Hai cousa dun mes, se cadra mes e medio, en plena busca de tema para Disquecool, din cuns artigos en varios medios británicos que falaban dunha nova e estraña tendencia: os hipsters, dicían, están a encher a súa barba de flores. Por que non falei disto no momento? Porque pensei o que todos estades a pensar agora: si, xa. Pero entón fun ao Paredes de Coura. E vin a representación humana desta tendencia. En persoa. Un rapaz con barba. Unha barba con pequenas flores insertadas grazas á súa densidade. Crin que o soñara, pero houbo máis avistamentos por parte doutras persoas. A barba floral, flower beard en inglés está nas rúas. Temos un pouco de medo.
De onde vén todo isto? En primeiro lugar, é necesario ter en conta que o de poñer flores na barba non é unha idea nova. Hai probas gráficas que datan do ano 1.977 e estamos seguros de que xa se facía moito antes tamén. Igual que todas as rapazas temos posto nalgún momento algunha(s) flor(es) no cabelo, supoñemos que os homes barbudos tamén senten esa pequena necesidade, xa sexa en broma ou en serio, cando se atopan nun prado cheo de pequenas florciñas silvestres. E os anos 70, cando a xente que ía a San Francisco tiña que poñer “algunhas flores no pelo”, parecían o momento perfecto. Pero a orixe da tendencia actual atribúese a dúas fontes principais.
1. En xaneiro de 2013, a florista Sarah Winward publicou en Internet unha serie de fotografías do seu marido con flores e outros elementos naturais na súa longa barba, xusto antes de cortala. O corte ía por petición dela. A idea de poñer flores na barba, xura Winward, foi cousa del.
2. A cousa quedou aí ata marzo deste ano, cando o blogger Piette Thiot, famoso polo seu Tumblr Will it beard que, si, consiste en fotos del con cousas na barba, puxo unha foto con flores.
Cando en xullo apareceu un Tumblr adicado exclusivamente a imaxes de homes con flores nas súas barbas (Fuck Yeah Flower Beards), a tendencia quedou instaurada. Fai a busca en Instagram co hashtag #flowerbeard. Atoparás de todo: barbas máis e menos longas, flores máis ou menos grandes, todo tipo de densidade tanto de pelo como de flores. Hai ata unha rapaza cunha tatuaxe do motivo!
Quizais sexa só tendencia en Instagram e non tanto polas rúas. Ou quizais se convirta na versión masculina das coroas de flores que dun tempo a esta parte toda adolescente leva como must nos festivais de música. Haberá que esperar. De todas formas estamos xa case no outono. Cando volva a primavera veremos se as barbas dos hipsters volven a dar flor.
1 comentario