Acéptoo. Non temos moi claro en que estación vivimos. Temos que sacar xa o abriguiño de entretempo (esa categoría tan digna da avoa pero tan útil)? É tempo de traer de volta do exilio ás medias? Podemos por fin entregarnos a sofá, mantiña e series sen sentirnos culpables? Quen sabe. As estacións son cada vez máis confusas e, aínda que oficialmente esteamos xa no outono (segundo o que din no ministerio de Fomento), aínda é posible ter esperanzas de que non vai chover de xeito inmediato. Pero iso non nos debe apartar da tradición. E a tradición é que en canto chega o outono Disquecool publique unha selección de katiuskas para a nova tempada (porque, en serio, intentar sobrevivir aos meses que nos agardan sen botas de auga é bastante suicida). Se o ministerio de Fomento di que estamos en outono, nós sacamos o noso artigo.
1. Kigu
O primeiro que vos teño que deixar claro é que estas katiuskas NON son de neno. Kigu é unha marca londiniense que fai cousas para adultos inspiradas no kigurumi, que é unha tendencia xaponesa de facer pixamas que son disfraces e que os adolescentes xa meteron no street style. Así que a próxima vez que vaiades ao Primark e vexades o pixama que teñen que é un león, xa sabedes de onde lles chegou a inspiración. Os de Kigu fan capas, ponchos para a chuvia ou pixamas, todo de inspiración animal (a foto é para que vexades do que falo porque unha imaxe vale máis de mil palabras).
E tamén fan katiuskas, que son as máis apropiadas para a xente creativa (recomendaría iso si manterse a unha distancia prudencial de nais e avoas galegas, xa sabedes que teñen unha lingua afiada). Non tes que ir a Londres a por elas. Están polos 55 euros en Asos e algún modelo por menos de 50 en Zalando. Iso si, en números do 36 en diante.
2. Melissa
Sempre poñemos un exemplo de katiuskas das baixiñas e estas ademais serven de escusa para unha excusión a Portugal. Melissa acaba de abrir tenda en Porto (si, teño a Vogue.pt no Facebook e estou ao día das tendas que abren alá), a segunda no país despois da de Lisboa. Así que está a nada de nós (tamén venden online, pero só con portes gratuítos en Portugal así que mellor facer a viaxe). Como todo o de Melissa (e si, todos os seus zapatos son plasticosos) non son nada baratas (90 euros) pero teñen un nome do máis suxerinte. Moon Dust. Po de lúa.
3. Juju
Se temos que levar botas de auga polo menos podemos deixarnos levar: vaiamos a polo máis plasticoso e de cores máis atrevidas que se poda atopar. A miña aposta deste ano polo plasticoso son estas katiuskas de Juju, que son como unha lambonada de fresa falsa feita zapato. Segundo a súa descrición son vintage (supoño que inspiradas pola era atómica…) pero o interesante é que podes camiñar con elas polas corredoiras de noite sen levar chaleco reflectinte. E só saen por 28,95 euros (en Zalando). E si, hai máis cores. E si, pode se que sexan mesmo mellores.
4. Británicas
Pode que saiban da chuvia tanto como nós, así que… por que non homenaxear aos británicos nas botas de auga? Estas botas son poderosamente británicas, porque están cheas de cousas que seguro que lle gustan á Queen Elizabeth. Xinetes e canciños feos: todo moi Windsor. Están entre os 40 e os 60 e algo euros en Amazon
5. Rollo naturalista
Amamos ModCloth e queremos que chegue a este lado do Atlántico. Mentres podemos mirala para inspirarnos e suspirar como namoradas do pasado.
Estas bota de auga chámanse Interpretive Naturalist Rain Boot, que non me digades que non é un nome que che fai querelas xa. Con esa denominación só che falta coller un sombreiriño de explorador victoriano para sentir que estás a piques de descubrir algunha fauna perdida. Están nos 59.95 dólares (menos de 48 euros) pero cun Atlántico entre nós e elas.
Foto Kara Harms / tendas