Poshtels: os hostels de luxo para a Xeración Y

DreamHostel_Communal

Que é o primeiro que chega á túa mente ao pensar na palabra “hostel”? Posiblemente aparezan imaxes de cuartos con moitas camas, baños sucios, lugares nos que durmiches por toda Europa nos que compartiches espazo e ronquidos con estraños. Ás veces só erades catro persoas. Pero quizais tamén teñas durmido nalgunha desas habitacións de 15. Os hostels son eses lugares que prometes non volver pisar cando de súpeto tes un bo soldo, ou cando cumpres os trinta, ou tras pasar unha noite desas horribles nas que o movemento de persoas que entran e saen do teu cuarto non che deixa durmir. Pero claro, unha cousa son as promesas, e outra a realidade. Tes que ir a Londres, o do Couchsurfing non che convence, fas contas… e volves caer.

Temos boas novas: hai esperanza! Lembras o glamping? Ese camping con glamour para xente que xa non está para camping real pero non quere renunciar a durmir na natureza? Agora hai un novo híbrido que, segundo o informe publicado por World Travel Market a semana pasada, será unha das tendencias no mundo do turismo en 2015: os poshtels.

O nome é unha combinación das palabras posh (pijo) e hostel, e deixa xa moi claro por onde van as cousas. Posiblemente nacidos dunha crise que está a deixar a moitas persoas de xa máis de trinta anos cos ingresos que hai dez anos tiña alguén de vinte, os poshtels prometen algo intermedio. Con precio de hostel (de hostel bo, por 10 euros a noite non esperedes isto), os poshtels ofrecen as cousas básicas que esixen os viaxeiros actuais, especialmente pasada certa idade: wifi gratuíto (e que de verdade chega á habitación), cuartos con baño propio, moito mimo no deseño e na decoración.

Segundo o informe, os poshtels están dirixidos principalmente aos membros da Xeración Y, eses que nacemos entre 1981 e 1990 (e aos que non nos gusta nada que nos metan no saco dos millennials), e que somos tamén os que estamos maioritariamente cambiando hostels ou hoteis por apartamentos de Airbnb. A relación está clara: cambiamos aos apartamentos porque son máis baratos ca un hotel (aos que imos nós, xa sabemos que hai cousas que están moi por riba do que nos podemos permitir), moitas veces moito máis bonitos e coidados, e ofrecen maior independencia. Os poshtels prometen darnos iso e, de paso, evitar que sigamos matando á industria hoteleira.

En Trivago aproveitaron o informe de World Travel Market para sacar unha lista cos dez mellores poshtels de Europa. En España están Casa Gracia Barcelona e o U Hostel de Madrid. E para nós, moito máis próximo, está tamén o Gallery Hostel de Porto. Despois, hai poshtels por Londres, Dublín, Budapest, ou Reiquiavik, entre outros. E só ver as fotos dan ganas de durmir neles!

Foto | Dream Hostel (Tampere, Finlandia)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará