Glamping: a evolución do camping cara o glamour

glampingColler a tenda de campaña, acampar nunha praia deserta, acender un fogo, mirar as estrelas… Esa é a idea romántica que moitas veces temos na cabeza de facer camping, co problema de que ao final non todo sae así. Para empezar, facer un fogo está prohibido e a acampada libre tamén na maior parte dos lugares. É necesario ir a un camping con todo o que iso significa: a soidade que buscabamos desaparece, hai que compartir baños que non sempre están limpos, e despois todos os extras cos que non contabamos e que hai moita xente que non aguanta. A presenza de bichos, a dor de costas, os sacos malos que fan que pases frío, as tendas malas nas que entra auga e un longo etcétera. Todo iso supoñendo que lograras montar a tenda.

Sexa porque os anos pasan e o corpo ten de súpeto uns estándares máis altos, ou sexa porque simplemente ti nunca fuches demasiado de adorar a natureza renunciando aos luxos, que saibas que hai unha alternativa para os que aínda queredes vivir algo similar a unha acampada: trátase do glamping, unha tendencia que está a ser explotada desde hai uns anos pola industria hoteleira e de campings e que une glamour e camping. Todos os amantes e practicantes do camping de verdade podedes deixar de ler (antes de dar golpes na mesa e empezar a berrar “iso non é camping! iso non é camping!”). Os que tendes esa idea romántica do camping, pero a realidade nunca vos gustou de todo, podedes seguir lendo.

glamping3Para facer glamping non necesitas nada máis que cartos (aí outra diferencia enorme co camping!): as tendas de luxo están xa construídas, e normalmente inclúen agradables comodidades como camas xa feitas, aseos individuais, luz eléctrica e ata servizo de comida. E, por suposto, o acceso directo á natureza segue aí, fóra da túa tenda perfectamente montada e cómoda. Sacrilexio? Posiblemente, pero está a atraer cara os campings a un novo público, algo que a industria non quere deixar pasar.

Unha pequena busca en Google deixa as cousas claras: hai xa bastantes webs nas que se centralizan distintas ofertas de glamping de todo o mundo (si, o Hostels.com do glamping), con tendas que poden chegar a superar os 1.000 dólares por noite (a cambio de durmir como se foses un maharaja indio – pero tamén hai, por exemplo en Portugal, tendas de luxo por 38 euros). E despois hai máis categorías: casas en árbores, iglús, cabanas…

O glamping tamén está a facer unha entrada forte noutro dos lugares nos que a xente adoita a acampar máis: os festivais de música! Porque aquí facer camping non é nunca idílico: os baños sempre están sucios, hai sempre ruído pola noite, e tes sempre veciños a menos dun metro de distancia. E tendo en conta que os asistentes aos festivais van pouco a pouco sumando anos… por que non ofrecer unha posibilidade menos extrema de aloxamento sen ter que ir a un hotel? E temos un exemplo ben próximo: o SonRías Baixas deste ano introduce o primeiro glamping de España.

Glamping

Tendas de glamping que usará o SonRías Baixas 2013

Un glamping low-cost, claro, non dos das tendas dos xefes árabes: tendas de campaña con esterillas, candado e lámpara de led a pilas, recepción 24/7, seguridade e aseos e duchas diferentes aos da acampada normal. Este servizo, din na web do festival, dálle ao público “a posibilidade de chegar o día que queira, á hora que queiran, e ocupar a súa tenda… sen cargar con ela, sen montala nin desmontala e sen risco de que o aforo se encha antes da súa chegada”. Un pequeno luxo que moitos non desdeñaredes, verdade?

Nas vosas mans queda a decisión: facer camping de verdade ou pasarvos ao lado escuro do glamping. Idade e capacidade económica farán o resto.

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *