Quen non ten morriña dos tempos de estudante? Non (só) polos verán eternos, non (só) pola falta de responsabilidades, senón, sobre todo, pola sensación de aprender cousas novas. Un ía a clase e (se a clase era boa) saía con esa sensación de “que listo son agora”, de tempo ben aproveitado, de mundo abríndose de par en par ante un.
Por suposto tiña a súa contrapartida: a aburrida época de exames, os estresantes traballos e o de quedarse ata altas horas da madrugada facendo o que non se fixera cando tocaba. Pero do que non cabe dúbida e de que, cada día, un sabía máis que o día anterior pero menos que o seguinte. E tras anos afastado do mundo universitario, un sente xusto todo o contrario.
Hai alternativas, claro: hai quen se mete a clase de idiomas exóticos, hai quen decide comezar a tocar o violín mesmo se todo o mundo lle di que é demasiado tarde, e hai quen se apunta a UNED con todo o seu entusiasmo. E está Coursera, unha plataforma de educación virtual que che permite facer cursos das mellores universidades completamente gratis.
Creárono hai un par de anos dous profesores da universidade de Stanford: Daphne Koller e Andrew Ng.; co obxectivo de mellorar a experiencia educacional online a través de un novo modelo de aula, e de ofrecer cursos gratuítos accesibles para calquera persoa do planeta. En outubro de 2012, ofreceron os primeiros cursos, a cada un dos cales se apuntaron máis de 100000 estudantes. Hoxe, en verán do 2013, podemos atopar case 400 cursos dispoñibles, impartidos por profesores de máis de 80 universidades, entre as que destacan a de Yale, a de Princenton, a de Brown, ou en España, a Universitat de Barcelona.
O único malo de Coursera é que, de momento, o 95% dos cursos son en inglés, o que pode ser unha vantaxe para quen queira practicalo, pero tamén pode ser un motivo de pereza absoluto para quen o teña xa un pouco oxidado. Este próximo ano haberá, iso si, polo menos 11 cursos impartidos en castelán.
Formar parte desta experiencia masiva de aprendizaxe é moi fácil. Solo fai falla acceso a Internet e apuntarse ao curso desexado. O método de ensinanza baséase nunha combinación de contidos en vídeo (onde vemos ao noso profesor explicándonos a lección) e interacción entre compañeiros, con foros, discusións e avaliacións. O obxectivo é que cada estudante chegue a dominar a materia tras traballar nela, cada un ao seu ritmo. Por suposto, ninguén te obriga a facer os traballos, xa que podes simplemente ir vendo os vídeos da clase que te interese e pasar do resto de “accesorios”. Hai que ter en conta que ao ser gratuíto, é moi fácil deixar cada curso á metade, pero o visto, visto está, o aprendido, aprendido queda.
A pregunta do millón e a seguinte: serve para algo facer un curso en Coursera? Desde un punto de vista persoal, non hai dúbida de que si, pois facer un curso destas características resulta máis sinxelo (e precisa de menos vontade) que poñernos a indagar pola nosa conta en novos temas de interese. Desde un punto de vista profesional pode que tamén, pois hai moitas materias esixentes que nos ofrecen ferramentas e habilidades necesarias para desenvolver diferentes tarefas laborais. Desde o punto de vista dos títulos, Coursera serve de pouco, porque aínda que están implementando un sistema de certificados oficiais (polos que si habería que pagar unha pequena taxa) polo momento a maioría dos cursos non contan con el. Pero como dixo o profesor dun curso ao que me apuntei: “Este curso non vos servirá para nada tanxible, pero tampouco lles serve aos meus alumnos de Princeton -era un curso de literatura- e eles teñen que endebedarse para poder facelo. Vós tédelo gratis”.