Dicía a miña profesora de lingua e literatura castelá de segundo de Bacharelato, que Valle-Inclán tivera unha etapa carlista porque lle parecía que era como máis estético. Xa sabedes: o de que as monxas ocultaran pistolas nas partes ocultas das sancristías parecíalle algo máis literario. Pero non era a única cousa que a Valle-Inclán lle resultaba fascinante (e que hoxe en día parece un tanto sorprendente ou que é menos recordada): o escritor estaba tamén fascinado polo mundo dos espíritos, polo máis alá e por todas esas prácticas que intentaban captar o que facían os outros.
En realidade, este era un interese do máis mainstream. A finais do século XIX e principios do XX a xente estaba completamente obsesionada con mundo do alén e os espectáculos espiritistas e as sesións de contacto cos espíritos eran recorrentes. A ciencia que estaba a aparecer no momento axudaba a crear aínda máis interese polo misterio, posto que moitos eran os que procuraban demostrar o mundo do alternativo e do máis alá usando a ciencia. As fotos de pantasmas, por exemplo, non era nada estrañas (e hai uns anos houbo en París unha exposición realmente fascinante que mostraba todas esas fotos que intentaron facer de auras, espíritos e mensaxes da ultratumba). Os raios-X mostraron algo que ata o momento non se podía ver e fixeron que estes entusiastas se convenceran de que poderían demostrar tamén que unha cousa que ninguén vía tiña fundamentos reais.
Moitos foron os que se entregaron á febre espiritista. O máis coñecido é Arthur Conan Doyle, o creador do personaxe literario máis científico dos últimos séculos, Sherlock Holmes, que se volcou no mundo dos espíritos despois de que un dos seus fillos morrera durante a Grande Guerra. A dor empurrouno a crer que había non só unha vida despois da morte senón que esta era permeable co mundo real. Conan Doyle foi un dos grandes defensores do espiritismo, pero non o único como non foi o mundo anglosaxón o único que se entregou a estas ideas.
O espiritismo tamén tivo entusiastas en España e un deles foi Ramón María del Valle-Inclán, autor dunha moi esquecida obra sobre o tema, La lámpara maravillosa. Ademais, escribía en medios dese pao e tiña relación con eses círculos, como ben recordan nun dos primeiros capítulos do moi fascinante Valle-Inclán y el insólito caso del hombre con rayos X en los ojos , que acaba de publicar La Felguera Editores. O libro, cunha edición que chama especialmente a atención, permite unha primeira ollada a ese mundo dos misterios que movían a eses círculos no principios do século XX e, sobre todo, permite descubrir unha das historias máis trapalleiras (desmontada polo mesmísimo Houdini) da España espiritista e entregada aos misterios da época.
O rapaz con raios-X nos ollos
Valle-Inclán foi un dos grandes valedores de Joaquín Argamasilla, o fillo do marqués de Santa Cara (unha das figuras prominentes do círculo do misterioso da España do momento e un dos amigos de Valle-Inclán), quen dicía (ou iso defendía o seu pai) que tiña raios-X nos ollos. Podía ver a través das caixas opacas e descubrir o que había dentro das caixas: se había un reloxo, dicía a hora; se había unha tarxeta de visita, o nome de a quen anunciaba. Argamasilla medrara nun entorno fortemente entregado ao insólito (espiritismo, poderes e capacidades sorprendentes) e se cadra por iso acabou facendo o que fixo (e créndoo), como teorizan nun dos capítulos do libro.
O caso Argamasilla pronto espertou o interese da prensa, que lle dedicou entusiastas capítulos. As poucas queixas eran silenciadas e non tidas en conta, porque quen apoiaban ao rapaz eran nomes de moito peso. Unha rede clientelar de intereses e relacións acabou de aupar ao rapaz con raios-X nos ollos, que parecía unha das novas proezas do desenvolvemento mental. Argamasilla cruzou entón o charco e foi a Nova York, onde acabou atopando ao seu enterrador.
Harry Houdini non era só un dos grandes ilusionistas do momento, senón que era tamén un dos grandes avogados da verdade. El deixaba claro que todo o que se facía tiña truco e traballo, que ninguén era capaz de conseguir todas esas grandes proezas grazas a misterios ou espíritos que axudaban. Ao principio el quería crer (a súa nai morreu e quería pensar que podería falar con ela no alén) pero pronto descubriu que iso era imposible (a manifestación da súa nai falaba un estupendo inglés, cando ela en realidade falaba fatal esa lingua e comunicábase con fillo en yidish).
Houdini fixo entón un obxectivo vital o de destapar as fraudes. Todo aquel que prometía grandes cousas grazas a incomparables capacidades ou fío directo coas pantasmas era analizado con rigor polo ilusionista, que sempre acababa destapando o seu truco. Foi o que fixo con Argamasilla, no mesmo momento no que intentaba demostrar en Nova York que tiña visión rayos-X. Por suposto, a historia tiña truco. E, aínda que cando volveu a Madrid os xornais publicaron que a tournée fora un rotundo éxito (mentira), así rematou a carreira de Argamasilla. Pouco despois asegurou que perdera a facultade e moitos anos despois (xa durante a ditadura) acabou sendo responsable da censura teatral e cinematográfica e director xeral de Cinematografía.
Valle-Inclán y el insólito caso del hombre con rayos X en los ojos vén de ser publicado por La Felguera
http://www.imperdivel.net/964-valle-inclan-lusofilo-documentos-1900-1936.html