Nacerá a gran novela galega no mes de novembro? (Feliz NaNoWriMo!)

escritora

No mes de decembro tes que ser moi feliz e sorrir tanto como sexa preciso para que ao final do mes che acabe doendo a cara de tanto estiramento facial, porque estás en pleno de mes de Nadal e todo o mundo sabe que o mes de Nadal ten que ser o máis feliz de todo o ano (porque estás coa familia, porque hai luces de cores, porque o di El Corte Inglés e porque todo o mundo volve a casa). No mes de febreiro teste que vestir con algún traxe incómodo e bailar toda a noite (non de todos os días) porque é Entroido. No mes de agosto tes que estar tostándote na praia porque é verán (e deberías esquecer a climatoloxía que che rodea). E no mes de maio…O mes de maio é o mes das flores, así que supoño que terás que mercar cantidades industriais das mesmas.

Pero en novembro terás que facer algo aínda máis importante e máis interesante que todo iso: terás que escribir unha novela. Preguntaraste por que. É que alguén acaba de decidir salvar a literatura galega por decreto? É que ser escritor é de súpeto máis rentable que ser famoso? Non, non é iso. A obriga de escribir unha novela é tan cultureta e tan polo amor ás letras como o de ser escritor (e pobre). Todo naceu nese lugar no que todo é posible chamado internet.

O de escribir unha novela en novembro é o NaNoWriMo. Novembro é, por consenso da rede, o mes para escribir. Todos os participantes no reto deben comezar unha novela no día 1 de novembro (vaia, podes comezar hoxe se queres, non che dirán nada) e continuar escribindo durante todo o mes (recomendan que o fagas todos os días, pero podes deixalo para os derradeiros momentos e facer un super sprint final) para conseguir rematala cando dean as últimas horas do mes. En total, tes que ter escritas 50.000 palabras. Cando o consigas conseguirás un agasallo (unha insignia online, tampouco penses que isto é polos cartos) e a recompensa moral do traballo feito.

Saen grandes obras mestras do NaNoWriMo? Saíron xa algunhas novelas publicadas e populares, aínda que o obxectivo non é que escribas o best-seller do ano e deixes o traballo, senón que consigas rematar un traballo creativo e sobre todo que lle deas unha oportunidade ao escritor que todos levamos dentro. E, quen sabe?, ao mellor si escribes unha obra mestra ou unha novela das que pasan aos anais da literatura. Dende Corín Tellado ata Dostoievsky ou Arthur Conan Doyle, varios son os escritores que escribiron obras que coñeces en menos dun mes.

Para participar só precisas algo co que escribir e un perfil na web da iniciativa. Alí poderás poñer cada día as palabras que levas escritas e ver proxeccións de cando poderás ter rematada a túa novela. Se eliminas o traballo, os vídeos de gatiños, internet en xeral e aos teus seres queridos (que son as principais distraccións dos escritores) rematarala sen dubidalo. Pero se non queres prescindir de todo iso, tamén o conseguirás. Só tes que poñerlle boa vontade.

Foto  Library of Congress

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *