Irmás Cartoné, a nova editorial que definitivamente amarás

Irmás Cartone

Posiblemente moitos de vós teñades moitas queixas sobre o estado da literatura galega. Non sexades tímidos. Podedes compartilas. Eu teño unha colección de queixas que daría para facer unha morea de artigos rollo listicle. Aproveito calquera momento no que podo para compartilas en voz alta, como se eu puidera converterme nun lobby… Pero, para que vos vou enganar, non creo que nunca me poña a montar unha editorial e a publicar todas esas cousas que me gustaría atopar nas librerías e na forma na que me gustaría poder atopalas. Ou non creo que todo o meu intento de ser lobista pase máis alá dunha charla de café. Por iso iniciativas como a que hoxe vos vou presentar (e como algunhas outras que teño na miña colección de cousas literarias galegas que amo) acaban chegando ao meu corazonciño de lectora e fan que as ame dun xeito case incondicional.

Hoxe imos falar de Irmás Cartoné, unha das últimas incorporacións ao panorama das editoriais independentes galegas que ten dúas cousas básicas que fan que sexa moi doado namorarse dos seus libros. A primeira é que o título co que se estrearon xa está a marcar que van apostar polas portadas bonitas e coidadas (un pouco escola-Impedimenta, poderiamos dicir). E a segunda é que se van a centrar na tradución de clásicos que quedaron un tanto esquecidos nas letras en galego. Descubrimos a Irmás Cartoné este verán (e foi daquela cando falamos cos seus responsables tomando un café) pero agora que chega o outono e toca sofá, mantiña e lectura ben está botarlles un ollo.

Detrás de Irmás Cartoné están dous namorados das letras. “Parece máis arriscado do que en realidade é”, explícanos Celia Recarey, unha dos cofundadores da editorial cando lle preguntamos a clásica pregunta de se hai que estar un pouco tolo para montar unha editorial coa que está caendo. “Levamos moito tempo como freelances no sistema editorial”, apunta, polo que xa coñecen como funciona este mundo. “Levamos moitos anos pensando en montar algo”, confésanos Celia Recarey. Ademais, a editorial céntrase nos clásicos (que están xa no dominio público na súa versión orixinal), así que a inxección de capital previo non é tan elevada como a de lanzarse a captar novos talentos. E, igualmente, explican, os custes de crear unha editorial son hoxe menores do que poderían ter sido hai uns anos grazas a impresión dixital. (E non, non hai incribles subvencións de ningún organismo de normalización ou emprendemento para facer cousas así. Tamén o preguntamos).

Apostar polos clásicos non é só unha cuestión de contar cuns libros que, en orixe, son xa libres, senón tamén unha maneira de traer uns títulos aos que ata agora había que acceder ou na versión orixinal ou na súa tradución en castelán.

irmas cartone 2

A editorial estreouse coa versión galega de Orlando, o clásico de Virginia Woolf, e no futuro quedaranse con autores franceses, rusos ou italianos, ademais de cos clásicos en inglés. “Parecíanos que era un libro que resultaba estraño que non estivera publicado en galego”, dinos Carlos Valdés, o outro pé de Irmás Cartoné. E quen fala de clásicos en realidade non ten porque falar só de autores do Século de Ouro e cousas semellantes (pensemos que en realidade Kafka, Henry James ou Francis Scott Fitzgerald xa entran, se nos poñemos a reflexionar, no que é ser un clásico). E a portada – si –  é visualmente bonita, nesa liña de aires de ilustración un pouco retro que fai que tantas coleccións de libros os prefiras sexa como sexa en papel a en formato electrónico.

Para o seu próximo libro, en Irmás Cartoné van apostar por “un clásico freak”, unha historia dun autor do XIX sobre un sacerdote ao que lle impediran a ordenación, Hadrián VII.  Era unha historia “moi marciana”, á que se lle poden atopar ata paralelismos co papa Francisco. E, en fin, nunca se sabe onde están os tesouros ocultos.

Irmás Cartoné vende na súa web pero tamén en librarías repartidas por toda Galicia. E se na túa libraría de cabeceira non a teñen, sempre lla podes pedir ao libreiro.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *