Defred fala galego

A verdade é que a min non me apetecía moito lelo. Confeso que as distopías están unidas na miña mente ás clases de filosofía na Secundaria e no Bacharelato e, aínda que intento non pensar en todas as cousas que fixeron na escola para evitar que lese cousas logo, dábame moita, moita preguiza (incluso sabendo que se trataba de un libro icónico e dunha novela feminista clave). Pero aínda así unha tarde dun sábado de hai un par de anos, alá cando estaba a piques de estrearse a adaptación en serie, sentei coa tablet, con O conto da criada de Margaret Atwood descargado na miña app de Scribd. O servizo de lectura tiña a edición estadounidense dispoñible e eu tiña que ler un libro adaptado a serie para o Retópata, o reto de lecturas de Librópatas. Botei toda a tarde sentada lendo: aquela era unha novela desas das que se podes a les nunha sentada.

E, como son moi de reler, agora planeo volver pasar unha tarde sentada con O conto da criada nas mans. Desta volta, iso si, non o farei na edición estadounidense e inglés, senón que o farei coa tradución galega da novela. Irmás Cartoné publica a novela, nunha tradución a dúas mans por Celia Recarey e Carlos Valdés e que chegará ás librarías o próximo día 23, xusto no Día do Libro. Defred, a protagonista dunha historia distópica na que as mulleres perden os seus dereitos (pero para a que Margaret Atwood usou como base datos reais para a súa escritura, nos anos 80), falará agora en galego.

Nesta recta final para a aparición do libro, falaba con Irmás Cartóne por correo electrónico e preguntáballes pola razón pola que decidiran publicar O conto da criada. “Tratamos de guiarnos por un criterio de calidade da obra, pero tamén dunha posible relación co noso tempo. Aínda que tenue, ademais da estética, hai un fío que relaciona todos os nosos títulos e vertebra Irmás Cartoné, sexa por temas (muller, clase, traballo, sociedade etc.), sexa por calidade literaria”, explicaban. “Neste caso concreto foi en gran medida a conciencia de que social e politicamente era o momento apropiado, aínda que é evidente que a serie televisiva contribuíu a darlle nova relevancia a unha obra publicada hai máis de tres décadas”, engadían.

E sumaban un elemento máis, tendo en conta o que hoxe en día se pode atopar cando se intenta ler esta novela dende Galicia: “Outro aspecto importante que nos fixo decidirnos foi a arrepiante tradución ao castelán pola que tiña acceso ao texto o público galego que non soubese ler en inglés”.

Un fotograma da serie televisiva

Un fotograma da serie televisiva

A novela encaixa ademais coa liña editorial que Irmás Cartoné intentou manter dende un primeiro momento. Cando falabamos cos seus fundadores, meses despois da súa chegada ao mercado editorial, explicábannos que ían publicar clásicos traducidos ao galego, obras que quedaran á marxe da oferta editorial dispoñible. “Desde o principio tratamos de aclarar que o noso concepto de «clásico» non se limita a obras escritas antes ou no inicio do século XX, aínda que nos títulos anteriores a O conto da criada a maioría deles corresponden a este período”, lémbrannos agora.

“Publicamos textos aos que non se prestou atención no mercado editorial galego, que resistan máis dunha lectura e aos que o paso do tempo non reste valor senón que llo engada”, apuntan, sinalando que O conto da criada “cumpre eses criterios, ademais de estar dunha lamentable actualidade nun momento no que se están a cuestionar avances sociais que custou moito acadar ao mesmo tempo que se nos tratan de vender como avances cousas que non serven máis que para perpetuar a discriminación da muller na nosa sociedade”.

Negociar en galego

O conto da criada é unha novela tan recoñecida e que nestes momentos está vivindo un momento de tanta popularidade que é inevitable, cando se escribe sobre un ecosistema literario como o galego e se sente unha certa curiosidade sobre o mundo editorial e o que ocorre fóra do que o público pode ver, preguntarse como se negocian os dereitos dun libro como ese.

Iso si, Irmás Cartoné non é a primeira editorial que publica a Margaret Atwood en galego. Rinoceronte xa o fixo antes con Oryx e Crake, outra novela distópica de Atwood. Resulta moi complicado o proceso de negociación ou axuda que unha editorial do mesmo ecosistema literario xa estivera en contacto con esa autora? Coñecían xa os seus axentes como funciona o sistema literario galego?

“Resultou moi doado, moi anglosaxón”, apuntan. “Como ben dis, os axentes xa coñecían a situación do galego como lingua minorizada e as peculiaridades do sector editorial galego, entendemos que polo título de Margaret Atwood xa publicado en galego por Rinoceronte. Tivemos a sensación de estar ante unha enorme maquinaria ben engraxada e afeita a tratar con editoriais de todo o mundo, cada unha coas súas particularidades”, engaden.

Un ano de traballo

Aínda que ás lectoras a idea de ter que esperar por un libro non nos entusiasma e desexaríamos que os plans das editoriais fosen sempre o inmediato, os libros teñen sempre un tempo de traballo detrás.

Outro aspecto importante que nos fixo decidirnos foi a arrepiante tradución ao castelán

No caso de O conto da criada foi dun ano. “O ano pasado por estas datas estabamos no inicio do proceso, pechando a cuestión dos dereitos. Unha vez asinado o contrato coa axencia de Atwood, comezou un traballo (de tradución, ilustración de cubertas e interiores, deseño, revisión do texto, maquetaxe…) que resulta complicado medir na súa totalidade dado que polo medio se foron intercalando outros proxectos tanto da propia editorial como de colaboración das compoñentes de Irmás Cartoné con outras editoriais e empresas varias”, explican.

E tras eses meses de traballo a novela está xa lista para saír ao mercado. A edición galega é 50 céntimos máis barata, por certo, que a edición de castelán en Salamandra (que ten, permitídenos opinar, unha capa que nesta redacción non nos entusiasma fronte á de Irmás Cartoné que amamos), un dato que nos chamou a atención e polo que non puidemos evitar preguntar ás súas editoras. “Respecto ao prezo, a nosa política desde o nacemento da editorial foi sempre ser accesible a canto máis público mellor, sen por iso arrombar calidade e estética”, din. “Neste caso, dentro das marxes que nos podiamos permitir, tratamos de manternos fieis á esa intención e propiciar o feito de que, quen saiba ler en galego, teña máis elementos a favor de seguilo facendo”, afirman.

“Esperamos unha boa recepción do público, claro, pero sendo conscientes das limitacións do mercado no que nos movemos”, recoñecen, cando lles preguntamos por como esperan que reaccionen os lectores galegos ante a novela.

Nós só podemos dicir que vos fagades coa novela e vos sentedes a ler.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *