Las Vegas é como un parque temático para adultos. Para empezar están todas esas estrañas atraccións que ofrecen os hoteis, que, por outra parte, son temáticos. Está o hotel-casino francés, o que é veneciano, o exipcio, o neoiorkino… Para continuar, están todos os xubilados que teñen dificultades de mobilidade e fanse cunha motiño/cadeira de rodas para poder ir de máquina comecartos a máquina comecartos (si, veredes uns cantos: chegan e aparcan, baixan da motiño e escalan ata as altísimas cadeiras dos comecartos). E para rematar están todas esas tendas híper-luxosas ou híper-raras (hai un universo M&M!!) nas que podes pasar o rato.
Se ides non vos perdades:
1. The Venetian. É un dos hoteis máis luxosos da cidade e está na parte norte da Strip. Deixádevos sorpender (non vou a falar de horteradas, porque cando falamos de Las Vegas é mellor esquecer ese concepto) coa estraña experiencia de atopar uns canais e uns gondoleiros na planta 3 dun hotel. Insisto: os hoteis de Las Vegas non teñen nada que ver co que vós imaxinades como hotel. É un concepto difícil de explicar, pero mesturan o casino, co centro comercial, co hotel e coa zona de restauración, todo nun mix que che permite entrar nun sen case saír do outro. Por iso, poderedes fisgar todos os casino-hoteis aínda que non esteades durmindo nel.
O Venetian ten temática veneciana, claro está. Podedes atopar réplicas moi exactas dos monumentos da cidade italiana fóra e dentro do hotel. No vos perdades, por favor, a praza de San Marcos cos seus canais. Xiraredes nunha esquina chea de tendas que podería ser un centro comercial normal e acabaredes nun lugar cheo de auga. A palabra para definilo é flipante. Os gondoleiros (podes facer un percorrido polos canais) cantan arias en italiano e o teito está pintado con nubes e azul ceo para dar sensación de realismo. É bastante efectivo e se o pensas é desacougante.
2. New York, New York. Dato impactante da Lonely Planet: a ponte de Brooklyn real é cruzada cada ano por 200.000 peóns. O de mentira do hotel casino New York, New York por 15 millóns. Se pensabades que atopar unha góndola cando te perdiches no teu camiño á túa habitación era xa algo impresionante, aquí verás, mentres comes un hot dog, aos ousados que montaron na montaña rusa que percorre todo este hotel. Temática neoiorkina, cun barrio tipo ‘Friends’ no interior e unha estatua da liberdade no exterior.
3. París Las Vegas. Vale, alucinan con París e con Francia. Tanto que lle adicaron ao país de Sarkozy este macro hotel casino (un dos meus favoritos) que cumpre todos e cada un dos tópicos sobre o país. É como se o debuxante que fixo o pobo francés da Bela e a Besta deseñara o interior deste casino. Os letreiros en pseudofrancés (si, é inglés afrancesado para darlle un toque galo) son un pouco vergoñentos, pero hai crêpes, unha torre Eiffel á que podes subir e ver as vistas como se acabases de baixar do metro en Bir Hakeim e unha atmosfera do máis oh! là là.
4. Museo da Era Atómica. Teredes que coller un autobús urbano, aínda que podería ser un paseo se estivesen acostumados a camiñar e non fixesen dos paseos unha ginkana. Non atoparedes a ninguén alí, pero a visita é moi interesante. Houbo unha época na que o nuclear era decididamente cool e a xente peregrinaba a Las Vegas para ver as explosións de proba. Hoxe sabemos que aquelo era hipertóxico e hiperperigoso, pero daquela non sabían tal e todos adoraban as nubes seta que aparecen despois da explosión. A parte histórica é a mellor, aínda que terás que purgar algún exceso patriótico. Poderás probar a sensación a escala reducida de vivir unha explosión nuclear (os sons, o aire…) e é bastante desacougante.
5. Ler información en castelán. Las Vegas ten unha elevada porcentaxe de poboación latina, polo que moitas cousas están rotuladas en inglés e en castelán. Perde o tempo léndoas. Hai tantas absolutamente WTF que che arrancarán unhas risas.
6. Freemont Street. Colle un bus urbano e fai unha excursión ata o norte do norte, alá onde acaba a Strip. Semellará que vas onde Cristo perdeu a zapatilla pero é moi recomendable. Alí están as iconas da cidade, como o vaqueiro de neon ou as máquinas comecartos con panca e que cuspen moedas. Alí están os tipos chungos que che din (en inglés claro) ei muñeca. Un must.
7. Os espectáculos dos hoteis. Fontes que danzan coa música (tipo Titanic), volcáns que explosionan cada hora con lava e lume reais, leóns aos que lles dan de comer na boquiña, sirenas sepsis que toman ao asalto o barco duns piratas macizorros… Faite cun horario de espectáculos e percorre a Strip norte a sur e sur a norte véndoos. Son gratis e son tan dignos de Port Aventura que asentarán a sensación de que estás nun parque temático. Como europeo poderás sacudir a cabeza e pensar en conversacións moi profundas bebendo viño tinto e vestindo de negro.
8. Vai facer a foto co welcome to fabulous Las Vegas. Hai un na entrada sur da cidade e outro na norte. Son iguais e son un clásico do neon da cidade. O do sur é alcanzable andando dende o final da Strip. É un paseo, pero pode facerse (e verás cousas moi sinistras e pouco turísticas que che ensinarán a cara B do paraíso do turismo) aínda que cada vez que lle pidas indicacións a un local dirache que sigas recto e sobre todo sacudirá a cabeza coa túa ousadía peregrina. Hai que facer cola para botar a foto, como pasa co Maneken Pis, o touro de Wall Street ou a Fontana di Trevi. As iconas sonche así.
9. O Circus Circus. Pode que non estea en moitos itinerarios turísticos, pero é tan decrépito que vaga a pena ir. É un deses macrocasinos que tiveron o seu momento de gloria pero que agora perdeu posicións. A temática é circense, pero as pistas dan a impresión de ter cores esvaídas, os traballadores de estar un pouco deprimidos e os bonecos da tómbola (si, hai unha) parecen ter tantos anos como os propios e son tristes, moi tristes. Un paraíso.
10. Tendas! Se as máquinas comecartos vos saturan e non vos atrevedes a ir todo ao negro nas mesas (hai unha aposta mínima de 20 dólares), deixádevos caer polas boutiques. Hai un H&M no Caesar Palace, pero despois esquecede o mundo do gran consumo. Hai boutique tras boutique e deseñador tras deseñador.
E sobre todo non esquezades ser completamente provincianos. A ninguén lle estrañará que quededes coa boca aberta e mirando como parvos o que sexa. Outro o fixo antes que vós. E uns mil antes que ese outro. Ser aldeán é o mellor de Las Vegas. Pasea, mira e queda bobo. É o máis divertido que podes facer no lugar máis raro do planeta.
Fotos | Disquecool