Cando o atómico era decididamente cool

Esperando á explosión nuclear no deserto de Nevada

Houbo unha época na que a xente non lle tiña medo ao nuclear. Bebían cócteles chamados atomic, peiteábanse á moda atómica e atesouraban merchandising nuclear. O atómico era decididamente cool e ningún lugar era máis cool que Las Vegas. Estamos a falar dos anos 50.

Durante a Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos desenvolveu un armamento nuclear, algo que ningún outro país tiña entón. As bombas nucleares hai que probalas e, trala guerra, o Goberno dos Estados Unidos decidiuse polo deserto de Nevada para facer os seus test nucleares. Escolleu unha zona plana, na que podían pasar dez días sen chover (o preciso para non contaminar a toda a poboación) e que estaba moi despoboada. Vivía unha tribo india, para quen o terreo era sagrado. Pero iso, xa se sabe, pouco importa.

A zona dos ensaios nucleares estaba non moi lonxe de Las Vegas. O paraíso dos casinos e o pecado (e as vodas) converteuse de paso no paraíso do atómico. Os casinos-macrohoteis que comezaban a formar Las Vegas tiñan incluso puntos de avistamento: os miradores permitían aos turistas ver unha explosión nuclear no horizonte, coa súa impresionante nube, mentres gozaban das vacacións e tomaban un Martini.

Acceder á zona dos ensaios para ver as probas tampouco era moi complicado. Agora pode sorprendernos, pero entón os test atómicos facíanse con público, coma unha exhibición aérea calquera. Durante os anos 50, cando a URSS xa conseguira igualar os logros de EEUU, chegaron a explotarse bombas atómicas con soldados nas trincheiras, a pé da zona de impacto, para ver que pasaba.

Todo este traxín atómico trouxo unha boa chea de cartos á zona. Segundo ao parecer dixo un dos pais da moderna Las Vegas, a bomba atómica foi unha das mellores cousas que lle puido pasar á cidade. Vendíanse estampas coa nube tóxica ao fondo, axitábanse os vasos alcólicos con axitadores atomizados e elixíase cada ano a Miss Atomic, que posaba orgullosa co seu look atomic style. Preto de Las Vegas naceu incluso unha nova cidade, Mercury, para os traballadores nucleares.

Agora o atómico non está tan de moda. Xa non é cool. E unha moratoria impide facer probas nucleares no chan dos Estados Unidos: no skyline de Las Vegas hai casino-hoteis mastodónticos e nada de nubes atómicas. Mercury está abandonada e a zona de probas é terreo militar de acceso limitado. Poucos turistas saben que isto sucedía hai nada, aínda que a sempre eficiente guía da Lonely Planet recomenda como visita obrigada un museo sobre o tema.

The Atomic Testing Museum está lonxe da Strip, a concorrida rúa na que están todos os grandes casinos da cidade. Hai que coller o bus urbano (unha aventura en si mesmo) e confiar en que a mole de formigón que sinalan é realmente interesante. O é. Dentro espera esta historia incrible: as memorias dun tempo no que o atómico era decididamente cool.

*Pódese visitar o museo virtualmente no seu enderezo electrónico

Foto antiga |Nevada Tumbleweed

Foto Museo | disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *