Como é o amor nos tempos modernos

O amor xa non é como nos vellos temposCando comeza Frozen, a última película de Disney de princesas, Anna, a irmá da raíña Elsa, coñece a Hans, príncipe das Illas do Sur. Cantan uns cantos minutos un dueto, cos ollos ben arregalados (todos sabemos que a música e os ollos abertos son as claves que Disney dá para o amor verdadeiro) e deciden casar. Porque o amor é así: pilla a un por sorpresa no porto de Arundel e empuxa a decisións espontáneas e cheas de paixón. Se algo ensinaron as princesas Disney é que o amor chega na media hora primeira con algún príncipe azul chegado de ben sabe deus onde. Así que Hans e Anna están ligados (ou iso pensan) polo amor verdadeiro… ata que o descobre Elsa, a raíña, que queda impactada e horrorizada (como toda espectadora adulta) de semellante decisión, e dilles que iso de casar cun príncipe que non sabes quen é e a quen acabas de coñecer cantando un dueto non lle acaba de parecer moi ben. E Elsa demostra así que pode que sexa unha raíña Disney pero no que toca en cuestións de amor sabe un pouco máis que a media de personaxes da factoría.

Porque o amor, queridos amigos, xa non é como era. Esquecede ás moribundas damas das camelias deixándose morrer de tise por amor. Esquecede todo iso. O romanticismo morreu (e posiblemente haberán quen berre que mira que ben) e deu paso ao mundo dos datos e do big data e de internet. O amor agora é cousa dun algoritmo (como sexa) e todos os datos que fan falta para atopar á media laranxa non só serven para iso, tamén serven para pintar retratos robots (emocionantes notas de prensa que reciben os emocionados xornalistas) sobre como é o amor no tempo de internet. E estas son algunhas das verdades indiscutibles (quen ousaría poñer en dúbida unha emocionante nota de prensa!!) sobre o amor na era do 2.0 (permitídeme usar este clixé).

O amor xa non ten nada de pecadento

Ai, que marabillosos eran aqueles tempos nos que a culpa católica facía que todo o mundo tremese de medo! Con aqueles vimbios podíanse facer todas aquelas grandes obras literarias cheas de culpa, pena, sacrificio e redención. As próximas grandes novelas terano máis complicado para atopar inspiración. Segundo unha enquisa entre os seus usuarios da web Victoria Milán (que é un site non para atopar amor senón para atopar amantes e posiblemente os que mandan as máis sublimes notas de prensa sobre o amor na… xa sabedes… era do 2.0), o 67% dos españois cristiáns que buscan amantes está convencido de que serán perdoados (non pola parella, estamos a falar de Deus), aínda que o 82% pasa das ocasionais ferramentas para conseguilo (nin confesión nin nada). O mellor de todo é que neses 6 de cada 10 hai quen están convencidos de que Deus lles perdoa o adulterio se hai unha boa causa (???).

E, ben, un 18% reza mentres anda na procura dunha relación adúltera para asegurarse a indulxencia.

A culpabilidade é masculina

Polo menos segue a existir quen ten remorsos por ser infiel (tampouco é para rematar dun golpe con séculos e séculos de conflitos literarios): o 77% dos homes (enquisa de Victoria Milán) sente culpabilidade por ser infieis e a metade saben que están a facer algo malo (pero recoñecen que lles senta moi ben). A cousa cambia, por certo, se o foco na pregunta é feminino. O 55% das mulleres non senten culpabilidade en absoluto por enganar á súa parella e so un 30% considera que serían abandonadas se a súa relación ilícita saíse á luz. A portavoz de Victoria Milán déixao claro: “os estereotipos do pasado xa non son válidos”.

E os infieis xa non son malvados!!!

Ti collías unha novela do XIX e sabías que o fulano que enganaba á cándida protagonista que era condenada a unha vida de depravación ía a ser malvado. A ver, un infiel non podía ser unha boa persoa. Se o señor tiña unha amante, polo menos o escritor o pintaba como un mal tipo. Agora iría aviado. Segundo (claro!) unha enquisa de Victoria Milán, os infieis españois autodefinense como “cariñosos, con gran sentido do humor e activos”. “O ter unha aventura non é sinónimo de malicia e egoísmo”, di a portavoz de Victoria Milán.

Pero os cartos seguen sendo un gran motivador amoroso

Segundo un estudio de eDarling de hai xa uns anos (e que como explican na nota de prensa partía da pregunta quen ten máis apetito sexual os ricos ou os pobres?), hai unha diferencia dun 20% entre quen e quen non ten a libido elevada segundo cuestións económicas. A cuestión é (detrás teñen un estudo europeo) que a un maior salario, maior autoestima. E a maior autoestima, maior libido. Aínda que, segundo as conclusións do estudo de eDarling, a libido en España vai bastante sobrada. Un de cada dous españois tena alta.

E atopar o amor é realmente caro

Xa non é só o de ter que saír a atopar o amor (porque por moito que uses internet non cho van traer á casa mentres estás comodamente en zapatillas)… O proceso de buscar o amor na era do 2.0 é unha inversión!! Como fas un curso online de community manager (pon o que máis che motive se este curso non che emociona), tamén tes que pagar para atopar a quen estará contigo ata o final dos tempos. Unha estimación de mobifriends (que son un portal para facer amigos e gratuíto, de aí que manden estas notas de prensa…) abrir un perfil nunha desas páxinas que prometen o amor verdadeiro (ou algo así) sae a entre 155 a 659 euros por ano, dependendo do tipo de subscrición e do tipo de portal.

Pero non desesperedes: segundo as súas estimacións (compararon prezos de 2014 con outros de 2010), os portais que acaban de abrir son os máis caros pero os que levan máis tempo baixaron prezos este ano.

Como te chamas marca se triunfas ou non

Unha investigación de LinkedIn demostrara hai uns anos que o éxito ou o fracaso profesional non depende só do teu currículo senón tamén do afinados que estiveron os teus pais á hora de escoller o teu nome. E algúns estudios alemáns asocian algúns nomes con fracaso escolar. Se todo isto xa vos parecía arrepiante, deberiades saber que o voso nome tamén limita ou mellora as vosas posibilidades no campo de amor.

A variable que pode supoñer o nome para triunfar ou non pode estar no 50%. Segundo un estudio de eDarling de 2011, ter un nome anglosaxón non che deixa moito marxe de manobra para atopar o amor en España. As Jennifer e os Jonathan teñen un 80% menos de posibilidades de éxito na rede. Lucía ou Marta teñen pola contra ata un 90% máis de aceptación e Elena, Sofía, Irene ou Laura un 80. No caso dos nomes masculinos Javier, Fernando ou David están no 90% más de aceptación e Carlos, Pablo ou Álvaro no 80. E aínda que deixan claro que “un nome desafortunado non marca a personalidade” ter un nome ‘equivocado’ fará as cousas máis complicadas.

E finalmente: España é un dos países con maior taxa de divorcios

O 61% dos matrimonios en España rematan en divorcio, o que fai que sexa un dos países do mundo cunha taxa de divorcio máis alta. A estatística é de BusinessInsider e deste mesmo ano.  O divorcio é, iso si, cousa europea. 9 dos 10 países da lista de principais lugares nos que a xente se divorcia están na Vella Europa.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará