Locas Musas: Casar non está tan mal

Locas Musas

Poden ser as vodas algo diferente a un acontecemento pasteloso de exaltación dun amor eterno representado nunhas figuriñas duns amorosos noivos plantados no alto dunha torta non moi saborosa (por que sempre abusan da nata ou do merengue nas tortas das macrocelebracións?) e nas que todo culmina con algunha balada sentimental que fai chorar á nai de alguén? O certo é que, mesmo unha persoa de pouca fe no tema como podo ser eu pode velo, o mundo das vodas está cambiando (segue a ser unha industria millonaria, iso si) e casar non implica xa vestidos brancos con vinte capas de tule, xente disfrazada e excesos. Agora, a tendencia é a de buscar cousas diferentes e os encontros – ou showrooms – sobre vodas mostran cousas que están total e diametralmente opostas a todo iso.

En fin, vouvos confesar unha cousa, como descubrín este sábado nos showrooms de vodas hai cousas que molan. (E non, non sei como vou ser quen de recuperarme disto).

Locas MusasEsta última fin de semana Santiago acolleu o último (cronoloxicamente falando) showroom sobre o tema nupcial, o Locas Musas, que ocupou un dos salóns do moi vintage e lixeiramente romántico (e apliquemos romántico ao estilo decimonónico) hotel A Quinta da Auga. E non, non había vestidos de tule e aires de princesa ao Sissi Emperatriz (o que non deixa de ser paradóxico, en xeral, xa que a verdadeira Sissi non tivo unha vida moi positiva no que a asuntos do corazón se refire), nin figuriñas de porcelana desas que che dan nas vodas e coas que non sabes que facer despois nin tortas de merengue (había, que o saibades, tortas traídas dunha bakery inglesa na Coruña e bombóns artesáns).

De feito, o punto de partida do showroom era algo que non tiña nada que ver con todos eses tópicos sobre as vodas. Era unha exaltación das vodas de outono, que existen e que ao parecer molan. O de casar en outono ten, ademais, un punto de revolucionario xa que o verán é o momento no que todo o mundo quere casar a pesar de que o outono tamén ten o seu encanto.

Detrás de Locas Musas está Más Valor, unha axencia especializada en experiencia de cliente, que ademais non é a primeira vez que organiza o evento. Meses atrás xa o fixeron na Coruña e no futuro agardan facelo noutras cidades de Galicia, como unha feira itinerante sobre vodas distintas. “En realidade isto non é un showroom”, dicíanos Dolores Diz, unha das organizadoras, nunha zona chea de coxíns e cadeiras retro (e na que nalgúns momentos servían coctelería tradicional), “senón un punto que construímos xa que o que queremos é que as marcas se encontren co seu público obxectivo”.

locasmusas

E como son esas marcas, ese público e esas vodas distintas? Son acontecementos que apostan “polo deseño, as tendencias, que non sexa como o que se fixo sempre, con mimo e con calidade”. Todas as marcas que participaban e que deixaban ver os seus produtos, tanto dende as que estaban empezando como as que levaban xa anos consolidadas, confluían nese punto. Moitas das marcas eran galegas, aínda que o showroom e a súa visión un tanto distinta conseguen, segundo nos explicaba Dolores Diz, atraer tamén a firmas de fóra de Galicia. “Chega máis alá”, explicaba. “Hai marcas que están de fóra de Galicia porque escoitaron falar da pasada edición”.

Fotos Susana Ríos, cortesía Locas Musas

Shares

3 comentarios

  • Lucía di:

    A verdade é que foi un evento precioso e moi divertido. Nós xa estiveramos na primeira edición tamén e non dubidamos en ir á segunda, que sempre se coñece xente nova da que aprendes un montón.

    Espero que a xente que foi o pasara ben e aínda que non vaia casar vise cousas interesantes, que por exemplo había cada cousa para á casa…nalgúns casos levábao todo sen pensalo dúas veces.

    E se vos estivestes espero que pasárades un bo rato.

    Bicos!

  • Foi un evento precioso cheo de inspiración ;)
    Gracias por publicalo.
    Un abrazo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *