Top 10 de 2014: Isto é o que vai ser tendencia en 2015

8602452916_efdcec472c_z

Xa sabedes que o ano está a piques de rematar e cando toca a fin do ano toca facer resumos do que sucedeu. E un deles (é o que tocaba a min para hoxe) é o de analizar que tendencias estiveron marcando a axenda durante o período. Pero (e máis alá de que me daba un pouco de preguiza buscar o que molou e xa non mola), que sentido ten saber o que se levou cando podes saber o que se levará? Iso é o que realmente interesa, porque así podemos poñernos por diante da marea e chegar antes que ninguén ao tema que importa.

Todos escoitamos xa que a cor que marcará a nosa vida o ano que vén será o marsala, unha desas cores que nunca sabes de que lado do círculo cromático cae porque non está moi claro se é marrón ou se é vermello feo (e non, non o sei eu pero tampouco o sabe realmente Pantone. Na nota de prensa do anuncio dicían vermello algunha vez e outras dicían marrón). Algúns críticos xa sinalaron que é a cor más fea nunca escollida como cor do ano (pero, a ver, en teoría a culpa non é de Pantone, eles toman o que están facendo os demais para escollela), pero iso non impedirá que ocupe o noso mundo como unha epidemia.

Pero non só o marsala vai ser tendencia. Na lista de cousas que estarán de moda e empezarán a aparecer por todas partes hai unha morea de cousas e de tendencias de vida, de moda e de comida. Pinterest fixo unha lista coas máis indicadas (algunhas son sorprendentes e outras farán chorar aos nenos de Primaria que comen no comedor e a min mesma, só vos invito a mirar a primeira), como demostran os datos que extraen do que os seus pineadores están comentando de xeito recorrente.

Estas son as tendencias de 2015. Xa me diredes que vos parecen

P1050713.JPG

1. A coliflor. Teño unha amiga que posiblemente chore de emoción tras anos de incomprensión ante este punto. Pero posiblemente sexa a única de toda a poboación da Península Ibérica. Segundo a sabedoría de Pinterest, a coliflor é “a nova col rizada” que non sei exactamente que verdura sería en galego pero a Wikipedia en portugués insinúame que podería ser repolo. O repolo (se a tradución é a correcta) estaba sendo o rei da cociña cool en Estados Unidos, pero agora é moi 2014. A coliflor será a nova raíña.

2. Esquece o washi tape, o que mola é a madeira. Xa vedes. O outro día estaba comentado cunhas amigas que os coñecementos do meu bisavó carpinteiro perdéronse coas novas xeracións (aínda que penso que útil, o que se di útil, sería recuperar o que o meu bisavó zapateiro sabía e ter sempre as tapas dos meus zapatos á última), pero iso xa non ten porque seguir así. O futuro inmediato di que a madeira é cool e que o DIY que tes que facer non é meter ensaladas en botes, senón traballar na madeira. Os de Pinterest non coñecen á xente trapalleira.

3. O normcore estará de boom. En 2015 todos a mercar camisetas básicas no Alcampo. O normcore non marchará co cambio de ano. Estará aínda máis de moda. E a idea de vestir sen marcas para non deixarse levar pola marea… será a marea.

alfombra4. As alfombras-plantilla serán recorrentes. Nin alfombras con aires de grandeza como se fósemos ricos de hai 200 anos que poñían alfombras Aubusson. Nin copias cutres desas alfombras. Nin cousas modernas. Nin alfombras de Ikea. O que se levará en 2015 é pintar directamente no chan cunha plantilla.

5. Os zumes de froitas serán moda. Tomar zumes de froitas está de moda (pensade nas cartas de zumes que hai nos bares e nos sitios de zumes que hai xa nalgunhas cidades) e leva estándoo dende hai uns anos por aquelo de que é san e molón. Os famosos que toman zumes estraños fan que sexan aínda máis recorrentes. A moda seguirá no 2015, a pesar de que xa leva tanto tempo sendo mainstream que debería estar a piques de pasar á seguinte fase.

6. O reinado das barbas dos (e dos) lumbersexuais. Xa sabedes que cada certo tempo aparece unha nova etiqueta para falar dos homes, as tendas énchense de produtos asociados e as revistas de consellos sobre como ser o que sexa. A tendencia do momento son os lumbersexuais, que é algo así como leñador featuring hipster. Con barba, por suposto. (Que xa sabemos que as barbas están de moda) (Ata con flores) 2015 será o ano dos uns e dos outros: é dicir, é a época das barbas lumbersexuais porque é o ano deste grupo desaliñado. Podería ser peor. Podería ser o ano dos papichulo.

7. O do smartwatch si vai ser tendencia. Que si, que é verdade, que se o di Pinterest xa non é só cousa de catro geeks. A xente vai ver que os reloxos intelixentes están de moda.

8. O novo cool nas fotos é a dobre exposición. Supoño que é porque lle da un toque vintage rollo foto de pantasma victoriana. A cuestión é que nova moda do ano que vén nas fotos non serán os selfies. O demo os leve!, e, se vos vale para algo, Gartner – macro consultora tech influínte e poderosa – dixo que o herdeiro do selfie chegará para 2017 (pero será vídeo! rollo autovídeo, así que non sei que será peor). Tampouco os filtros de Instagram. O cool será facer fotos en dobre exposición pero con ferramentas dixitais.

9. Islandia é o destino máis molón. Islandia estará de moda e será o lugar ao que todos os que saben o que está ben irán. Se cadra é un efecto Xogo de Tronos, pero nós queremos pensar que é porque Islandia é o paraíso dos libros

10. Os xardíns verticais serán mega tendencia. Os xardíns verticais xa andaban por aí nas tendencias de xardinería dos últimos anos e para 2015 serán super tendencia. Fai sitio nas paredes da casa, porque xa sabes o que toca.

Fotos Jessica Spengler, PinterestMike Linksvayer

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará