa Eulalia del Río. Non pensedes sen embargo que o lugar vale todo o ano. En verán o seu éxito aumenta nun 315%.
Tras esta praia de Ibiza veñen Marbella (Málaga), Sant Jordi de Ses Salines (Ibiza), Tarifa (Cádiz), Sitges (Barcelona), Fuengirola (Málaga), Benidorm (Alacante), Praia das Américas (Santa Cruz de Tenerife), Benalmádena (Málaga) e Alcudia (Mallorca). Outras zonas non entran neste top ten, pero si conseguen crecementos impresionantes no verán, como Benicasim, onde a porcentaxe de crecemento é do 1.100%.
Fóra dese top é onde se poden atopar as praias galegas. A que ten máis éxito e que é por tanto o destino máis propicio para ligar en Galicia é Sanxenxo, seguida por Ribadeo (a outra única incorporación galega ao listado). Sanxenxo xa aparecía no listado que a mesma aplicación lanzou o ano pasado sobre as mellores praias para ligar. Daquela era a número 14.
Que é o que ten Sanxenxo que a fai diferente? A nota de prensa non di moito máis e non da moitos máis datos sobre as razóns que fan que estas praias teñan máis éxito que outras, máis alá de que alí aumenta a actividade. Facendo unha reflexión en profundidade antes de sentar a escribir este artigo de alcance, non costou atopar unha pauta. A app ten moitos usuarios en Madrid, así que posiblemente eses usuarios que crean un pico de actividade en Sanxenxo sexan eses usuarios desprazados.
É un argumento perfecto para defender por riba de todo á praia de referencia de cada un.
Foto Cortesía Happn