Comeza un ano e chega o momento de facer análises sobre o que deixou o ano saínte. É o momento das estatísticas e dos estudos! (que, deberiades saber como lectores de medios, é un dos contidos que os xornalistas amamos porque permiten facer grandes conclusións e titulares ben limpiños).
O último deses estudos sobre o estado das cousas que permite facer o peche do ano é o Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros 2018, que acaba de publicar a Federación de Gremios de Editores de España, a asociación estatal que agrupo aos libreiros. Como todos os deste tipo de estudos os seus datos son fascinantes, axudan a comprender os hábitos de lectura e as ideas que se teñen sobre os libros e a literatura e, grazas a que os datos están en ocasións segregados por comunidades autónomas, permiten facer estudos derivados a medida. É o que fixemos nós empregando os datos sobre lectura en Galicia, analizar como se le en Galicia (que o veredes cun formato pregunta e resposta porque é moito máis usable e, para que mentir, máis divertido de escribir).
Antes de nada, habería que pintar o retrato robot do lector en España que é, como levan dicindo xa moitos estudos ata o momento, o dunha lectora. O 67,2% das mulleres son lectoras en tempo libre (fronte ao 56,2% dos homes). As mulleres len máis libros e máis redes sociais, mentres os homes len máis xornais, cómics, blogs e foros.
Canta xente le dun xeito regular?
O estudo apunta, en xeral, que en España le cada vez máis xente dun modo regular. O 67,2% da poboación española é lectora de libros, unha media superior á da análise do ano anterior. Un 49,3% dos españois son lectores frecuentes (len máis dunha ou dúas veces por semana). Iso si, un 38,2% dos españois non le en absoluto.
O barómetro non separa os datos dos lectores xerais por comunidades autónomas, pero si o fai cos lectores por ocio. Os datos de lectura en Galicia son mellores que en 2017 pero seguen por debaixo da media do estado. O 59,6% dos galegos é un lector de libros en tempo libre (fronte a media española de 61,8%). Galicia é a terceira comunidade no listado de lugares que están por debaixo da media. As boas novas son que os números presentan un crecemento de un punto porcentual. Os lectores por ocio en Galicia eran o 58,6% en 2017.
Cantos libros mercados e onde?
Galicia volve estar por debaixo da media do estado, pero non tan lonxe dos datos xerais. En España un 50% mercou polo menos un libro (e de aí para arriba) en 2018. De media, cada persoa fíxose con 8 libros no ano. En Galicia a media de libros mercados por persoa é de 7,3 libros e o 48,5% da poboación é compradora de libros.
Os libros seguen sendo mercados en librarías. O 69% dos participantes no estudo mercou o último libro adquirido nunha libraría fronte ao 26,3% que o mercou online (con Amazon e Casa del Libro dominando esas compras). Estas porcentaxes son estatais.
Cal é a situación do galego no mercado dos libros?
Nunha palabra: mala. Os números son os números e o que din é que a xente non quere ler en galego (e dan algunhas indicacións de por que pode ser que iso pase).
O barómetro preguntou aos lectores (de todo o estado) polas linguas nas que len de forma habitual e ocasional. O total (de toda España, é importante sinalar) é que o 0,2% de toda a poboación le dun xeito habitual en galego e que un 3,5 o fai dun xeito ocasional. A gráfica indica tamén que dun xeito xeral (aínda que ese é un punto ultraconfuso en como están desglosados os datos así que… a saber que queren dicir) o 72,4% da poboación de Galicia le dun xeito xeral (sumando ocasional e habitual) en galego.
Agora imos cos datos do idioma no que se prefire ler se puidera escoller idioma: en Galicia, o 93,7% da poboación prefire ler en castelán, fronte ao 4% que prefire o galego (2,3% outro idioma). En Cataluña as porcentaxes son 62,8% castelán e 34,9% catalán e en Euskadi 94,2% castelán e 5,4% éuscaro (datos para crear contexto). Os datos son moi semellantes se se fai unha separación por material (vamos, que dan porcentaxes moi similares en libros, blogs ou xornais).
Un 33,3% dos lectores galegos que leu en castelán recoñece que o fixo porque non atopou o que quería en galego
Preguntados polo derradeiro libro que leron, en Galicia o 88,9% dos lectores apunta que foi en castelán e un 7,3% en galego (3,8% noutro idioma). Preguntados, aqueles que non leron en galego, pola razón pola que non escolleron un material de lectura nese idioma un 42,8% recoñece que o fixo porque lle resulta máis sinxelo ler en castelán, pero un 33,7% explica que foi porque o que quería non estaba editado nese idioma. Ese dato é máis importante que o non ser capaz de ler dun xeito suficiente en galego (1,1%) ou o de que non é sinxelo atopar ese libro que quere en galego (5,4%).
Pero os datos tamén teñen un punto positivo: o ano pasado medrou a compra de libros en galego. Preguntados por en que idioma estaba o último libro que mercaron, o 0,5% (de todo o estado) sinalou que en galego, o que supera o 0,1% de 2017. Os datos son superiores en Galicia. Un 8% dos participantes galegos apunta que o libro estaba en galego. Non parece unha porcentaxe para tirar foguetes pero mostra unha tendencia positiva: en 2017 era o 4,8%.
Existe unha fractura real entre a lectura infantil en galego e a adulta?
Os datos de lectura infantís non están separados por comunidades autónomas senón que son en xeral de todo o estado, pero aínda así apuntan unha tendencia se se van analizando partindo da mesma base (total España). O 5,2% dos menores de 6 anos len (máis ben élles lido) en galego. Na seguinte franxa de lectura, as cousas caen lixeiramente. Son xa os nenos os que len directamente e, nas súas lecturas que non sexan de libros de texto, o 4,2% teñen como idioma de lectura o galego. Nos adolescentes (10 a 18), xa non hai datos separados de lectura en galego, que asumimos que entra no montón dos “outros idiomas”.
En xeral, conclúe o estudo sobre hábitos de lectura a nivel xenérico, os nenos len moito máis que os adolescentes. “A lectura nos nenos é algo xeral”, apuntan nas conclusións. “Sen embargo, comeza a decaer a partir dos 14 anos”, engaden.
Como vemos ás bibliotecas galegas?
Sacan un notable na puntuación, pero as bibliotecas galegas son as que sacan peores notas (só superadas polas de Baleares). Os galegos dan unha puntuación media dun 7,9 (a mesma que en 2017) ás súas bibliotecas, por debaixo do 8,1 de media en España que conseguen estes centros.
Gráficos | Federación de Gremios de Editores de España
Fotografía | Pexels