Podo durmir no teu sofá?

Sempre me deron certa envexa eses que contaban que, nas súas viaxes, os paisanos lles ofrecían cama e ata pequeno almorzo, so polo pintoresquismo de albergar un estranxeiro. Recordábanme  a historias anacrónicas de aventureiros recibidos cos brazos abertos nun pobo primitivo deses nos que nunca pasa nada. Parecíame que así debía ser o mundo, mesmo se eu sería a primeira en pensarmo dúas (¿corenta?) veces antes de quedarme nunha casa pechada con estraños. Un mundo aberto, amigable e seguro.

Iso é o que ofrece CouchSurfing, só que menos azaroso e ben planificado. Trátase dunha rede social que naceu hai oito anos co obxectivo de que os viaxeiros do mundo ofrecesen a outros viaxeiros un sofá para durmir, uns amigos para saír ou uns consellos para coñecer a cidade. E eles mesmo deixan claro o obxectivo: participa en crear un mundo mellor! Hoxe, contan con tres millóns de usuarios en 230 países.

As avantaxes son innumerables, tanto para o que pide coma para o que dá. A principal é a económica, claro, aínda que ninguén pode dicir iso claramente sen quedar mal. Pero é que ademais coñecer a xente doutros sitios sempre é un sopro de aire fresco e permítete practicar idiomas. Por non falar de que visitar unha cidade cun local non ten nada que ver con visitar a cidade segundo unha guía turística. E aínda que todos adoramos viaxar, a todos nos gustaría ser os únicos. Visitar unha cidade cun oriúndo é a mellor maneira de integrarse no ambiente e de evitar a todas esas persoas con sandalias e cámara fotográfica.

Marina, couchsurfer en Alemaña, comezou a utilizar CouchSurfing na súa época de Erasmus, cando un tende a viaxar moito con poucos cartos. “Pareceume unha boísima filosofía, práctica e enriquecedora, pero ao mesmo tempo algo inxenua e fácil de malinterpretar“.

E é que a primeira dúbida que lle asalta a alguén cando oe falar de CouchSurfing é: pero vas meter alguén na túa casa? E se te mata? O certo é que aínda que en ningures se está seguro 100%, CouchSurfing conta cunha serie de técnicas de verificación da bondade dos seus participantes. O básico é o sistema de referencias dos usuarios: xente que xa coñeceu a esa persoa en particular e dá fe de que se portou ben con eles. Ademais, existe a verificación dos datos e credenciais especiais para aqueles polos que alguén está disposto a responder. Así que o importante á hora de usar CouchSurfing é facelo de maneira responsable.

De todas maneiras, para os que queiran facer amigos polo mundo, pero non vexan claro o de meter a ninguén en casa que saiban que tamén se pode ofrecer unha visita pola cidade ou un café.

A segunda dúbida é: pero ti utilizas iso para ligar, non si? Pois claro, hai xente que utiliza CouchSurfing para ligar, porque é unha forma ben fácil de coñecer a estranxeiros (que xa sabemos que o toque exótico puntúa) guapos (porque podes ver a foto). Pero se molestan sairá nas súas referencias e serán fáciles de evitar.

E estraño estar en casa de alguén? Por suposto, pode selo. Para evitalo, convén ler coidadosamente o perfil do que te hospeda (ou no caso contrario do que vén a túa casa) e ver se hai algo en común. E é que CouchSurfing non consiste (ou non debería consistir) en ter simplemente aloxamento gratis. “Se a min no me custa nada ter a alguén na casa -di Rafaella, que leva só unhas semanas na rede, pero xa aloxou a tres persoas na súa casa de Liverpool – por que non vou facelo? Eu non necesito ter nada en común con ninguén, só quero facer un favor porque sei que se agradece”. Esa opinión non é a máis frecuente, porque o certo é que á maioría dos anfitrións non lles gusta ver tomado o seu fogar coma se se tratase dun hotel gratuíto. Unha boa conversa, unha típica cea e avisar con suficiente tempo, parecen mínimos imprescindibles para que todos gañen co amaño.

O mesmo se es ti quen está a procura de sofá. Buscar a alguén limpo e cun horario adaptable parece necesario para evitar malas experiencias. A relación que se cree será a que as dúas persoas decidan. Hai quen deixa moi claro que só podes estar na súa casa con el presente, e quen che deixa as chaves. Se teño que falar pola miña experiencia, podo dicir que é posible chegar a sentirte como na túa casa, mesmo se  compartes un apartamento de 20 metros cadrados.

Da mesmo opinión é María, quen afirma que CouchSurfing permite unha forma de viaxar máis real, a través de autóctonos que te permiten coñecer como é a vida cotiá neses lugares. “Pero CouchSurfing non serve só para viaxar, tamén se crea unha comunidade nas distintas cidades de xente que queda, fai actividades, e permíteche coñecer xente nova de moitos sitios diferentes e ir máis alá do teu circo anquilosado de amigos de toda a vida”.

 Fotos | Diesel Demon e Hipnos

Shares

    7 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *